Monforte adheriuse ao Foro Ibérico de Cidades Amuralladas, que acaba de crearse en Plasencia

La Voz LA VOZ | MONFORTE

LEMOS

25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? Concello de Monforte adheriuse ao Foro Ibérico de Cidades Amuralladas (Ficam), que se constituíu o pasado xoves nun encontro celebrado na localidade estremeña de Plasencia. A nova asociación agrupa inicialmente a vinte e dous municipios españois e vinte e tres portugueses, entre os que figuran Lugo, Valença do Minho, Chaves, Braga, Vila Nova da Cerveira, Melgaço, Badaxoz, Plasencia, Portimâo, Tarragona, Cartagena e Ceuta. A agrupación estará vinculada a outras de similar carácter que xa existen en diversos países europeos. Unha vez levada a efecto a súa adhesión inicial, o Concello de Monforte disporá dun prazo de tres meses para sometela á aprobación do pleno e posteriormente poderá formalizar a súa adhesión definitiva. O alcalde, Severino Rodríguez, sinalou a este respecto a que adhesión ao Ficam será sometida a votación na próxima sesión plenaria que celebre a corporación municipal. O rexedor afirma por outro lado que formar parte desta asociación axudará a levar a cabo a recuperación da muralla da fortaleza monfortina. Os responsables municipais de Monforte pensan tamén que o feito de pertencer ao Ficam pode contribuir notablemente á promoción turística do municipio e da Ribeira Sacra no seu conxunto. Finalidades Os estatutos do Foro Ibérico de Cidades Amuralladas, que foron aprobados na recente reunión de Plasencia, indican que entre os seus obxectivos principais estarán os de organizar e desenvolver actividades que contribúan á recuperación e conservación do patrimonio histórico amurallado e o de xerar redes de produtos turísticos a partir do valor patrimonial e histórico dos antigos recintos fortificados, a fin de fomentar o desenvolvemento económico das cidades que a integran. A nova asociación tamén se propón captar recursos para a restauración e rehabilitación das murallas nos casos en que sexa necesario e organizar accións promocionais que posibiliten a dotación de tales recursos. O Ficam, por outra parte, ten previsto celebrar un simposio ou congreso anual en cada unha das cidades que forman parte desta organización e organizar periodicamente xornadas técnicas dedicadas a analizar o patrimonio amurallado desde perspectivas científicas, culturais, sociais ou educativas.