Racionalidade ambiental

Natalia Díaz

LEMOS

A agricultura ecolóxica obtén produtos de gran calidade a través do emprego de técnicas respetuosas co medio natural

27 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos últimos anos o consumo de produtos ecolóxicos experimentou un importante aumento. A chamada agricultura ecolóxica ou orgánica ten como obxectivo obter produtos de gran calidade a través de técnicas respectuosas co medio ambiente. A promoción e impulso desta modalidade de agricultura é a principal labor do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que vén de publicar un novo número da súa revista trimestral.

Este número incorpora un artigo da ministra de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, Elena Espinosa, no que reflexiona sobre a importancia que día a día está cobrando este sector, de aí a posta en marcha en 2007 do Plan integral de actuaciones para el fomento de la agricultura ecológica.

A ministra de Medio Ambiente fai un balance do consumo de produtos ecolóxicos, que se duplicou dende 2004. O estado español figura entre os oito países do mundo que destinan maior superficie á produción ecolóxica, aínda así, o gasto segue sendo inferior ao doutros países desenrolados. Elena Espinosa apunta a necesidade de mellorar a presenza dos produtos ecolóxicos na distribución e na restauración.

A revista CRAEGA inclúe unha reportaxe sobre a alimentación infantil e analiza as causas e consecuencias da obesidade infantil, así como o consumo de alimentos ecolóxicos para nenos.

Nas súas páxinas pódese atopar unha análise do mercado de produtos ecolóxicos en Dinamarca, que é o maior consumidor destes produtos na Unión Europea. Tamén publica un estudio sobre o mercado chino, apuntando á súa potencialidade para converterse no maior consumidor de alimentación orgánica despois da UE, Estados Unidos e Xapón.

A publicación conta con varias entrevistas, entre as que destaca a realizada á directora comercial de Health's Larder, unha empresa que ten como fin optimizar a alimentación de forma natural e sen engadidos químicos.

Por último fai un repaso da primeira Mostra agroecolóxica Terra Sacra, organizada polo CRAEGA e o Concello de Monforte. A exposición, celebrada en maio deste ano na Praza da Compañía, contou coa participación de 20 produtores e elaboradores inscritos no CRAEGA, que achegaron ao consumidor final os seus produtos ecolóxicos.