A escola tamén prepara o Xacobeo 2021

Xa hai moitos centros educativos que traballan co Camiño de Santiago, algúns deles co Pasaporte Solidario

Escolares colaborando en traballos de mantemento ao pé do Camiño de Santiago
Escolares colaborando en traballos de mantemento ao pé do Camiño de Santiago

Cando estas liñas estean impresas en La Voz de la Escuela, faltarán exactamente 316 días para que comece o ano santo, e con el o Xacobeo 2021. Que son dúas cousas distintas: o primeiro declárao a Igrexa católica cando o día do apóstolo Santiago, o 25 de xullo, cae en domingo, cousa que sucede cada 6, 5, 6 e 11 anos. Así pois, o último ano santo, por agora, foi o 2010, e o seguinte será o 2027. E o segundo é un programa cultural e socioeconómico que desenvolve a Xunta de Galicia dende 1993.

A historia é longa, e comeza no século I, cando, segundo a tradición, nunha barca de pedra chega a Galicia o corpo sen vida do Apóstolo para ser enterrado. No século IX comezan as peregrinacións e, cun forte descenso entre o XVI e o XX, continúan ata hoxe. E nestes tempos actuais os Camiños de Santiago cobran unha vitalidade coma xamais tiveron: case 90.000 quilómetros de rutas xacobeas están sinalizadas polo mundo enteiro, e non hai nwada semellante que se lle poida comparar.

Así, cada peregrino saía da súa casa, ía a un lugar emblemático -polo xeral a igrexa máis próxima-, buscaba un grupo ou raramente decidía ir só e marchaba procurando determinadas localidades onde xuntarse. Por exemplo, os nórdicos e bálticos, en xeral, ou ben ían costeando ou ben cruzaban a Inglaterra, á abadía de Finchale. Os do leste de Europa dirixían os seus pasos a Colonia e a París, os do centro a Vezelay o Arles (ambas en Francia), e a maioría de eles procuraban Roncesvales...

E pouco a pouco formáronse os Camiños de Santiago. Cantos? Infinidade deles, con independencia de que agora teñan un recoñecemento oficial ou non. E por aí continúan chegando. Por Galicia pasan oito, e os seus nomes son Primitivo, Norte, Inglés, Portugués (coa súa variante turística de Portugués pola Costa), Camiño do Sueste (mal chamado Vía da Prata), de Inverno e, por suposto, o moi coñecido Francés. Todos eles por terra, pero cómpre sumarlles un marítimo: a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, é dicir, as augas que sucou a lendaria barca de pedra que traía o corpo do Apóstolo.

 

ATA A FIN DO MUNDO

Un caso á parte é a prolongación da peregrinación, algo que se fai dende moitos séculos atrás, non faltando quen afirme que é unha peregrinación precristiá. De calquera xeito, a Igrexa católica non a recoñece porque no remata na catedral de Santiago, senón no cabo Fisterra e máis en Muxía, enclaves sen dúbida de gran valor paisaxístico, pero escaso dende o punto de vista relixioso, coa salvidade de que en Muxía abre as súas portas o coñecido santuario de Nosa Señora da Barca, que non ten moito que ver co fenómeno xacobeo.

 

SÓ UN NA CORUÑA

Descontando a Prolongación a Fisterra e Muxía, e en contra do que poida parecer, só hai un Camiño que discorra integramente pola provincia coruñesa: o Inglés. E bicéfalo, xa que arranca tanto dende A Coruña como dende Ferrol. Chámase así porque a esas cidades, sobre todo á primeira, chegaban milleiros de peregrinos en barco dende Inglaterra, aínda que non todos eran británicos xa que había moitos procedentes dos pobos escandinavos. O punto de encontro no norte daquel país era a abadía de Finchale, marchaban por terra ao sur e alí embarcaban de novo en calquera dos portos que existen aínda hoxe en día. Tamén hai constancia da primeira muller -que se saiba, claro está- que percorreu ese itinerario dende Bristol: chamábase Margery Kempe e deixou escrito un libro. En Oroso lémbraa unha placa .

