O festival Folk no río suma á oferta musical a celebración da malla

C. López

LEMOS

16 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As actividades do festival Folk no río, que terá lugar esta fin de semana na praia fluvial do río Chamoso, no concello do Corgo, darán comezo na tarde do sábado coa celebración da batuxada, unha proba de navegación en barcas artesanais, que contará con preto dunha decena de participantes. Ás dez da noite dará comezo unha sardiñada popular, totalmente gratuíta, seguida dos concertos dos grupos Xúa e Brath.

Na xornada do domingo abrirá as súas portas a feira de artesanía e antigüidades, que contará coa presenza dun ferreiro e dun torneiro, así como con expositores de coiro, cerámica, cestería, pintura e talla, tanto en madeira coma en pedra.

A malla tradicional dará comezo á unha da tarde, facendo un descanso para repoñer forzas e disfrutar dun xantar campestre. A malla continuará a partir das cinco da tarde. Desde unha hora antes, o público poderá entreterse con todo tipo de xogos populares, coma os zancos, os bolos ou as carreiras de sacos.

A animación musical correrá a cargo dos grupos folclóricos A Ruxideira, Xistra, Legua Dereita, Cedeira, Palacio do Rei e Ribas de Sil, do Bierzo leonés. Como colofón ofrecerá un concerto o grupo A Roda. Poderase acampar no recinto e haberá postos de polbo e churrasco.