«Granxas con pouco terreo téñeno difícil para ser ecolóxicas»

Cristina López

LEMOS

Os custos e a rendibilidade destas explotacións foron analizados nun congreso

08 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Paralelamente á celebración de Expo Lugo, o Pazo de Feiras da capital luguesa acolleu o domingo e o luns pasados o Congreso de gandería de vacún e avicultura ecolóxicas, organizado polo Craega, cuxo secretario fai balance nesta entrevista do que deu de si dito congreso, no que, ademais de coñecer a experiencia de diversos produtores, se falou dos custos e a rendibilidade deste tipo de agricultura.

-¿Que experiencias se deron a coñecer neste congreso?

-Os asistentes puideron coñecer por exemplo a experiencia de produtores coma José Manuel Fraga, que preside a cooperativa galega de carne ecolóxica (Cogace), ou José Manuel Vázquez, da cooperativa Burgo de Negral, de Friol. Tamén contamos coa presenza do xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez Ruíz, que conta cunha fábrica propia na que se procesan uns 500.000 quilos de iogur ecolóxico. Por outra banda, o xerente da cooperativa Biocoop, de Verín, José Luis Vaz Fernández, falounos do seu sistema de comercialización de carne ecolóxica, o sesenta por cento da cal é de razas autóctonas, e dunha nova iniciativa consistente na posta en marcha en varios puntos de España dos denominados restaurantes verdes, nos que unicamente se servirá carne ecolóxica.

-¿Que conclusións se extraen dos estudos que se presentaron?

-O congreso serviu para dar a coñecer varios estudos nos que se fai unha comparación entre a agricultura intensiva e a extensiva. Un deles, realizado por unha investigadora do Centro de Mabegondo, Teresa Moreno, reflicte unha maior presenza de ácido linoleico e outros ácidos graxos no leite das vacas que se alimentan con pasto fronte ás que comen penso e outros concentrados. Conclusións igualmente favorables se obtiveron noutros estudos nos que se analizaron os custos e a rendibilidade das explotacións ecolóxicas fronte ás intensivas. En ambos casos o resultado final global foi positivo a favor das granxas ecolóxicas. En calquera caso, tal como manifestaron especialistas coma Xan Pouliquen, hai que ter en conta os factores que determinan a maior ou menor rendibilidade destas explotacións. Está claro que as granxas con pouco terreo téñeno difícil para converterse a ecolóxico. Neste sentido hai que lembrar que a normativa establece que o número de cabezas por hectárea é de dúas.

-¿Que se dixo sobre as enfermidades que afectan ao gando vacún das granxas ecolóxicas?

-Deste tema falou Isabel Blanco, doutora en Veterinaria da USC. Segundo esta experta, as reses das explotacións ecolóxicas padecen máis das patas porque camiñan máis. Tamén se poden ver afectadas por parasitos intestinais, xa que ao aproveitar tanto a herba dos pastos poden chegar incluso a inxerir terra. Isto ten fácil solución se se leva a cabo unha rotación de fincas. Por último, ao igual que ocorría nalgún dos estudos aos que se fixo referencia, esta especialista tamén constatou que a maior ou menor presenza de graxa no leite destes animais viña determinada pola súa alimentación.