Unha celebración especial

Crónica | Festividade de san Marco Os viciños de Biville honran hoxe a un santo que volve ter sona despois dos esforzos do párroco de Vilamaior, que arranxou nese lugar unha bonita capela


sarria

No monte do Páramo, na parroquia de Biville, está a capela de San Marco, onde de antigo se celebraba unha romaría afamada na contorna e eu xiraba darredor da devoción ao santo e a cerimonia da benzón dos campos, coa secular ledaíña de petición de axuda e valemento a tódolos benaventurados da corte celestial.Os que hoxe coñecen a antiga ermida non saben que xa na Idade Media, dentro do circuito do castro que lle serve de asento, houbo unha igrexa eremitorio coñecida como de Santo Adrao (Sancto Adriani in monte Paramo), advocación da que queda lembranza na Fonte de Santo Adrao que aparece citada como extrema coa viciña parroquia de Belante. A esa igrexola de Santo Adrao refírense varios documentos que forman parte do Tombo de Samos, e outros dos fondos catedralicios de Lugo, e á Fonte do Santo Adrao o catastro do Marqués de la Ensenada (1753). Nunha escritura do ano 897, pola que se di como o rei Alfonso III confirma posesións da igrexa de Lugo figura: «No Páramo a igrexa de San Miguel de Biville, co a vila e familia; a igrexa de Santa María de Belante, e no Faro a igrexa de Santo Adrao íntegra». Do ano 976 e o testamento de Sunilano, que fai doazón ao seu fillo Vermudo, presbítero e abade de Barbadelo, da igrexa de Santo Adrao do monte Páramo, «segundo o obtivo dos Ambrosio, e don Ranosindo nola concedeu por escritura de testamento e de presura dos nosos intercesores e antepasados».Doazón a SamosDarredor do ano 1009 o abade de Santiago de Barbadelo fai doazón o abade Mandino de Samos «de Santo Adrao no monte (do Páramo) co seu castro todo darredor, do xeito que está incluido no testamento de don Vermudo o maior» segundo recollen un inventario e a escritura de 21 de xaneiro dese ano, na que se olla como lle da «A Casa de Santo Adrao no monte (do Páramo), do xeito que para nós a testou don Ranosindo sacerdote mirífico».Do ano 1568 é unha escritura do bispo de Lugo don Xoán Ruiz pola que afora «el lugar y heredades de San Sadornino y la ermita de Sant Adrao y Casar dello con su eredad». E noutro foro de 24 de marzo 1682 o bispo Ponce de León afora a don Alonso de Vivero «y la hermita de Sant Adrao y casar dello con sus diezmos» en Biville. Vemos como a ermida e casar de Santo Adrao acabaron petencendo a mitra lucense,e, xa vaca, aínda hai referencias dela no século XVII. Descoñécese cando pasou a estar baixo a advocación de San Marco. E na actualidade volveu a ter sona este pequeno santuario gracias aos esforzos do anterior pároco de Vilamaior e ecónomo de Biville, que contando coa colaboración dos seus fregueses, ademáis dun cómodo acceso, conseguiu axudas para arranxar a capela. Amáis da edificación relixiosa poden verse alí tres sartegos abertos na pena viva. Poucos miradoiros naturais hai que alcancen tanta terra á redonda. Celebra Biville a festa do San Marco, santo un tanto dado á auga e ao vento, a carón da branca ermida, e os viciños sacan en procisión a anovada imaxe do evanxelista, que gracias ao restauro feito por Segundo López Méndez, seguirá a dar benzón dos campos cando xa vai andado un mes de primavera. A imaxe orixinal, que constitúe a cerna na actual, estaba totalmente desfigurada, e foi aproveitada para a nova talla, ben policromada. Dentro das festividades relixiosas da comarca, o San Marco de Biville ocupou un lugar importante, mais os cultos relixiosos a carón do Faro do Páramo, lévannos moito máis atrás do decorrer dos tempos, cando a Casa do Santo Adrao era un eremitorio no que don Ranosindo e don Ambrosio se arredaron do mundo, na percura da paz interior, a un castro onde todos os ventos andaron desatados, un dos eremitorios da óbrbita dos mosteiros de Santiago e San Martiño de Barbadelo: a igrexola de Santo Adrao. Desexámoslles aos viciños unha boa festa esta xornada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Unha celebración especial