Os soutos, reservas biolóxicas

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

CARLOS RUEDA

Reportaxe | Investigación dos ecosistemas de montaña Os bosques de castiñeiros abandonados teñen unha biodiversidade menor que os que son traballados de forma moderada, segundo un estudo que se leva a cabo no Courel

31 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?s soutos que deixan de explotarse e quedan totalmente abandonados teñen unha riqueza biolóxica menor que os que son traballados de forma moderada. Esta é unha das conclusións provisionais dun estudo que se está levando a cabo desde novembro do 2005 nos bosques de castiñeiros da Serra do Courel e dos Ancares leoneses, no que participan especialistas das universidades de Santiago e Vigo. «Aínda estamos analizando os datos, pero todo indica que os soutos abandonados albergan un menor número de plantas e de animais que aqueles onde se segue recollendo castañas e se fai de vez en cando unha roza suave», explica o biólogo e catedrático Javier Guitián, coordinador da investigación. O excesivo crecemento da vexetación que se dá nos soutos abandonados -cren os investigadores- acaba sendo prexudicial para diversas especies de plantas que a maleza impide desenvolverse, o que trae consigo unha diminución das especies animais. O índice de biodiversidade, engade Guitián, tamén é menor nos soutos onde se realiza con frecuencia unha limpeza drástica de maleza, o que hoxe praticamente non se fai nos soutos do Courel, pero que si se leva a cabo nalgunhas zonas dos Ancares. Os biólogos tamén están investigando a relación existente entre o tamaño dos soutos e a riqueza biolóxica que albergan. Segundo explica Javier Guitián, «o efecto do tamaño do bosque está claro no que respecta ás aves. Os soutos máis grandes soportan un maior número de especies, seguramente porque as aves necesitan espazos amplos para vivir», engade. Especies vexetais Esta relación, polo contrario, parece ser inversa no que respecta ás plantas. «Sorpréndenos un pouco comprobar que os soutos pequenos, de dúas ou tres hectáreas, acollen un maior número de especies vexetais que os soutos grandes», di Guitián. A explicación parece estar en que os soutos pequenos teñen unha relación máis directa cos ecosistemas que os rodean e poden absorber diversas especies propias destas zonas limítrofes.