Quen dixo que non é posible cantar as noticias do xornal?

LA VOZ DE LA ESCUELA

Ilustracións de Marc Taeger no último libro-cedé de Paco Nogueiras
Ilustracións de Marc Taeger no último libro-cedé de Paco Nogueiras

Paco Nogueiras converte informacións en cancións

09 dic 2020 . Actualizado a las 10:02 h.

O coñecido músico infantil Paco Nogueiras, que percorreu escolas de toda Galicia con obras como Radio Bulebule, recunca nos medios de comunicación cun novo libro-cedé titulado Extra!, unha palabra que evoca ese antigo oficio de vendedor de xornais que cantaba as noticias pola rúa.

Neste caso é o autor, cos seus característicos lentes e o seu inseparable chapeu azul -unha figura moi ben reflexada nas coloridas e expresivas ilustracións de Marc Taeger-, quen se converte en entusiasta cronista do mundo cun atípico noticiario, cheo de ritmo, humor e cor, co que se incide na importancia da prensa. As súas doce cancións, de ritmos pegadizos, dispóñense por seccións, coma nun diario. Así, o tema Eco, no que se aborda a conta atrás para frear o cambio climático, correspóndese con internacional, mentres que o de Superheroe, superheroína alude ás páxinas de pasatempos e o de Non teño medo ás de sucesos.

No fresco volume —publicado pola editorial Kalandraka— o autor subliña o protagonismo que tivo o xornal na súa infancia e inclúe un diario encartado, un extra que anima aos nenos á escrita e á plástica creativa e que completa unha imaxinativa obra que volve conectar con eles. Nela cobra movemento un repertorio cheo de inventiva, pero que tamén vos convida a pensar con noticias que, nesta ocasión, desfilan con letras, debuxos e sons.