A visita do galeguista Xaime Illa Couto animouno a dicir as últimas palabras

La Voz

LEMOS

06 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Había días que Ramón Piñeiro case non desapegaba as pálpebras. A visita do galeguista Xaime Illa Couto -que xunto a Fernández del Riego e outros crearon a editorial Galaxia- provocou a reacción destoutro persoeiro. Branca (Penzol) díxolle: «¡Mira quen te veu ver!». De súpeto, collendo folgos de onde non os había, logo de oír a voz do insigne economista, abriu os ollos para pronunciar: «¡Vaia ho!, mira en que mal momento fuches vir». «Expresouno con ese sentimento que sae de aló de dentro», afirma Ángela.

Domingo García-Sabell e algúns membros máis da familia desprazáronse ata Castropol -localidade moi visitada por Piñeiro- para velo e se cadra para despedirse. A outros xa non os puido recibir debido ao progresivo e rápido empeoramento do seu estado de saúde. «Toda a familia foi partícipe do que se estaba a facer. E levamos a cousa bastante ben grazas a que el axudounos moito a todos co seu natural sosego».

O maior artífice do Proxecto Galaxia mantivo a súa enteireza ata o final e só ás veces esvaraban como bágoas algúns laios provocados pola falta do máis elemental. «O día 26 chamamos a Santiago para comunicar o inminente desenlace».

Traslado a Compostela

Non houbo que facer máis có xa previsto. «Sobre a hora do xantar chegou a ambulancia que o trasladou ao clínico da Rosaleda, en Compostela». A luz do pensador extinguíase. Naquel cuarto, á espera, estiveron a súa irmá Sara e a sobriña Ángela, segundo constata esta mesma.

Na mañá do 27 de agosto de 1990 morría Ramón Piñeiro, un home que serviu a Galicia en corpo e alma e foise sen pedir nada.