Numerosas denominacións latinas e xermánicas nas terras chantadinas

La Voz

LEMOS

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?s filólogos Luz Méndez e Gonzalo Navaza dedicaron o seu estudo Xentilicios e nomes persoais na toponimia de Chantada á análise das denominacións dos lugares deste municipio que proceden de nomes propios de antigos propietarios e de nomes colectivos relacionados con movementos migratorios. Segundo estes investigadores, proceden de nomes propios xermánicos os topónimos Adá, Adaúlfe, Andemil, Ansemil, Ansoar, Argozón, Axulfe, Baltar, Belesar, Bermún, Brandián, Burgás, Camporramiro, Cartemil, Casdemiro, Eiriz, Enviande, Esmeriz, Esmoriz, Formariz, Freán, Gomesende, Güimil, Guxeva, Lamasindín, Mariz, Merlán, Mundín, Muxilde, Nande, Nandulfe, Randolfe, Regoufe, Sandiás, Sernande, Soilán, Soutariz, A Ulfe, Uriz e Usuriz. Os topónimos chantadinos baseados en antigos nomes propios de raíz latina, segundo este criterio, son Amorín, Basán, Boán, Centulle, A Elfe, Lamamarín, Marín, Meixide, Melide, Mouricios, Mouriscados, Paderne, Podente, Quinzán, Rolle, Señorín, Vidal, Vilaúxe, Vilaver, Vilaxuste, Xedive, Xillán e Xoanín. Méndez e Navaza, por outro lado consideran de orixe incerta os nomes de Caíbe, Derramán, Gordón, Muradelle e Zaquín. O traballo tamén analiza os nomes de Fondoreses e Mondoeses, que os investigadores consideran que proceden de forasteiros asentados hai séculos nestes lugares. Ao seu xuízo, o primeiro nome pode vir de Fondedor -en Vilalba- e o segundo, de Mondoñedo, de Mondoi -en Oza dos Ríos- ou dun lugar da parroquia de Líncora que se chamou desta última maneira na Idade Media.