Frei Xosé recibiu o título de fillo predilecto de Lugo

LEMOS

A corporación e as autoridades lucenses tributáronlle onte unha agarimosa homenaxe ao bispo emérito

18 dic 2007 . Actualizado a las 11:13 h.

«Quero que me recordedes como un bispo que soubo sufrir e servir. Quero permanecer nas vosas memorias sendo un bo exemplo para todos, neste intre da miña enfermidade. Graciñas señor alcalde, membros da corporación municipal e todos os que me acompañades. Sei que moitas máis persoas quixeran estar aquí hoxe e non puido ser por razóns de espazo e de lugar, pero quero que saiban tamén os que non están que os levo a todos no corazón. Oxalá eu teña tamén un buratiño pequeno no voso grande corazón de lugueses. Nunca, nunca vos esquecerei. Sempre recei por vós, por todos, por enriba de ideoloxías, e seguireino facendo».

Con estas emocionadas palabras, o bispo emérito de Lugo, Frei Xosé Gómez, agradecía o nomeamento de fillo predilecto de Lugo que lle foi entregado onte polo alcalde de Lugo ante case un cento de persoas no ateigado salón vermello do palacio episcopal.

Abriu o acto o alcalde, López Orozco, explicando os moitos motivos polos que a corporación decidiu, por unanimidade, nomear a Frei Xosé Gómez fillo adoptivo da cidade. Natural de Lalín, o agora bispo emérito leva máis de 27 anos como un lucense máis, sendo moi querido e apreciado en todos os sectores da sociedade, asegurou o alcalde.

Logo, o secretario do Concello deu lectura ao acordo municipal e puxo o remate o bispo coas súas palabras; despois de recibir o pergamiño e a placa conmemorativa co nomeamento de fillo adoptivo de Lugo. Aínda que bastante cansado pola enfermidade, Frei Xosé sacou forzas despois para saudar un por un a todos os asistentes ao acto. Ademais do alcalde e todo o grupo socialista, tamén estaban os líderes do PP, Joaquín García Díez, e do BNG, Xosé Anxo Lage, acompañados así mesmo polos concelleiros dos seus correspondentes grupos municipais.

Ademais do subdelegado do goberno, Jesús Otero, e do vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, estaban varios delegados da Xunta en Lugo, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao; directivos de varias entidades financeiras -entre eles o presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela- así como representantes de practicamente todas as institucións lucenses. O acto rematou cun cóctel durante o que Frei Xosé Gómez, acompañado do alcalde, departiu con todos os asistentes, entre os que había numerosos cregos.