Visión americana da Ribeira Sacra

LEMOS

Varios municipios do Miño foron escenario da filmación dun episodio da serie «Spain... on the road again», que está a rodarse en diversas partes de Galicia

17 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Diversas paraxes dos municipios de Taboada, Chantada, Portomarín e O Saviñao foron escenario o pasado venres da filmación dun episodio da serie turística Spain... on the road again , que será difundida pola televisión pública norteamericana PBS e na que participa a coñecida actriz Gwyneth Paltrow, quen por certo non participou nesta xornada. Quen si estiveron foron os outros tres protagonistas da serie: a actriz catalá Claudia Bassols, o cociñeiro novaiorquino Mario Batali e o crítico gastronómico do New York Times Mark Bittman. Durante a súa estadía na Ribeira Sacra, os integrantes do equipo de rodaxe tiveron ocasión de coñecer algunhas das paisaxes máis características deste tramo do Miño e de degustar variados pratos tradicionais.

Os visitantes tiveron como guía a Luisa Rubines, unha xove taboadesa que cursou estudos de turismo sostible en Londres e que proxecta crear unha empresa turística. Pola súa suxestión, o equipo visitou certos lugares pouco divulgados nas rutas turísticas que, en opinión de Rubines, deberían recibir máis atención. «A Ribeira Sacra non é só o Canón do Sil e nesta zona tamén hai sitios interesantísimos pola súa paisaxe e pola historia que esconden», comenta. É o caso da aldea asolagada de Ribó -agora ao descuberto debido á baixada do nivel das augas do encoro de Belesar-, da ribeira de Mourulle ou do castro de Candaz.

No seu percorrido, que en boa parte se fixo polo río a bordo dunha zódiac, os actores e técnicos da serie encontráronse con varios veciños que estaban a pescar -precisamente- perca americana ou black bass, unha especie foránea introducida no Miño nos anos sesenta. Pero tamén puideron coñecer outras peculiaridades locais dun carácter máis enxebre. Nos arredores de Mourulle, nun tradicional forno de pedra, asistiron con grande curiosidade á elaboración de pan artesán e á preparación dunha empanada, a cargo do panadeiro taboadés Darío Castro. No lugar xuntáronse tamén todos os panadeiros que traballan actualmente no municipio e que ofreceron aos visitantes empanadas de diversas clases -torriscos, carne, mexillón- e varios tipos de doces para a sobremesa. Mario Batali e Mark Bittnam recibiron por outra parte abundantes explicacións dos veciños sobre a preparación destes pratos.

Viño, polbo e queimada

A viaxe continuou polo tramo víticola do río, con visitas ao santuario de Guadalupe, en San Victorio de Ribas do Miño, e á localidade da Cova. O equipo puido observar neste último lugar a preparación do polbo ao estilo tradicional, ademais de degustar os viños nativos destas terras e unha inevitable queimada. A última hora do día continuaban realizando tomas pola zona da aldea de Belesar, entre O Saviñao e Chantada.