 

A COMPOSTELA

A quen camiña cen quilómetros ou dá pedais nunha bicicleta durante douscentos a Igrexa católica dálle un certificado de ter feita a peregrinación. É o certificado de viaxe máis antigo do mundo, xa que, aínda que non se sabe dende cando se expide, si é medieval. Para obtelo hai que ter unha credencial de peregrino (acádase en moitas parroquias, oficinas de turismo e algunhas igrexas) e cada día ten que haber dous cuños nel -de restaurantes, templos, concellos ou o que sexa- que certifiquen que o seu propietario pasou por alí. Cando se chega a Santiago, cómpre ir á Oficina de Atención ao Peregrino, moi preto da catedral e por detrás do hostal dos Reis Católicos, esperar a longa cola en Semana Santa e verán e amosar esa credencial. Obter a compostela é gratis.

 

AS RUTAS NOS CENTROS

Serán moitísimos máis o curso que vén, pero xa hai centros educativos que traballan co Camiño de Santiago, algúns deles co Pasaporte Solidario (unha iniciativa oficial que ten unha versión referida ao mundo xacobeo); outros por libre, como o CEIP da Fonsagrada, que está en pleno Camiño Primitivo,; outros máis co respaldo da Consellería de Cultura e Turismo, que convocou ás poucas semanas de comezar as clases a 5.000 alumnos no I Festival Escolar do Camiño Inglés, un proxecto da Federación de ANPA de Ferrol e Comarca. Ou o CEIP Barouta, de Ames, que organizou a Semana Escolar do Camiño o pasado novembro. E, por suposto, deixando constancia das actividades constantes do CEIP do Camiño Inglés, en Oroso, tamén ao pé da ruta e que polo seu labor foi premiado pola Xunta como o centro que no curso pasado máis se distinguiu por promocionar e traballar cos seus alumnos co fenómeno das peregrinacións a Compostela. Un suma e segue constante.

De onde veñen?

Os peregrinos chegan a Santiago procedentes de todo o mundo. Duns países máis, doutros menos. Claro é que o principal é a propia España. En efecto, de España, e con Andalucía á cabeza, viñeron -sempre segundo datos do 2019- 146.350 peregrinos, o cal quere dicir un 42,11 %, posto que o número total dos que obtiveron a compostela foi de 347.578, 177.801 dos cales eran mulleres. E despois figuran por esta orde Italia, Alemaña, Estados Unidos, Portugal, Francia e Reino Unido. O seguinte posto na lista é unha auténtica sorpresa: un país tan lonxano xeográfica e culturalmente como é Corea do Sul. Claro que máis lonxe está Australia, de onde viñeron nada menos que 5.301, e figura só tres postos máis abaixo O lugar preferido para botar a andar foi Sarria, unha localidade de Lugo dende a que a distancia á praza do Obradoiro é de pouco máis dun cento de quilómetros. Por certo, e como apunte final, 85 peregrinos chegaron en cadeira de rodas, o cal ten dobre mérito.

UNHAS DATAS PARA NON ESQUECER

Ano 44. Santiago o Maior, un dos doce discípulos de Xesús Cristo, é decapitado en Terra Santa. O seu corpo é enterrado en Galicia.

822. Aínda que o ano non é seguro, o corpo do Apóstolo é descuberto no bosque Libredón, onde hoxe se ergue a catedral compostelá.

1065. Ten lugar a primeira peregrinación multitudinaria, que parte dende Bélxica.

1489. Ante a ameaza de que o británico Francis Drake chegase a Santiago cunha gran tropa expedicionaria e arrasase a catedral, o corpo do Apóstolo é agochado, e perderase a memoria de onde. Drake é rexeitado na Coruña por María Pita.

