Unha viaxe para achegarse á historia da música galega

LEMOS

A coral polifónica de Bueu ofrece mañá na Casa da Cultura un repertorio de cantigas dende a Idade Media ata os nosos días

06 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A música forma parte da cultura dun país e constitúe un alicerce esencial do seu patrimonio; pero para entendela mellor é fundamental coñecer a súa historia. A coral polifónica de Bueu, dirixida por Rosa María Cerviño, propón unha viaxe pola historia da música en clave galega a través dun repertorio que inclúe pezas dende a Idade Media ata o século XX. A cita é mañá ás oito da tarde na Casa da Cultura de Monforte, está organizada polo Concello e patrocinada pola Consellería de Cultura.

Henrique Gil Piñeiro, presidente e encargado das relacións públicas desta coral, cualifica a actuación de mañá como un «concerto didáctico que terá como fío condutor a música vocal». Comezarán con tres temas da Idade Media. O primeiro é o Dum Pater Familias , un himno de peregrinación monódico do que se descoñece a autoría. Tamén interpretarán a cantiga de amigo Mandad'ei comigo , de Martín Códax. Cantarán tres pezas do Renacemento, dúas do Rexurdimento, entre as que está a Negra Sombra de Rosalía de Castro coa música de Xoán Montes, e catro cancións populares do século XX.

A coral polifónica de Bueu fundouse en 1979 para divulgar o patrimonio músico-coral galego e sempre interpretan tódalas pezas en galego ou en latín. Contan cun equipo de tradución e investigación musical. Sen embargo, Henrique relata a dificultade de musicalizar estas cantigas polo cambio do sistema de notación musical e a falta de estandarización do mesmo. «Algunhas é imposible, como o Libro das Horas de Fernando I, e para outras baseámonos nos traballos feitos por especialistas na Idade Media, aínda que non sempre coinciden as súas versións», explica o presidente da coral.

O acceso aos códices máis antigos é complexo, e o proceso de documentación moi longo. Henrique quéixase do hermetismo da administración neste senso. «Sempre nos mandan dun lado cara a outro. A copia das coplas de Martín Códax, por exemplo, tivémola que ir buscar a Suecia. Cando eu creo que a difusión e a divulgación deste patrimonio literario e musical non pode traer máis que beneficios para a nosa sociedade», continúa Henrique.

A referencia máis antiga

A música nace cun pobo, por iso é tan difícil remontarse ás súas orixes en Galicia. O presidente da coral polifónica de Bueu explica que a primeira alusión histórica á música en Galicia son uns versos de Silio Itálico, no libro terceiro das Guerras Púnicas . Este político e poeta latino viviu no século I da nosa era, e describe aos galaicos como un pobo guerreiro que entoaba cantos de guerra, interpretaba danzas e falaba nunha lingua estranxeira.

O seguinte dato directo sobre a música en Galicia atópase no Libro de Horas de Fernando I, un código de liturxia mozárabe que pertence á Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela e que data do ano 1055. A seguinte testemuña xa é o coñecido Códice Calixtino, escrito entre 1139 e 1173, probablemente pola escola catedralicia de Compostela. «Esta é das primeiras pezas polifónicas do mundo», explica Henrique Gil.

En canto á música profana, o presidente da coral explica que en galego se escribiu «un dos máis ricos repertorios da lírica medieval europea». Están as cantigas de amigo, amor, escarnio e «maldizer», pero só chegou ata nós a música de seis cantigas de Martín Códax, grazas ao traballo de Pedro Vindel no século XX.

Henrique afirma que, agás Francia, «non hai ningunha nación no mundo que posúa un tesouro iconográfico musical comparable ao de Galicia». E mañá será unha ocasión única para poder gozar del.