Monforte celebrou o 17 de maio cunha homenaxe ao poeta Lois Pereiro

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Numerosos veciños participaron no acto, que se levou a cabo pola mañá na ponte vella A concelleira de Cultura pediu que se dedique o Día das Letras Galegas ao autor monfortino

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

? poeta monfortino Lois Pereiro, falecido prematuramente en 1996, foi homenaxeado onte nun acto organizado polo Concello para celebrar o Día das Letras Galegas. A homenaxe, que se levou a cabo á unha do mediodía na ponte vella, reuniu a numerosos veciños, familiares do desaparecido escritor e diversos representantes do goberno local. A elección do lugar para a homenaxe debeuse, segundo indicou a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, a que o Malecón era unha das zonas de Monforte que máis apreciaba Lois Pereiro. «O Día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Lorenzo Varela, pero nós imos dedicalo a recordar a Lois Pereiro, un poco como adianto do que cremos que será un dos vindeiros días das Letras Galegas que estará dedicado a el», dixo Cadarso. A concelleira destacou o valor literario da obra poética de Pereiro e o feito de que este seguise traballando nela durante a última época da súa vida, xa gravemente enfermo. Versos e música O acto comprendeu a lectura de varios poemas do homenaxeado pertencentes aos seus libros Poesía última de amor e enfermidade e Poemas para unha loia. Terminada a lectura, os asistentes arroxaron flores ao río Cabe mentres pola megafonía dun bar cercano soaba a canción Perfect day, de Lou Reed, unha das preferidas de Pereiro, quen gustaba especialmente de escoitala cando visitaba a súa cidade natal.