Volve La Voz de la Escuela, o recurso xornalístico para aprender na clase

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

LA VOZ DE LA ESCUELA

Alumnos do CEIP Guillarei, de Tui, traballando co xornal na aula
Alumnos do CEIP Guillarei, de Tui, traballando co xornal na aula

Supón o reparto de xornáis na aula partir de 5.º de primaria os mércores do curso

23 oct 2023 . Actualizado a las 15:56 h.

O programa educativo de La Voz de Galicia, Prensa-Escuela, reinicia o día 4 de outubro a súa andadura un curso máis, e xa van 41. La Voz crea un vínculo cos profesores e estudantes de xeitos moi diferentes: hai charlas, concursos de redacción, concursos nas redes sociais e información pedagóxica na nosa web, pero sobre todo temos un suplemento, La Voz de la Escuela, que en oito páxinas leva cada mércores do curso a actualidade ás aulas para traballar as competencias e contidos escolares a través do xornal.

Arranca o suplemento cunha portada dedicada a un asunto de información xeral. Noticias de alcance que lles resumimos e explicamos aos estudantes. Que empeza o xuízo do accidente do Alvia en Angrois? Pois falamos diso e do que significa. Que Ana García Obregón anuncia o nacemento dunha filla-neta por ventre de alugueiro? Pois tamén. Non só contamos a noticia, que tamén, senón presentamos o contexto para que os rapaces entendan por que é importante ou destacada esta historia, e o completamos, xa pensando nos niveis ou nos grupos máis avanzados, con debates máis profundos e mesmo colaterais do asunto.

Por exemplo, un dos temas dos que máis se falou na rúa o curso pasado foi a canción-venganza de Shakira tras a traición de Gerard Piqué. Na primeira páxina contamos o que acontecera, pero na segunda páxina falamos con Carmen Vázquez de Prada, socia da asesoría Catemo Educación, quen nos aportou uns consellos para deixar unha relación amorosa e ser deixado dun xeito san e positivo, así como asumir que o «para sempre» pode ser un dicir. Finalmente completamos esa páxina con análises diferentes: se a situación sería diferente no caso dun home, se ten que ver a diferenza de idade dos protagonistas, se a canción pode considerarse feminista cando sinala a outra muller, se sabemos cando estamos nunha relación tóxica...

Cada semana se trata así un asunto de actualidade, mesturando temas que lles poden tocar moi de cerca —mesmo este de Shakira ou o intento de recortar o dereito do aborto en Castela e León— con outros máis alleos aos seus intereses inmediatos, como pode ser a guerra en Ucraína, a morte dun papa, o terremoto de Siria e Turquía ou as eleccións municipais do pasado maio.

Xunto con esta aposta pola actualidade, La Voz de la Escuela leva ás aulas moita divulgación. Por exemplo, a científica. Falamos desde a poboación do mundo ata a ciencia que hai tras un biscoito o por que os insectos séntense atraídos pola luz; un espazo propio tivo o pasado curso a xeoloxía, grazas á colaboración da Cámara Mineira de Galicia, que nos aportou materiais para vincular esta ciencia co ferrocarril, as moedas e mesmo as sabores da auga. Tamén tivemos falado moito de escritores, e lles contamos aos rapaces por que teñen que ler Hemingway, Tolstoi ou Faulkner. E de economía: Recordades as longas colas de xente esperando para mercar Letras do Tesouro? De historia lles falamos en formato cómic; e tamén hai espazo, entre outros moitos temas, para o dereito, coa axuda de Álex Martín, avogado en exercicio. Pero non podemos facer un percorrido por La Voz de la Escuela sen lembrar que para nós a educación é máis que o currículo: por iso hai secciones como a de desenrolo emocional ou sobre ás fake news, a de orientación laboral ou a que repasa como se aprende noutros países. Todo pensado para profesores e os seus alumnos.

O programa é totalmente gratuíto e para anotarse hai que chamar ao 902 103 156. 

