Os sete mil puntos galegos no mapa mundial das ciencias da saúde

EL BOTIQUÍN

Mapamundi onde se representan os países cos que Galicia ten firmada algunha colaboración científica en saúde.
Mapamundi onde se representan os países cos que Galicia ten firmada algunha colaboración científica en saúde. L. P.

O arquivo do Portal Investigador do Sergas, con preto de oito décadas de tradición, recolle xa case 53.000 artigos científicos

17 may 2026 . Actualizado a las 19:58 h.

 «Penso que o primeiro artigo que firmei foi o dun caso clínico. O espasmo dunha coronaria nun deportista, publicado na revista Medicina Clínica», di, facendo memoria, o cardiólogo José Ramón González-Juanatey. E ten razón. Foi no 1984, hai xa máis de corenta anos. Catro décadas despois, o especialista noiés, xubilado en decembro do pasado ano do seu posto como xefe de servizo do hospital de Santiago, é o galego cun maior número de publicacións científicas ás súas costas. Lidera unha estatística que, segundo o Portal da Investigación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), aglutina 52.909 traballos. Un patrimonio de Galicia —e pola natureza propia da ciencia, tamén global— froito do traballo de 7.155 persoas, o censo total do corpo investigador dependente do actual Servizo Galego de Saúde, que aínda que se fundou en 1989, administra un arquivo que vai camiño de cumprir os oitenta anos de tradición.

Deses case 53.000 artigos que figuran no portal —exclúense deste reconto libros (tanto completos como capítulos) ou achegas en congresos—, 908 levan a firma de José Ramón González-Juanatey. Como balance dunha traxectoria, non é pouco representar o 1,7 % do total da produción científica galega. Manda o guión, igual que se fai nas alfombras vermellas a músicos e cineastas, formularlle ao doutor a impertinente pregunta de cal deles recorda con especial cariño. Unha cuestión tan inocente como imposible de resolver. Pero atopa un camiño para contestar de forma áxil: «Houbo un artigo que tivera un impacto enorme. Era un contrato de investigación que fixemos cunha gran multinacional sobre un fármaco moi empregado. Describimos que se asociaba a unha apoptose; á morte das células do corazón. Tivemos moitos problemas para a súa publicación, pero finalmente publicouse en Circulation, a que era e segue sendo a mellor revista de cardioloxía do mundo. Aquilo tivo un impacto enorme porque pouco despois, nun ensaio clínico de hipertensión, demostrouse que este composto se asociaba a un maior risco de insuficiencia cardíaca, precisamente, polo que nós investigáramos. Máis tarde, este fármaco retirouse da primeira liña de tratamento dos pacientes hipertensos». Aquel fármaco era a doxazosina e o estudo, con data do ano 2003, pódese atopar no Portal Investigador do ACIS.

O repaso da súa carreira investigadora colle ao cardiólogo en Xenebra, porque está retirado da actividade clínica, pero non se detivo e a súa faceta investigadora segue sendo demandada dende o ámbito internacional. «Agora concedéronnos un proxecto europeo Interreg, único en España, que lideramos dende aquí, traballando xunto co norte de Portugal, Castela e León e Andalucía. Partimos da pregunta de como organizar a atención ás dúas patoloxías crónicas máis relevantes: a cardiovascular e o cancro, e conta cunha dotación de sete millóns de euros, porque a investigación é tamén unha fonte de riqueza», explica.

A cardioloxía é, sen dúbida, un dos grandes puntais da arquitectura investigadora galega. Trátase da especialidade que más produción xera (1.741 artigos en total). As publicacións de grupos de traballo dedicados á reumatoloxía representan o segundo maior fluxo de coñecemento con 1.362 publicacións. A xenética, a epidemioloxía —impulsada durante os anos pandémicos—, as metabolopotías ou a investigación traslacional en enfermidades do aparello dixestivo son outras das áreas de coñecemento máis prolíficas.

En canto a nomes propios, nos postos máis altos da lista, xunto a González-Juanatey, aparecen outros grandes motores das ciencias sanitarias galegas como o endocrinólogo Felipe Casanueva (714 artigos asinados); o fisiólogo experto en obesidade e nutrición Carlos Diéguez (651); o reumatólogo Francisco Blanco (555); o pediatra Federico Martinón Torres (502); ou a cardióloga Marisa Crespo, que con 431 traballos é a primeira muller en figurar nesta listaxe pese a que o 60 % da investigación leva nome feminino.

«Hai máis mulleres investigadoras que homes», certifica dende o terreo Luz Couce, xefa do servizo de neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, pero tamén investigadora. O seu nome está entre os destacados do Portal Investigador, ocupando o posto 13 con 313 artigos rubricados, e representa unha figura recoñecida na pronta detección de enfermidades nos neonatos: «Síntome moi orgullosa do cribado neonatal. O noso grupo de metabolopatías foi pioneiro na posta a punto e detección de novos marcadores para o diagnóstico e seguimento de enfermidades raras. Somos referencia nacional e internacional no diagnóstico bioquímico-encimático».

Couce, que reflicte a incorporación tardía —pero imparable— do xénero feminino á carreira investigadora, anima a «saltar a barreira» que, sinala, aínda existe nos postos de liderado. Coa dinámica actual, o sorpasso chegará. Porén, a súa mensaxe é para todos aqueles que buscan facer ciencia e empuxar o progreso: «Independentemente de mirar se é home ou muller, débese lograr ese pulo de ver que, liderando unha determinada investigación, pódese levar cara adiante. O que hai que facer é crer que se pode para chegar».

A expansión internacional

O mapa da ciencia galega lese en ata 22 idiomas diferentes. O inglés segue sendo a lingua que máis se fala na produción académica, xa que corresponde con case o 64 % dos artigos científicos que alimentan o Portal Investigador. O castelán representa un 34 % e o galego non logra alcanzar o 1 % por cento do total (0,8 %). Esta hexemonía innegable do inglés permite, por outra banda, que os Estados Unidos e o Reino Unido, grandes polos de atracción científica, sexan a orixe das principais colaboracións internacionais. Ata en 11.694 ocasións uniron forzas galegos e americanos para traballar da man. Entre os grupos que máis sinerxías internacionais crean, a xenética entra no podio, xunto aos grupos de reumatoloxía e cardioloxía, habitual vangarda da ciencia galega. De xeito anecdótico, resultan curiosas as colaboración puntuais con colegas de países tan exóticos como Botsuana, Curazao, Granada, O Kirguistán, Gabón ou Azerbaixán. Tamén que Galicia teña traballado máis coa república de Irán que con varios colegas europeos.

O mapa galego da ciencia, por todo o falado, lese tamén en moitas revistas científicas. Science, Cell, Nature, JAMA, ou The New England Journal of Medicine. Son só algúns exemplos. Non hai editorial, por moi prestixiosa que sexa, á que non chegase a ciencia feita en Galicia.

Por áreas sanitarias, é a de Santiago e Barbanza a que encabeza a delegación galega, aglutinando o 41 % do corpo bibliográfico, seguida da área da Coruña e Cee (24 %). Vigo (12 %) é a terceira, mentres que o resto das circunscricións sanitarias galegas suman entre todas elas o 17 % —se a conta non lles dá é porque hai unha porcentaxe do arquivo científico que non está adscrito a ningunha área—. Seguen sendo os hospitais os centros onde máis ciencia se produce. Case a metade proceden deles. As universidades aportan un 37 % no reparto e os centros de investigacións xa achegan case un 12 %, pese a que foron os últimos en incorporarse á infraestrutura científica do país.