As reportaxes publicadas pódense votar sempre

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

As persoas que queiran, e non o fixeran xa, poden seguir votando a reportaxe dos monfortinos ata final de curso
As persoas que queiran, e non o fixeran xa, poden seguir votando a reportaxe dos monfortinos ata final de curso LUIS CONDE

Os textos, logo de chegar á web de Prensa-Escuela, poden ser votados e compartidos durante o curso

11 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada mércores, a web de Prensa-Escuela vístese de Periodismo na Escola, con reportaxes feitas polos alumnos participantes neste proxecto, e xusto 24 horas despois (exceptuando cinco xoves de maio e xuño) a páxina volve á normalidade coa Noticia do día. Pero que desapareza da zona central da web non quere dicir que o texto se perda. Todo o traballo desenvolvido polos alumnos de secundaria dos centros participantes permanecerá gardado e será de fácil acceso.

Na parte dereita da web de Prensa-Escuela hai un apartado dedicado a Periodismo na Escola. Alí quedarán os traballos dos estudantes, listos para ser consultados e, sobre todo, votados e compartidos por quen non tiveron tempo durante o mércores ou, simplemente, se decataron máis tarde. En principio, e para que ese colector de reportaxes non ocupe toda a columna, só haberá dúas á vista identificadas polo nome do centro, e o resto quedan minimizadas baixo a pestana Ver máis.

OS VOTOS, FUNDAMENTAIS

As dúas que permanezan á vista serán os que teñan máis votos. Isto é moi importante, porque neste programa participan vinte centros educativos de toda Galicia e gañará o que máis votos consiga.

Estes pódense achegar sen facer ningunha identificación. O sistema usa o que se denominan cookies técnicas, un modelo que non é tan exacto como a inscrición no programa a través do correo electrónico, pero que, a cambio, garante o total anonimato dos votantes. Este punto é moi importante, tendo en conta que os xornalistas e gran parte do público que vota son menores de idade, o que obriga ás maiores medidas de protección de datos posibles.

En canto ao período de votación, esténdese durante todo o curso. O derradeiro centro publicará o mércores lectivo final, o 17 de xuño, e ata que pase esa data non se saberá que participante gañou este proxecto que leva o xornalismo ás aulas.

Hai que recordar que o equipo gañador verá a súa reportaxe publicada no papel, nas páxinas da edición xeral de La Voz de Galicia, o que lle permitirá ter unha audiencia potencial de 500.000 lectores. Ademais, o profesor ou profesores implicados serán entrevistados amplamente tamén nas páxinas de información xeral de La Voz para que compartan a súa experiencia.

161 VOTOS

O traballo dos alumnos do Torre de Lemos, de Monforte, contou, nesta primeira semana do proxecto, cun total de 161 votos (a día de onte). As persoas que queiran, e non o fixeran xa, poden seguir votando a reportaxe dos monfortinos ata final de curso.