«En Castinande hai un influxo sorprendente da arte italiana»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

Entrevista | César Carnero A figura do pintor soberino do século XIX é recuperada nun ciclo de conferencias que se imparte esta semana no centro comarcal Expolemos

13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?ésar Carnero, párroco de San Vicente do Pino e restaurador de arte, falará ás seis da tarde de hoxe no centro comarcal Expolemos sobre a obra do pintor soberino Juan de Castinande. A conferencia inscríbese nun ciclo dedicado a este pouco coñecido artista soberino falecido en 1839, sobre o cal Carnero está preparando un estudio. -Non se pode dicir que fose un grande artista nin que tivese unha técnica asombrosa, pero si foi un pintor moi estimable e digno de consideración. Ademais, é o único artista histórico coñecido que fose natural da comarca de Lemos. Foi un autodidacto inmerso no mundo da pintura popular galega, de estilo colorista e ás veces un tanto inxenuo. Pero a súa obra tamén ten un sustrato culto que sorprende bastante. -¿En qué sentido? -Nos seus temas vese que coñecía o mundo da pintura italiana do renacemento e do barroco. Este influxo, que resulta sorprendente, nótase sobre todo nos murais que pintou nos pazos, como os de Bóveda e de Muíños de Antero, ou na sala de baile do palacio condal de Monforte. Pintou alegorías das estacións do ano e temas literarios como o Quixote, seguindo os modelos da pintura italiana dos séculos XVI e XVII. Nestas obras súas combínase unha temática culta cun tratamento popular. -¿Sábese se estivo algunha en Italia? -Non hai constancia de viaxase a Italia algunha vez na súa vida, pero si se sabe que cando morreu, ós 55 anos, estaba a prepararse para viaxar a ese país. Recibira unha axuda oficial para ir alí a perfeccionar a súa arte, pero nunca chegou a facelo. O que si é moi probable é que recibise algunha formación nos obradoiros de pintura que existiron en Monforte nos seus tempos, que se dedicaban máis que nada a traballar para as igrexas. -Aparte dos exemplos mencionados, ¿a súa obra é moi abundante? -Hai un repertorio moi amplo de obras de Castinande repartido por diversos lugares da provincia, sobre todo na zona sur, na capital e na Mariña. Pintou moitos retablos de igrexas e numerosos murais e outras pinturas decorativas en diversos pazos. Pero tamén se conservan algunhas pinturas de cabalete e unha serie de debuxos e bocetos. Se se fixese unha busca sistemática, non me estrañaría que aparecesen noutros lugares máis obras súas que aínda non foron localizadas, quizá tamén fóra da provincia. Hai pouco tempo, Adolfo de Abel Vilela encontrou un mural descoñecido deste artista nuna casa particular de Lugo.