O viño e o románico fan un «bon xuntoiro» en Pantón

LEMOS

Arrancan as tradicionais xornadas culturais do municipio, que se cruzarán de novo coa feira vinícola

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde hai dezaséis anos, a Feira do Viño de Pantón coincide coas Xornadas da Ruta do Románico, que se veñen celebrando ininterrompidamente no municipio desde 1988. Os programas destas dúas celebracións foron onte presentados conxuntamente no hotel balneario de Augas Santas polo alcalde José Luis Álvarez e a profesora Flora Enríquez, coordinadora das xornadas culturais. No acto participou tamén Rubén Moure, en representación dos adegueiros do municipio.

Ao cabo de todo este tempo, segundo afirmou Enríquez, «pódese dicir que o viño e o románico forman un bon xuntoiro e que poden ir do brazo». En opinión da profesora, o patrimonio artístico medieval «pode ser unha marca de calidade de Pantón» e combinarse coa tradición vitícola local a fin de que un aspecto e outro reforcen mutuamente o seu atractivo.

Polo que respecta ás Xornadas da Ruta do Románico, as actividades programadas para esta edición comezarán hoxe coa apertura no edificio multiusos -ás 20 horas- dunha exposición fotográfica que reflicte a vida cotiá do municipio a mediados do século XX e recupera imaxes da antiga festa de san Isidro. Este festexo, abandonado hai décadas, recuperouse onte pola noite cunha cea e un baile na praza do Concello, por iniciativa dos veciños de Ferreira.

Conferencias

O programa das xornadas comprende este ano dúas conferencias, previstas para os días 22 e 29. En ambos casos, os actos comezarán ás oito da tarde no salón de plenos da casa consistorial. A primeira conferencia, baixo título Como e por que algúns lugares cambian de nome , correrá a cargo de Xosé Antonio Palacios Sánchez, catedrático de filoloxía galega da Universidade de Vigo, e analizará as transformacións experimentadas pola toponimia tradicional galega. A segunda charla será pronunciada por Xosé Pérez Vilariño, catedrático de socioloxía da Universidade de Santiago, e tratará sobre A Ribeira Sacra e a ruta románica, unha marca de calidade para Pantón .

O día 22, por outro lado, inaugurarase no centro sociocultural unha exposición fotográfica sobre A vida do pobo saharaui , preparada pola asociación monfortina Salvador Allende. O 24, ás sete de tarde, a igrexa do convento de Ferreira acollerá un concerto do grupo musical soberino O Trícole. O programa pecharase o 21 de xuño cunha ruta de sendeirismo polo municipio. Os interesados en participar poden chamar aos teléfonos 982????456????005 e 982????456????377.