¿Ten Lugo atractivo turístico?

LEMOS

A cita O Club Cultural Valle-Inclán programou dúas mesas redondas con expertos sobre os valores patrimoniais e naturais da capital lucense

11 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?Lugo conta para os circuítos turísticos? ¿En que se erra á hora de vender a cidade? ¿Temos suficientes atractivos para que veñan os visitantes á capital lucense? Estas e outras cuestións poranse enriba da mesa no transcurso dos dous debates que o Club Cultural Valle-Inclán programou para o luns e o martes na Galería Sargadelos, a partir das oito da tarde. No primeiro día, segundo explicou o presidente do colectivo, Xerardo Pardo de Vera, participarán os especialistas, que exporán os valores naturais, arqueolóxicos, monumentais e históricos que posúe Lugo, «pese á maioría dos políticos», dixo Pardo de Vera. A mesa redonda estará integrada polo historiador Adolfo de Abel Vilela; o xefe do Servizo de Espazos Naturais da Xunta, Antonio Callejo; o arqueólogo Francisco Hervés; o director de Halcón Viajes, José Manuel Lozano; e contará coa moderación do director do Museo de Viladonga, Felipe Arias. Ao día seguinte, en palabras de Pardo de Vera, intentarán deseñar as accións para tentar a rendibilidade económica e social. Participarán a edila de Cultura, Concepción Burgo; a xefa do Servizo de Turismo da Xunta, Paloma Vázquez; o director do Hotel Méndez Núñez, Jacobo García-Bobadilla; o director de Halcón Viajes, José Manuel Lozano; e actuará como moderador o propio presidente do Valle-Inclán. Os membros do club cultural esperan que ambas xornadas, abertas a todo o público, sirvan de debate e podan arroxar ideas e proxectos de futuro. «Temos que falar dos nosos valores e logo saber vendelos», afirmou Pardo de Vera. O presidente do colectivo cultural lembrou como en1994 organizaron unhas xornadas sobre que se podía facer para conservar e promover a Muralla de Lugo. «Ninguén se facía cargo dela, uns e outros pasábanse as responsabilidades, e nós fixemos un debate sobre quen se facía cargo do monumento romano», sinalou Xerardo Pardo. Cre que nestes intres é un bo momento para debater sobre o turismo cultural e de calidade para Lugo. «Outros, coa décima parte do que temos nós, sácanlle máis rendemento», explicou.