Un revulsivo para a vida cultural local nos anos sesenta e setenta

La Voz

LEMOS

09 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

? presenza de Manuel María en Monforte significou un importante revulsivo para a vida cultural da cidade nos anos sesenta e setenta, unha época na que as actividades deste tipo eran estreitamente vixiadas e a miúdo prohibidas polas autoridades da ditadura. O poeta participou primeiramente na fundación da Agrupación Cultural de Monforte de Lemos, que organizou media ducia de actos antes de ser disolta por mandato do Goberno Civil. «Cando organizábamos unha conferencia ou un recital de poesía había sempre na sala un policía de paisano escoitando todo o que se dicía alí e ás veces tomaba notas a toda presa, sobre todo cando oía algunha palabra galega pouco frecuente ou que a ese axente lle parecía rara», recorda Lois Dapena, un dos integrantes daquela asociación, similar a outras que se crearon na mesma época en diversas localidades galegas. «Se non fose pola iniciativa de Manuel María, que non tiña medo cando se trataba de promover estas cousas, non se tería feito nada disto e Monforte tería carecido praticamente de vida cultural nesa época», engade. Tertulias Posteriormente, nos últimos anos do franquismo, fundouse na cidade a Agrupación Cultural Castelao, cuxa presidencia foi ocupada por Manuel María durante un longo período. Ao longo destes anos, por outro lado, a librería do poeta acolleu unha sorte de tertulia informal na que participaban moitas persoas interesadas en asuntos culturais, sociais e políticos. «Se algúns monfortinos temos inquedanzas culturais, debémosllo nada máis que a el, que ofrecía a todo o mundo a súa gran biblioteca, recomendaba e comentaba lecturas, prestaba discos que eran moi difíciles de conseguir e influía dunha forma importante na formación da xente nova», sinala Xosé Lois Cortés, antigo concelleiro e ex presidente da agrupación Castelao. «Manuel María tamén animou e aconsellou nos seus inicios a algúns dos novos escritores que xurdiron en Monforte nestas décadas, como foi o caso de Lois Diéguez, Lois Pereiro e Antón Lopo», agrega Cortés. Ademais da súa actividade cultural, Manuel María desempeñou un papel activo na vida política local. En 1979 presentouse ás primeiras eleccións municipais democráticas na lista do Bloque Nacional Galego, foi elixido e formou parte da comisión municipal permanente formada polos diferentes partidos, participando nas responsabilidades de goberno como edil de Limpeza. «El confiaba que lle encomendasen a concellería de Cultura, pero o goberno local non o fixo, seguramente para que esa área municipal non tivese determinado tinte político. Sei que el quedou moi disgustado, porque levaba moito tempo preocupándose por dinamizar a vida cultural de Monforte e esperaba que ese labor de anos lle fose recoñecido polo Concello», afirma a este respecto Xosé Lois Cortés.