Premios Prensa-Escuela. Sonia Delpont (falando), directora de Márketing de Viaqua, presentou a charla final do programa  A Voz da Muller STEM , que levou a mulleres referentes e líderes aos centros educativos galegos. Neste último encontro contou con relatoras de excepción: de esquerda a dereita, Ariana Fernández Palomo, farmacéutica e presidenta de A Ciencia é Feminino; Ethel Vázquez, enxeñeira de Camiños e conselleira de Infraestruturas; Lara Méndez, enxeñeira agrícola e alcaldesa en funcións de Lugo. Elas charlaron de muller, ciencia e poder coa xefa de informativos de Radio Voz, Antía Díaz
Premios Prensa-Escuela. Sonia Delpont (falando), directora de Márketing de Viaqua, presentou a charla final do programa A Voz da Muller STEM , que levou a mulleres referentes e líderes aos centros educativos galegos. Neste último encontro contou con relatoras de excepción: de esquerda a dereita, Ariana Fernández Palomo, farmacéutica e presidenta de A Ciencia é Feminino; Ethel Vázquez, enxeñeira de Camiños e conselleira de Infraestruturas; Lara Méndez, enxeñeira agrícola e alcaldesa en funcións de Lugo. Elas charlaron de muller, ciencia e poder coa xefa de informativos de Radio Voz, Antía Díaz GONZALO BARRAL

Os concursos, o mellor xeito de fomentar o talento

Son moitas as actividades que vos ofrecemos desde Prensa-Escuela máis aló da entrega de xornais na aula. Algunha destas actividades non esixen estar inscritos previamente. Tomade nota:

Igualdade STEM

Charlas na clase. Unha das iniciativas de máis éxito do curso pasado foi La Voz da Muller STEM: charlas de mulleres do ámbito científico-tecnolóxico ante alumnos de ESO, FP e bacharelato. Faise en colaboración coa empresa Viaqua e o obxectivo é animar ás rapazas a decantarse polos estudos técnicos á vez que servir de referentes (para chicos e chicas) no campo STEM. Para anotarse hai que enviar un correo electrónico a prensa-escuela@lavoz.es cos datos do profesor (nome, teléfono de contacto, centro, curso e número de alumnos.

Concursos de redacción

Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil. Comezamos a 20.ª edición deste certame individual que ten catro niveis (infantil e primeiro ciclo de primaria, segundo ciclo de primaria, ESO e por último FP-bacharelato) nos que os rapaces teñen que debuxar unha noticia, titulala e redactar un resume, facer unha entrevista ou artigo de opinión, todo segundo a idade de cada quen. O prazo de entrega remata en abril.

Xornalismo na Escola. É un paso máis do anterior. Pensado para traballar en grupo, converte en reporteiros aos alumnos de ESO, FP ou bacharelato. Dirixidos polo seu profesor e asesorados en cada paso por xornalistas de La Voz, eles farán unha reportaxe que se publicará na web de Prensa-Escuela e se gañan, mesmo en La Voz de Galicia en papel. Para participar hai que enviar un correo a periodismoenlaescuela@prensaescuela.es cos datos do profesor: nome, teléfono de contacto, centro e clase.

Xornalistas Naturais. O curso pasado nacía un certame novo: Xornalistas Naturais-Cuaderno de Campo. Este concurso —que se fai en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), con sede en Santa Cruz (Oleiros); e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo—, está pensado para aulas de primaria, ESO, especial e de FP-Bacharelato. O obxectivo é que os alumnos analicen o entorno natural da súa escola e fagan un percorrido no tempo por como cambia a natureza, sen intervir (iso é moi importante) nela. Para participar hai que enviar un correo electrónico a cuadernodecampo@prensaescuela.es cos datos do profesor: nome e apelidos, teléfono de contacto, centro educativo e clase.

Nove concursos mensuais

Imaxe, relato e voz. Desde La Voz de Galicia sempre buscamos o xeito mellor para facerlles saber aos alumnos da importancia do xornalismo para a súa vida como cidadáns libres. E por iso, este ano vamos ter unha serie de pequenos concursos mensuais moi sinxelos dos que vos falaremos a vindeira semana.