O futuro agroecolóxico de Galicia pasa por Monforte

Quintana e Suárez Canal presentan hoxe o plano da Consellería de Medio Rural para fomentar o sector


O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentarán hoxe en Monforte o plano galego de desenvolvemento da bioagricultura, que se dará a coñecer no Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia. O simposio será inaugurado ás 9.30 horas. Quintana e Suárez Canal teñen prevista a súa chegada ás 11.30. Posteriormente, as sete da tarde, o plano será explicado con máis detalle por técnicos da consellería.

No congreso, por outro lado, ademais das conferencias que foron xa anunciadas en días pasados, presentaranse unha serie de comunicacións que abordarán diversos aspectos da agricultura biolóxica e do consumo de produtos ecolóxicos en Galicia. Unha delas correrá a cargo de representantes do Grelo Verde, unha asociación ourensá de produtores hortícolas que leva tempo ofrecendo produtos ecolóxicos aos comedores de centros educativos da provincia veciña. Outra comunicación será presentada pola empresa Alibos, radicada en Monterroso, que produce e comercializa castañas ecolóxicas conxeladas. Tamén presentará un relatorios o vicepresidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Albino Fernández, quen falará sobre as perspectivas de crecemento que ten hoxe a agricultura ecolóxica galega.

Experiencias foráneas

Nas conferencias previstas para hoxe e mañá, por outra parte, non só se falará sobre a situación do sector en Galicia. «Consideramos interesante presentar tamén algunhas experiencias doutras comunidades e países que están especialmente adiantados neste terreo e que nos poden ser de utilidade», apunta a este respecto María Jesús Garza, responsable de comunicación do Craega e integrante da comisión organizadora do congreso.

A este interese responde a presenza de Manuel González de Molina, antigo responsable de agricultura ecolóxica da Junta de Andalucía, e do catedrático holandés Jan Dowe van der Ploeg. O primeiro deles falará hoxe sobre a experiencia andaluza, ás 16 horas. O segundo intervirá mañá, ás 18.30, cunha conferencia sobre o papel das agriculturas atrasadas na nova agricultura europea. Segundo comenta Garza, «Andalucía ten un consello regulador de agricultura ecolóxica desde hai case vinte anos, o dobre de tempo que Galicia, e ten moita experiencia neste terreo, mentres que o profesor Van der Ploeg ven un pouco en representación dos países do norte de Europa que son pioneiros na agricultura ecolóxica e dos que tamén podemos aprender moitas cousas útiles».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

O futuro agroecolóxico de Galicia pasa por Monforte