A festa de San Brais pode ter a súa orixe en tradicións anteriores ao cristianismo

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

SIMÓN

Un estudio sobre a relixión popular galega relaciona as cintas e as rosquillas cos torques castrexos

03 feb 2023 . Actualizado a las 13:54 h.

As populares cintas e rosquillas que caracterizan á festividade monfortina de San Brais poden ter un insospeitado antecedente prehistórico, segundo a teoría do profesor ourensano Ladislao Castro Pérez. No seu libro sobre a Arqueoloxía da relixión en Galicia e no norte de Portuga l, este historiador opina que estes elementos son unha pervivencia das tradicións relixiosas da Galicia castrexa e romana, onde ó parecer tiña un importante papel o torque, o colar metálico que utilizaban os antigos galaicos, os celtas e outros pobos europeos. Castro Pérez, que menciona na súa obra numeros casos de utilización dos torques en cerimonias e ofrendas relixiosas da Antigüidade, considera que as cintas que se atan ó colo os devotos de San Brais e as rosquillas que levan a bendicir á igrexa de San Vicente do Pino na festividade do 3 de febreiro poden poden proceder dunha transformación ou adaptación que experimentou este adorno na relixiosidade popular ó longo dos séculos. O historiador sinala que o simbolismo dos torques tamén está relacionado co dos lazos e dos aneis, moi presentes igualmente en cerimonias e crenzas relixioss de numerosas culturas.O uso das cintas tamén está presente noutras tradicións relixiosas populares do noroeste da Península, como é o caso do culto a San Torcuato de Guimaraes, un santo que presenta moitos paralelismos con San Brais. En Guimaraes, as cintas atánse no colo de exvotos de cera de figura humana.

Ladislao Castro sinala que a figura de San Brais -un bispo armenio martirizado en tempos do emperador Diocleciano, segundo as crónicas da Igrexa- ofrece bastantes semellanzas con San Torcuato, outra figura tradicional que é obxecto de culto popular en diversos lugares de Galicia e do norte de Portugal e ó que tamén se atribúen poderes curativos. Ambos personaxes «parecen ir paralelos e ás veces substitúense», explica o historiador. En certas representacións antigas, os dous santos teñen o torque como atributo e o propio nome de Torcuato significa etimoloxicamente «portador do torque». As dúas figuras, en opinión do prehistoriador ourensano, parecen estar relacionadas directamente cunha divindade do panteón castrexo, chamada Bandua. Na localidade ourensana de Santa Comba de Bande, onde tamén hai un culto tradicional a San Brais, os arqueólogos encontraron unha ara ou altar dedicada a este deus adorado polos habitantes dos castros prerromanos, que seguiu recibindo culto despois da romanización de Galicia. O célebre arqueólogo Florentino López Cuevillas, por outro lado, sinala que o deus Bandua tamén debeu de ser obxecto de culto no castro ourensano de San Cibrán de Las, situado cerca dun lugar que se chama Couto de San Trocado. Este último nome é unha variante popular de Torcuato presente en diversos lugares de Galicia.A teoría de Castro é que tanto San Brais como San Torcuato herdaron en parte as funcións e os atributos do deus Bandua, que probablemente tamén tiña virtudes curativas e ó que se lle debían de ofrendar torques.