Alumnos de Monforte descobren a sona internacional do seu Camiño

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os estudantes traballan con La Voz de la Escuela todo o ano, e fan da noticia unha ferramenta de aprendizaxe. E agora en dobre dirección
Os estudantes traballan con La Voz de la Escuela todo o ano, e fan da noticia unha ferramenta de aprendizaxe. E agora en dobre dirección LUIS CONDE

A primeira reportaxe de Periodismo na Escola vai sobre a ruta de Inverno, recuperada para o vindeiro Xacobeo

04 mar 2020 . Actualizado a las 10:11 h.

O primeiro centro educativo que publica unha reportaxe no proxecto Periodismo na Escola é o Fundación Educativa Torre de Lemos, de Monforte. Son os rapaces de 3.º e 4.º de ESO que, grazas a esta iniciativa periodística, descubriron que o seu concello ten sona internacional polo Camiño de Inverno, o último dos Camiños de Santiago en ser aprobados. 

Na reportaxe que hoxe se pode ler, compartir e votar participaron 25 rapaces, aínda que o peso recaeu en Betixa Carrera, Jaziel Colorado, Laura Rodríguez, Lucía López, Martín Fernández e Nerea Quiroga. Eles traballaron arreo dende que en xaneiro se apuntaron ao novo programa de Prensa-Escuela, e fixérono baixo a dirección do seu profesor de Xeografía e Historia, Luis Conde. Xa están afeitos a traballar como periodistas, porque Luis Conde colabora coa delegación de Monforte de La Voz de Galicia e a súa paixón polas noticias traspasa o espazo da redacción e chega ás aulas. Dende hai sete anos teñen unha radio escolar, un proxecto no que os rapaces verten moitas ilusións: «Por aquí pasaron persoas importantes -avisa Conde-, coma Pepe Blanco, o que foi ministro de Fomento, ou Alfonso Rueda, o vicepresidente da Xunta». De feito, os xornalistas de Torre de Lemos foron a Monte Pío e entrevistaron a Alberto Núñez Feijoo: «Foi unha experiencia magnífica para eles, porque ademais Feijoo foi moi próximo e amable».

Por iso cando o profesor lles propuxo participar neste novo proxecto de La Voz de Galicia, os rapaces enseguida dixeron que si. Entre todos pensaron no tema, e a cousa quedou entre dous: a declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural e o nova ruta de Inverno dentro dos Camiños de Santiago. Ao final, por diferentes razóns, gañou este último.

«O que fixen -explica Conde- foi dividir os rapaces participantes en catro grupos, e cada un tiña un labor: uns fixeron un repaso das hemerotecas para saber cando comezou o traballo para recuperar este Camiño de Inverno, e tamén recolleron datos, como que o ano pasado fixeron este Camiño uns mil peregrinos; outro grupo falou coa presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aída Menéndez, que lles contou en que basearon as peticións para reivindicar o novo-antigo Camiño; o terceiro grupo falou con outras persoas da asociación para que lles contaran os proxectos futuros e as reivindicacións que virán». E, finalmente, o cuarto grupo, que son rapaces que traballan moito na radio, foron os encargados de redactar o texto, de darlle forma a toda a información recollida polos seus compañeiros.

Luis Conde recoñece que, malia a experiencia coa radio, o traballo dos rapaces lle impresionou: «Estou moi contento do que fixeron. Traballaron moito: son rapaces moi bos e moi serios. Son unha marabilla».

Eles tamén quedaron contentos. «O ano que vén repetimos, seguro», di Luis Conde, porque a experiencia non puido ser mellor. Unha vez rematado o traballo, alumnos e profesor analizaron o aprendido: os rapaces descubriron que para ter menos nervios ante unha entrevista hai que levala moi ben preparada. Sorprendeulles moito todo o que non sabían, dende o esquecemento do Camiño de Inverno (do que só se fala dende finais dos 90) ata a repercusión internacional que ten, e «non daban creto a que houbera peregrinos xaponeses ou vietnamitas».

Para Luis Conde só por iso pagaría a pena participar: «Os rapaces descoñecen moitas veces a realidade que teñen máis preto. É moi importante que fagan cousas que os obriguen a saír da aula e a relacionarse coa sociedade na que viven e van vivir, e que sexan capaces de ter unha mirada crítica cara aos asuntos importantes da súa vila, da súa cidade». Conde xa ve froitos: «Un dos alumnos díxome que sempre pensara en emigrar e que agora pensa que si ten futuro en Monforte».

Claves 

1 Os rapaces traballaron en equipo, e cada grupo tiña un labor diferente e complementario. O grupo con máis experiencia (teñen programas de radio) encargouse da redacción

2 Para eles o máis complicado é falar cos expertos. Teñen vergoña e certo medo, e contra esas inseguridades o profesor anímaos a levar moi ben preparadas as entrevistas

3 Aprenderon moito. É o que máis lles chamou a atención: que ata hai poucos anos non se falase dese Camiño, ou que teña xa tanta repercusión internacional. Deulles autoestima

4 No centro teñen un programa de radio e despois desta experiencia están pensando nunha revista dixital