Primeiro paso á unidade do Vello Continente

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

 Salón do reloxo, desde o cal Schuman fixo a declaración redactada por Jean Monnet
Salón do reloxo, desde o cal Schuman fixo a declaración redactada por Jean Monnet PARLAMENTO EUROPEO

A Declaración Schuman está considerada como a primeira pedra da construción dunha nova Europa

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro martes celébrase o Día de Europa. O 9 de maio de 1950 convocouse en París á prensa ás 6 da tarde no salón do reloxo do Ministerio de Asuntos Exteriores, no Quai d’Orsay, para difundir unha «comunicación da maior importancia», redactada por Jean Monnet e lida por Robert Schuman, entón titular desa carteira. «A paz mundial só pode salvagardarse mediante esforzos creadores proporcionados aos perigos que a ameazan. […] Coa posta en común das producións de base e a creación dunha alta autoridade cuxas decisións vinculen a Francia, Alemaña e os países que se adhiran a ela, esta proposta establecerá os cimentos concretos dunha federación europea indispensable para o mantemento da paz». A Declaración Schuman considérase o xerme da creación do que actualmente é a Unión Europea. O 9 de maio converteuse no símbolo que, xunto coa bandeira, o himno e o euro, identifican a entidade política da Unión. O camiño percorrido desde entón foi fecundo e longo. Vexámolo.

Cronoloxía da construción da Unión Europea

1949: Créase o Consello de Europa, con sede en Estrasburgo.

1950: O 9 de maio Robert Schuman presenta a Declaración que leva o seu nome e que é considerada a primeira pedra da construción de Europa.

1951: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e os Países Baixos asinan o 18 de abril o tratado constitutivo da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro.

1954: De Gaspery é elixido presidente da Asemblea Parlamentaria Europea.

1955: O 8 de decembro o Consello de Europa adopta como emblema a bandeira azul con doce estrelas douradas en círculo.

1957: Os Seis asinan en Roma o 25 de marzo os tratados que crean a Comunidade Económica Europea (CEE) e o Euratom para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 1958. Créase así o Mercado Común.

1958: O 19 de marzo celébrase en Estrasburgo a sesión pola que se crea a Asemblea Parlamentaria Europea e elíxese presidente a Robert Schuman.

1961: Gran Bretaña, Irlanda e Dinamarca solicitan en agosto o ingreso na CEE.

1962: O 30 de xullo entra en vigor a Política Agrícola Común (PAC).

1963: Francia veta o ingreso de Gran Bretaña.

1965: Asínase o tratado polo que se constituirán o Consello e a Comisión. Entrarán en vigor en 1967.

1972: Apróbase o ingreso de tres novos membros: Dinamarca, Irlanda e Gran Bretaña. Créase a serpe monetaria para controlar a flutuación das moedas dos países membros entre si.

1975: Créase o Tribunal de Contas Europeo.

1976: Determínase que o Parlamento Europeo sexa elixido por sufraxio universal en cada Estado membro. Iníciase a política de pesca común.

1977: Portugal e España solicitan a adhesión.

1978: Créase o sistema monetario europeo co ecu, primeira moeda común, de carácter virtual, para substituír á serpe monetaria. O novo sistema empeza a funcionar o 13 de marzo de 1979.

1979: O 7 e o 10 de xuño celébranse as primeiras eleccións por sufraxio universal dos membros do Parlamento Europeo.

1981: Entra Grecia como socio número dez na CEE.

1985: Asínase o Acordo de Schengen, que elimina os controis fronteirizos entre Alemaña, Bélxica, Francia, Luxemburgo e Holanda. Entrará en vigor en 1995. España e Portugal firman a entrada na CEE.

1986: Portugal e España ingresan no clube europeo e elévase a 12 o número de Estados membros. Asínase na Haia a Acta Única Europea, que entra en vigor o 1 de xullo de 1987.

1987: Empeza a funcionar o programa Erasmus para incrementar o intercambio de alumnos entre as universidades europeas. O 1 de xullo entra en vigor a Acta Única Europea.

1990: Asínase o convenio de aplicación do Acordo de Schengen. Tratado de Maastricht.

1992: Apróbase en Maastricht o Tratado da Unión Europea, que substitúe a CEE pola Comunidade Europea (CE) e aproba a creación da unión económica e monetaria e a moeda única.

1993: Entra en vigor o tratado da Unión Europea despois de ser ratificado por todos os países membros.

1995: Entran na CE Austria, Finlandia e Suecia, cos que son 15, os Estados membros. Entra en vigor o espazo Schengen.

1997: Asínase o Tratado de Amsterdam, que entra en vigor o 1 de maio de 1999.

1998: O Consello Europeo aproba en Bruxelas o 3 de maio a admisión de 11 países como membros da moeda única (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Luxemburgo e Portugal). Queda pendente Grecia. O 1 de xuño créase o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt. Asínase o tratado da eurozona entre os países integrados no euro.

1999: O Banco Central Europeo (BCE) faise responsable da política monetaria. Noméase a Javier Solana alto representante para a política exterior e de seguridade común (PESC).

2001: Asínase o Tratado de Niza. Encárgase a unha comisión presidida por Valéry Giscard d’Estaing a redacción dunha Constitución Europea. Grecia entra na eurozona.

2002: Entra en circulación o euro en substitución das moedas nacionais.

2004: Ingresan como novos membros a República Checa, Estonia , Chipre, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Eslovenia e Eslovaquia. Son 25 os Estados membros. O 29 de outubro asínase o tratado polo que se establece unha Constitución para Europa.

2005: No proceso de ratificación do tratado constitucional, Francia e Holanda votan negativamente nos seus respectivos referendos e por iso queda cancelado o proxecto.

2007: Ingresan na CE Bulgaria e Romanía. Son 27 os Estados membros. Eslovenia ingresa na eurozona. En Lisboa acórdase o tratado de reforma en substitución da errada Constitución.

2008: Chipre e Malta entran na zona euro.

2009: Eslovaquia entra no euro. Entra en vigor o Tratado de Lisboa. A Comunidade Europea convértese en Unión Europea (UE).

2011: Estonia entra na zona Euro.

2016: En Gran Bretaña celébrase un referendo sobre a súa permanencia na Unión Europea e gañan os partidarios do non.

 

60 anos de Europa

Na web do Programa-Prensa Escuela (www.prensaescuela.es), na sección de Profesores, no apartado e-studos de noticias, poderedes atopar amplamente desenvolvido este tema. A unidade títulase «60 anos de Europa». Alí atoparedes información sobre a historia de Europa, os homes que concibiron a súa unificación despois da Segunda Guerra Mundial, a mesma cronoloxía que se recolle aquí, os órganos e institucións de goberno da Unión Europea e as melloras que obtivemos os seus cidadáns. Tamén hai un plan de traballo que pode servir para profundar no tema. Non será traballo para un só día nin unha soa clase, pero pretende servir de fonte de inspiración para acometer actividades parciais en diversas ocasións.