Viños con gorro en Quiroga

LEMOS

Difunden en Internet unha montaxe humorística coa finalidade de promocionar a feira vinícola da vila

03 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha curiosa iniciativa levada a cabo por uns xoves de Quiroga promociona a feira do viño deste municipio en Internet mediante imaxes fotográficas tomadas na última edición do festexo gastronómico, celebrada entre os días 21 e 23 do pasado mes de marzo. A idea consistiu en convencer a numerosos asistentes á feira para que se deixasen retratar cun sombreiro un tanto estrafalario. No célebre portal de vídeos YouTube pode verse o resultado final: unha longa sucesión de fotografías nas que un total de 231 persoas de todas as idades aparecen tocadas con este mesmo sombreiro. Boa parte dos participantes posan en actitudes humorísticas e festeiras, mentres que algúns optan por ocultar o rostro.

Os autores da montaxe buscáronlle incluso unha denominación oficial á súa idea, O feito do gorriño , e nun texto de presentación das imaxes que pode lerse ao principio do vídeo anuncian a súa intención de superar este récord na próxima edición da feira. «Quiroga está louca? Non é certo. Os quirogueses somos extraordinarios», comentan por outro lado na súa explicación.

O vídeo, por outra parte, xa anda perto das 9.000 visitas desde que foi incluído en YouTube, o pasado día 25, e suscitou varios comentarios de internautas que felicitan aos responsables do proxecto e os animan a continualo o ano próximo.

Imaxes de María Castro

No mencionado portal de Internet poden verse tamén algúns outros vídeos sobre a Feira do Viño de Quiroga, que mostran imaxes tomadas na pasada edición e na do 2007. Un destes vídeos reproduce unha reportaxe emitida recentmente pola cadea televisiva Telecinco na que aparece a actriz viguesa María Castro, protagonista da serie Sin tetas no hay paraíso , que ten raíces familiares no municipio e que exerceu como pregoeira na última edición do festexo vinícola. Baixo o titular «La actriz María Castro, homenajeada en su Galicia natal», o vídeo mostra unha serie de imaxes da intérprete paseando pola feira quiroguesa e comentando a súa relación con esta comarca, combinadas con diversas secuencias da referida serie de ficción.