1879. Antonio López Ferreiro, historiador e cóengo, redescubre o corpo no trasaltar.

1971. Recuperación da peregrinación a pé polo Camiño Francés.

1982. Visita do papa Xoán Paulo II a Santiago.

«Hai que implicar aos mozos e aos colexios no Xacobeo 2021»

ENTREVISTA | CRISTINA PICHEL, Directora de Xuventude e Voluntariado

Cristina Pichel é a directora xeral da Xunta que ten competencias en xuventude e voluntariado. Sabe que ten traballo por diante co obxectivo de espertar a inquedanza da xente nova e, xa que logo, dos centros educativos polo Xacobeo 2021. «Hai que implicar aos mozos e aos colexios», afirma.

—Ten algo previsto para o 2021?

—Claro, xa estamos ultimando un plan xeral de voluntariado para o Xacobeo 2021, un plan que busca implicar a toda a sociedade nesa cita, que é transcendental para Galicia.

—A quen vai dirixido?

—A dous grupos en especial: aos mozos e mozas que van vivir o seu primeiro xacobeo e debemos incentivar o seu sentimento de pertenza a este fito, e ás persoas maiores, que teñen grandes coñecementos da vida que hai que aproveitar.

—Incluír aos maiores non é unha idea nova.

—Pero debemos insistir nela, porque quero que desempeñen un papel central, como auténticos coñecedores da historia da zona pola que pasa o Camiño.

—A contorna dos Camiños é mellorable, e a súa limpeza tamén.

—Sempre. Por iso promocionaremos o voluntariado ambiental co fin de xerar unha conciencia de sostibilidade e coidado da contorna nas nosas diferentes rutas xacobeas.

—Pero quen se move é o peregrino.

—Certo, e por iso intentaremos implicalo no mantemento.

—Europa estará mirándonos.

—Si, Europa estará mirándonos. E tamén boa parte do resto do mundo. Galicia e o seu voluntariado saberán responder ao reto. Por iso unha das cousas que quero facer é campos de voluntariado internacionais no verán, e xa no 2019 levamos a cabo a primeira destas experiencias en Vedra e Boqueixón, o Camiño do Sueste.

—Continuará con esa idea?

—Si, claro, é o que digo, xa este ano estou planificando máis campos centrados no Camiño que axuden a proxectar a imaxe de Galicia no exterior cara ao 2021.

—O peregrino necesita axuda a estas alturas?

—Pode necesitala, e para iso eu quero promover de cara ao 2021, e xa comezando este ano, o voluntariado social, que sempre teño moi presente e que é aquel que agrupa ás persoas que axudan ao peregrino, e mesmo apoiando ás entidades especializadas no acompañamento ao longo da ruta de persoas con discapacidade.

actividades

  • Internet está cheo de referencias aos Camiños de Santiago. Trigo e palla por todas partes, e cómpre facer unha escolma. Así, o único xornal dixital referido en exclusiva a esas rutas é este: www.periodicodelcamino.com. Blogs hai infinidade, posto que son centos ou quizais milleiros os que contan neles as súas experiencias no andar.
  • Un centrado tan só en monumentos e moi fiable é hitosdelcamino.blogspot.com.
  • A información oficial do Camiño en Galicia está en www.caminodesantiago.gal, completísima e en varios idiomas.
  • A Federación de Asociaciones de Amigos del Camino ten unha interesante web, www.caminosantiago.org.
  • Se se quere ver o deseño dun Camiño noutro país, por exemplo nesta web santiagopilgrimme.dk cómpre facer clic en Find rute para ver nun mapa por onde discorre en Dinamarca (Google ofrécese a facer a tradución do texto). Bótalles unha ollada a todas elas.
  • Podes identificar os Camiños de Santiago en España (https://is.gd/cDhFCC) e máis concretamente en Galicia.
  • En Google Earth busca Finchale Priory e mais Sarria, dous lugares emblemáticos dos Camiños de Santiago.
  • Por que non participar na enquisa de www.periodicodelcamino.com (á dereita, abaixo)?
  • Queres máis información sobre Margery Kempe? Tela en es.wikipedia.org.
  • Por suposto, se tes preto do centro un Camiño de Santiago, sería case imperdoable non pisalo. Se ademais se pode organizar unha saída completa para toda unha clase, moito mellor.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

A escola tamén prepara o Xacobeo 2021