O compositor Juan Durán asiste hoxe en Monforte a un recital de obras súas na igrexa do Colexio da Compañía
13 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A igrexa do colexio da Compañía acollerá a partir das sete da tarde de hoxe un concerto dunhas características moi pouco habituais. O pianista Antonio Queija Uz ofrecerá un recital cuxo programa comprende exclusivamente pezas orixinais do compositor vigués Juan Durán Alonso, unha das principais figuras da musica contemporánea en Galicia, que estará presente no concerto.
«Programar un concerto monográfico de pezas para piano dun autor vivo que está actualmente en plena actividade creativa, e que ademais é un compositor galego, non é nada frecuente nin no sur lucense nin en moitos outros lugares», sinala Manuel Randulfe, director do conservatorio privado Adagio, que organiza esta actuación. «Para o compositor será tamén unha experiencia nova, porque nunca se lle dedicou un concerto deste tipo, aínda que a súa música é interpretada habitualmente en moitas salas prestixiosas», engade.
Juan Durán é autor de cerca dun centenar de obras de diversos xéneros, entre os que destacan pezas como as cantatas Longa noite de pedra -inspirada na célebre obra poética de Celso Emilio Ferreiro- e Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz -con textos do poeta Miguel Anxo Fernán Vello- ou a ópera O???????arame , con libreto do dramaturgo Manuel Lourenzo. Durán cultiva preferentemente a música de cámara e o Lied ou canción lírica. Segundo explica Manuel Randulfe, «a súa obra supón unha evolución moi interesante da música tradicional galega. É unha música culta e de vangarda, pero moi accesible para todo tipo de público», agrega. Ademais da súa obra como compositor, Durán ten desenvolvido un labor intenso no ensino musical e traballou na recuperación de compositores galegos como Juan Montes, Marcial de Adalid ou Juan José Castro Chané .
O intérprete, Antonio Queija, é profesor do Conservatorio Profesional de Lugo e desenvolveu tamén a súa actividade didáctica no centro musical sarriao Cantiga. «É un músico prestixioso e moi aprezado por este compositor, que o considera como un intérprete especialmente adecuado para executar as súas composición para piano», apunta Randulfe.
Pezas
O programa do concerto de hoxe comprenderá dez pezas de Durán agrupadas baixo o título de Juguetes , así como as composicións Fantasía sobre un tema popular, O??????????menino e a escola , El valle de la inquietud e El árbol escrito . O centro que organiza a actuación dirixiu convites a todos os conservatorios de Galicia, dado o especial interese do concerto.