Falta de publicacións específicas sobre a zona

La Voz

LEMOS

15 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Lois García considera que a importancia real do patrimonio románico da Ribeira Sacra non só é pouco coñecida no resto de Galicia, senón tamén entre os propios veciños da zona. «En xeral hai moi pouca información dispoñible, cando as guías turísticas falan do románico fano dunha forma moi abstracta e así moita xente de Chantada, por exemplo, non sabe que este municipio ten nada menos que dezasete igrexas que poden considerarse románicas en maior ou menor medida», sinala. García cre que o problema da falta de divulgación tamén se dá noutras partes de Galicia caracterizadas pola riqueza do seu patrimonio románico. «Eu mesmo escribín hai tempo unha guía sobre o románico do Ribeiro que me foi encargada por institucións públicas, entregueina e cobreina, pero por diversos motivos non chegou a publicarse», comenta a este respecto.

No caso concreto da Ribeira Sacra, García apunta tamén que as administracións locais da zona non se preocuparon ata agora por conservar e promocionar o seu patrimonio románico, «coa excepción do Concello de Pantón, que buscou axudas para restaurar igrexas e divulgou a súa ruta do románico de diversas maneiras». O escritor opina que para difundir esta riqueza patrimonial en conxunto sería preciso unha iniciativa ambiciosa por parte da Xunta, «pero non creo que Patrimonio ou outro organismo poidan dedicar hoxe moitos fondos a algo como isto», engade.

Patrimonio da Humanidade

A arquitecta Isabel Aguirre, presidenta da Irmandade da Ribeira Sacra, tamén considera necesario divulgar o románico da zona mediante guías turísticas ou sitios web dedicadas de forma exclusiva a este patrimonio. «Sería unha iniciativa moi interesante para que a levase a cabo o consorcio turístico», opina. Ao seu xuízo, «o románico da Ribeira Sacra é dunha riqueza excepcional e non hai moitos lugares que teñan unha concentración tan grande de monumentos deste tipo. O románico é sen dúbida unha baza fundamental para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco e por tanto debería ser unha das bandeiras da Ribeira Sacra», agrega.

Aguirre opina tamén que sería preciso desenvolver na zona unha oferta de turismo cultural baseada fundamentalmente no románico. «Unha feira como Fitur podería ser un escaparate magnífico para dar a coñecer este patrimonio e é unha lástima que iso non se faga», di.