O SLG denunciou a Gabino Vázquez por suposta fraude electoral

La Voz LA VOZ | MONFORTE

LEMOS

20 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O Sindicato Labrego Galego presentou unha denuncia por suposta fraude electoral contra Gabino Vázquez, actual presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ó mesmo tempo que daba a coñecer a súa candidatura para as eleccións que renovarán este organismo. Polo que respecta á denuncia, presentada na Xunta Electoral Central, o sindicato afirma que Gabino Vázquez «comezou a pedir por carta o voto o día 16 de novembro, catro días antes de comezar a campaña electoral» e que por tanto conculcou as normas que prohíben difundir propaganda electoral durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e o inicio legal da campaña. Por outro lado, o SLG estudia a posibilidade de iniciar accións xudiciais contra Gabino Vázquez «por tódalas calumnias e inxurias que está a verter contra esta organización sindical nos últimos tempos». Asemade, o sindicato acusa a Vázquez de «trato discriminatoriodas explotacións, falla de axilidade nas comunicacións, regulamento do consello a penas difundido para poder traballar ó seu antollo, falla de transparencia, problemas económicos e de xestión e uso do consello regulador para fins privados dun grupo de achegados e do mesmo presidente». Presentación da lista A organización, por outra parte, presentou onte en Santiago a súa candidatura ó órgano rector do Craega, nun acto que contou coa presencia de catro membros da lista. Os candidatos participantes no acto foron Ágata Bröksman, horticultora ecolóxica; Xosé Manuel Casal, que traballa nunha explotación hortícola da Pobra do Caramiñal; Xosé Ramón Vázquez, propietario dunha explotación gandeira de Celanova, e Pilar Bispo, responsable de explotacións de horticultura e de gando vacún de carne. Na presentación tamén tomaron parte Xan Pouliquen, responsable de agricultura ecolóxica do SLG, e a monfortina Lidia Senra, secretaria xeral do sindicato. O programa electoral do SLG fai fincapé na «transparencia nos procesos internos do Craega» e avoga pola creación da figura dun xestor, con voz pero sen voto, que se encargaría da execución dos acordos plenarios e da xestión de finanzas.