O paleolítico do sur lucense darase a coñecer en Ávila

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

En directo | Investigación da prehistoria Os estudos e as descubertas realizadas desde o ano pasado nas comarcas de Lemos e Quiroga serán presentadas por primeira vez nun congreso científico o próximo xuño

25 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Os xacementos paleolíticos do sur lucense, absolutamente descoñecidos ata hai moi pouco tempo, están a gañar cada vez máis notoriedade no mundo científico. As investigacións realizadas ata agora na zona será presentadas por primeira vez nun congreso o próximo xuño. Será na duodécima reunión da Asociación Española para el Estudio del Cuaternario (Aequa), que se celebrará en Ávila entre os días 21 e 23 do citado mes e na que participarán membros do equipo de investigación arqueolóxica que traballa desde hai un ano neste proxecto. Xosé Pedro Rodríguez, un dos coordinadores dos traballos arqueolóxicos realizados nas comarcas de Lemos e Quiroga, sinala que os congresos da Aequa se caracterizan por un elevado nivel científico. Na organización destas xornadas participan expertos da Universidad de Salamanca, a Universidad Politécnica de Madrid e a Universidad Nacional de Educación a Distancia. Os nomes dos territorios de Monforte, Bóveda, Sober e Quiroga, ata agora inéditos neste ámbito, comezarán así a divulgarse amplamente entre os especialistas de toda España. Singularidade Previsiblemente, un dos aspectos que máis chamarán a atención dos expertos é o feito de que nun territorio de extensión bastante reducida se conseguise localizar xacementos do Paleolítico inferior, medio e superior. «Esta circunstancia é única en Galicia, pero fóra dela tamén hai moi poucos sitios onde isto suceda», indica Rodríguez, que traballa habitualmente nos célebres xacementos de Atapuerca. Por outro lado, un estudo sobre os xacementos paleolíticos da zona sur será publicado en breve prazo na revista Gallaecia , editada pola Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. O primeiro traballo sobre estas investigacións -un informe máis resumido que o que aparecerá en Gallaecia - foi publicado recentemente na revista arqueolóxica Croa , editada pola Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga.