«A nosa mostra de cine dará un salto importante no 2004»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Alfredo Vázquez Sanjurjo Os promotores da cuarta semana cinematográfica de Monforte, que comezará o vindeiro día 6 coa proxección do filme «Bowling for Columbine», xa meditan novos proxectos

27 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? Cineclube A Calexa, presidido por Alfredo Vázquez Sanjurjo, iniciará mañá a cuarta edición da Mostra de Cine de Monforte, unha iniciativa que reviste moita importancia para a directiva desta asociación. -Para seleccionar as películas seguimos aproximadamente o mesmo criterio que utilizamos para organizar as nosas proxeccións mensuais. É dicir, buscamos cousas que non sexan nin moi comerciais nin moi de cinéfilos e que teñan suficiente interese por un por outro motivo. Neste caso, escollemos varias obras recentes de realizadores moi coñecidos internacionalmente como son Aki Kaurismäki, Spike Lee e Michael Moore, ademais dunha película española, El traje , que non foi moi vista ata agora no circuito comercial, pero que consideramos bastante interesante e que aborda un problema tan actual como é a chegada de inmigrantes subsaharianos. -No programa tamén figuran curtametraxes e coloquios . -Temos previsto proxectar dous documentais que tratan asuntos de moita actualidade e que por tanto se prestan moito ó debate. Un deles, Soliloquio del farero , baséase nun poema de Luis Cernuda e fala de traxedias marítimas. Foi feito antes do desastre do Prestige , pero na nosa opinión, pode dar pé a discutir e reflexionar sobre a situación que estamos vivindo en Galicia desde a marea negra do ano pasado. A outra curtametraxe programada, Cielo o infiern o, analiza a presencia e a influencia das drogas en tódalas culturas e pensamos que é un traballo particularmente notable. -¿Que perspectivas de futuro ten esta mostra? -Para o ano próximo esperamos que estas xornadas, de cine, aínda que seguirán sendo unha cousa modesta, dean un salto importante. No 2004 aspiramos a organizar aquí a entrega dos premios anuais da Federación Galega de Cineclubes, que se celebra cada ano nunha localidade diferente. Isto permitiría proxectar bastantes máis películas e traer a varios directores, actores, guionistas e técnicos de cine para presentar as proxeccións e participar nos coloquios. Xa presentamos a nosa solicitude e esperamos que se cumpra, porque estamos ben considerados na federación. -¿O cineclube está cumprindo os obxectivos que se marcou na súa fundación? -A verdade é que seguimos estando moi ilusionados. Xa levamos seis anos de andadura, máis tempo do que conseguiu sobrevivir o antigo cineclube Monte Forte. Neste tempo proxectamos en 35 milímetros un centenar de películas que doutra maneira non se poderían ter visto aquí. Estamos bastante satisfeitos da resposta que ten o noso programa de proxeccións mensuais, da mostra de cine e das nosas colaboracións con outros colectivos. Onde a min me parece que deberían cambiar un pouco as cousas é precisamente na xunta directiva, porque xa leva moito tenpo a cargo das mesmas persoas. Estaría ben que viñese xente nova a substituírnos e, de paso, a achegar novas iniciativas e novas ideas.