Unha exposición recolle a memoria do exilio galeguista

La Voz LA VOZ | LUGO

LEMOS

Presentan en Sargadelos unha película e un libro sobre Castelao O director Xan Leira reflexiona sobre a historia dos intelectuais que fuxiron tras 1939

17 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?n longo proceso de catro anos rematou coa edición dunha película, un libro e unha exposición que leva por título Castelao e os irmáns da liberdade , dirixido por Xan Leira e con fotografías de Xosé Luís Abalo. Onte foi presentada esta iniciativa na galería Sargadelos, onde permanecerá aberta ata finais de mes unha mostra, froito do filme, dedicada a Castelao e ós galeguistas que emigraron trala Guerra Civil. «Pretendemos facer un traballo de divulgación da nosa historia, interpretándoa dende nós mesmos», sinalou na presentación Leira. Na colección de paneis e de fotografías que se expoñen en Sargadelos pódense ver os testemuños de Teresa Castelao, Isaac Díaz Pardo, Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego, Xosé Neira Vilas, Antón Fraguas, Avelino Pousa Antelo ou Eugenio Granell, entre outros. Todos eles tamén están reflectidos no volume e na película que dirixiu Leira, e que xa acadou diversos premios en certames de cine e vídeo. Tamén se pode visitar na web www.memoriadagaliza.com . Castelao e os irmáns da liberdade terá continuidade con outras tres longametraxes documentais que dirixirá o propio Xan Leira. Nelas analizará a represión sufrida en Galicia entre 1936 e 1939 (levará o título de Atila en Galicia ), a posguerra, e a transición política trala morte de Franco e ata os nosos días. A tetraloxía «da memoria viva de Galicia», como a definiu Leira, estará rematada nun prazo de dez anos.