«O legado educativo da República non foi superado»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

Entrevista | José Paz Rodríguez O organizador do curso de verán para docentes que comeza mañá en Monforte reivindica a importancia do modelo republicano de ensino e a importancia da convivencia escolar

23 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?a súa calidade de presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galaico Portuguesa, José Paz, profesor do campus universitario ourensán, encárgase de organizar a escola de verán para docentes que se desenvolverá desde mañá ata o venres no instituto monfortino A Pinguela. A convivencia escolar e a herdanza educativa da segunda República serán os eixos do curso, o noveno que organiza esta asociación na comarca de Lemos. -Moitas cousas que se fixeron nesa época, sobre todo no primeiro bienio republicano, teñen hoxe plena vixencia. É un legado que en certos aspectos segue sen ser superado. Por exemplo, na formación básica do profesorado. Grazas ao plano profesional do ensino elaborado en 1931, os mestres que ingresaban na Escola Normal de Maxisterio sabían que ao terminar os estudos irían traballar nunha escola, sen ter que pasar ningunha oposición. Iso era unha motivación moi grande para o profesorado, que se esforzaba por estar o mellor preparado posible para cando empezase a traballar, sen a preocupación de ter que facer oposicións. Tamén foi moi importante a experiencia das Misións Pedagóxicas, nas que se usaron como recursos educativos cousas como o cine e os contacontos, algo que hoxe segue tendo moita vixencia. No 2008 temos previsto organizar unha serie de actividades para conmemorar o 75 aniversario da Misións Pedagóxicas de Galicia, que dirixiu o escritor Rafael Dieste. Aquela foi unha época moi innovadora para a educación e de feito nese tempo visitaron España os grandes pedagogos europeos, como a italiana María Montessori ou o belga Ovide Ducroly. -¿Que espazo ocuparán neste curso cuestións como o acoso escolar ou a integración do alumnado inmigrante? -Terán unha presenza moi importante, acorde co peso que teñen na nosa sociedade e no mundo eductivo. O día 27 presentará unha ponencia José Fernández López, orientador dun instituto valdeorrés que é presidente da asociación Vagalume, dedicada principalmente á integración dos alumnos de orixe estranxeira. E o día 28 intervirá Plácido Blanco Bembibre, que creou un test para detectar casos de acoso nos centros escolares. Todas estas cuestións encádranse no tema da convivencia escolar, algo que evidentemente está moi de actualidade. A Xunta acaba de aprobar a creación de observatorios da convivencia escolar para as catro provincias. É unha mágoa que non desen un paso máis adiante creando observatorios comarcais, como propuxemos nós. -Parece que o cine vai ter un papel importante nestas xornadas. -Si, porque é un recurso magnífico que desafortunadamente se utiliza moi pouco no noso sistema educativo a pesar dos avances tecnolóxicos de que dispomos. É unha pena que nos colexios e institutos non se lles ensine aos rapaces como interpretar a linguaxe fílmica do mesmo xeito que se lles ensina a interpretar textos literarios ou pinturas. Nós imos proxectar en cada xornada do curso unha película relacionada con cada un dos temas que se tratarán nas ponencias e coloquios. Haberá documentais sobre o ensino na época republicana a catro longametraxes moi interesantes sobre cuestións educativas. -¿Como é a resposta que teñen estes cursos na comarca de Lemos? -En todas as edicións que organizamos en Monforte, Sober e Pantón houbo sempre un número de participantes moi alto. Desta vez tamén está a inscribirse moita xente e penso que será o curso máis concorrido de todos os que organizamos este ano en Galicia. Por certo, os interesados poden matricularse ata o momento mesmo en que comecen as actividades, que será ás catro e media da tarde do luns.