A primavera na fiestra 

Algunhas suxestións para gozar da estación máis viva do ano dende a aula

O mesmo día que chega a primavera, o vindeiro 20 de marzo, celébrase tamén o Día Internacional dos Pardais
O mesmo día que chega a primavera, o vindeiro 20 de marzo, celébrase tamén o Día Internacional dos Pardais

O día 20 ás 4.49 chegará a primavera. A astronómica, iso si. Porque a meteorolóxica vai instalándose, como cada ano, aos tombos. Hai días que parece que o sol repentino, as bolboretas, os cantos de paporrubios e merlos, ou os lirios abertos nas beiras dos ríos non son senón trailers da súa película. Chegan as nubes e o frío, e... a esperar á estrea!

Que onde se proxectará esa película? Por todas partes, claro. Aínda que é evidente que as mellores pantallas para vela non son as dixitais, senón as naturais: bosques, campiñas, prados, lagoas... Pero tamén a túa fiestra. Por exemplo, a da aula.

Así é: a inmensa maioría das aulas galegas teñen fiestras desde as que, a partir destes días, gozar da chegada da estación máis viva do ano. O único que necesitades é moita curiosidade e algunhas claves como as que propomos aquí. Sempre sen deixar de prestar atención en clase, claro!

 

UN CADERNO DE CARTOLINA

Como é a contorna que rodea o centro escolar? Por suposto que canto máis verde maior será a oportunidade de detectar especies moi diferentes. Pero non vos decepcionedes se non é así. Non van faltar oportunidades de ver moitas cousas.

Unha boa idea é colocar na parede, ao redor da mellor fiestra para a observación, unha cartolina na que ir apuntando, cada día, as noticias que sucedan alén do cristal. Por exemplo, que tipo de bolboretas pasan por alí, as especies de aves vistas e o seu número, cando chegan as andoriñas e os cirrios, o día da floración das plantas, a saída das follas das árbores... Se vos apetece, podedes mesmo elaborar un esquema da paisaxe que se ve desde a fiestra e logo colocar sobre el, con post-it, as novidades que descubrades.

 

A ÚTIL PACIENCIA

A tarefa do naturalista consiste en esperas máis ou menos longas e repentinos momentos de grande actividade. Así que paciencia. Probablemente o primeiro que chame a vosa atención sexan as aves. Cantas especies sodes capaces de ver en, por exemplo, 15 minutos? Se estades no centro dunha cidade, tarde ou cedo pasarán ante vós gaivotas, corvos pequenos, pombas, pardais, estorniños, lavandeiras brancas e outras especies coas que compartimos o asfalto e as azoteas. Se está fronte a un xardín ou unha praza, probablemente vexades ademais rulas turcas, merlos, urracas, carboeiros, paporrubios e talvez xílgaros. Seguro que na biblioteca hai unha guía de aves que vos axudará a identificar estas e outras especies.

 

O QUE CONTAN AS ÁRBORES

Cantas árbores e arbustos diferentes hai alén da fiestra? Cales son autóctonas e cales oriúndas doutros continentes? Se tedes dúbidas, buscade a alguén que vos poida axudar a identificalas. Despois, investigade acerca de cada unha delas: se son especies de aquí, para que se usaban no pasado, en que tipo de medio natural son máis abundantes, por que se chaman así... Se chegaron de fóra, cales son os seus países de orixe, quen as descubriu... Pensade, ademais, en cada unha delas como un ser vivo con capacidades moito máis complexas das que imaxinamos e que a ciencia só está a comezar a desvelar, porque son moi diferentes das nosas.

Para coñecer mellor estas criaturas de tantas pólas, aí vai unha recomendación en forma de libro: Escoitar falar ás árbores, de Peter Wohlleben (editorial Ambolo). O autor é enxeñeiro forestal, educador ambiental e autor doutro libro, A vida secreta das árbores (editorial Obelisco), de grande éxito internacional.

 

MIL E UNHA NUBES

Hai semanas de primavera nas que cada día é diferente: o vento sopra dun punto cardinal ou outro, traendo consigo sol ou choiva, e sobre todo nubes de moitas formas diferentes. Galicia é un dos mellores lugares do mundo para gozar da observación destas últimas. E nada mellor para eles que a vosa fiestra.

As tres clases de nubes máis importantes son os cirros, altos, alongados e sedosos; os estratos, que son baixos, grises e uniformes; e os grandes e voluminosos cúmulos. Logo están as súas diferentes combinacións. Por exemplo, os cirrocúmulos, rizados e pequenos, formando grandes rabaños no azul; ou os estratocúmulos, que na súa metade inferior teñen forma de estrato e na superior de cúmulos...

En Internet está dispoñible a unidade didáctica Observación e identificación de nubes, con numerosas fotos para aprender a identificalas. Podédela consultar en t.ly/1VNYE

 

DÍA INTERNACIONAL DOS PARDAIS

O día 20 de marzo, á vez que chega a primavera, celébrase o Día Internacional dos Pardais. Iniciativa dun grupo conservacionista da India, ten como obxectivo difundir a delicada situación que viven estes paxaros a escala global. As súas poboacións en moitos países sofren un declive moi acusado e inquietante, porque non deixan de ser os nosos veciños alados máis comúns en vilas e cidades. Cantos viven ao redor do voso centro escolar? Onde comen, dormen, se bañan, fan os seus niños...? Igual tedes a sorte de que algún deses lugares se poida observar desde a vosa fiestra.

Nesta páxina web, en inglés, hai unha chea de ideas estupendas para celebrar o Día dos Pardais: t.ly/9L373

Unha mosca cóase na clase

 As fiestras son moi atractivas para diferentes especies de insectos, desde escaravellos a bolboretas nocturnas ou moscas e mosquitos. Todos eles son pequenos e fascinantes animaliños que tamén merecen toda a atención do naturalista. Intentade facerlles unha fotografía e identificalos despois na biblioteca coas guías correspondentes.

É habitual, ao abrir as fiestras un intre para airear a clase, que se coe unha mosca ou outro insecto. Matala non é unha solución adecuada. A mosca non é culpable de ningún delito e, ademais, retirar o cadáver ou os seus restos é... moi pouco agradable. Se abrimos a fiestra para que se vaia por si soa, dependemos da súa diminuta intelixencia, e da sorte. Menos mal que hai un truco en grao sumo sinxelo e divertido á vez. Só se necesita un anaco de papel e un vaso seco.

Cando a mosca estea despistada, achega con rapidez o vaso e atrápaa dentro, sen deixar ningunha físgoa, para que non escape. A continuación, levantando moi pouquiño o vaso, pasa o papel entre este e o cristal, e converte así o papel nunha tapa para o vaso. Logo retira ambos con coidado, evitando sempre deixar un oco para que non fuxa a mosca. Abre entón a fiestra e déixaa libre. E pecha canto antes! Non sería raro que a mosca intentase entrar de novo...

 

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Tags
Comentarios

A primavera na fiestra