Pódcast: audio e vídeo das noticias

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Alumnos do colexio da Bandeira no programa «Ecovoz». Podes baixar os pódcast dende a web de Radio Voz (https://www.radiovoz.com/archivo/)
Alumnos do colexio da Bandeira no programa «Ecovoz». Podes baixar os pódcast dende a web de Radio Voz (https://www.radiovoz.com/archivo/) Miguel Souto

O «podcasting» ou «podcast» -a súa adaptación ao galego é pódcast en singular e en plural- consiste na distribución de arquivos multimedia (normalmente, de audio ou de vídeo que adoitan ser de longa duración, e poden incluír texto en subtítulos e notas) mediante un sistema de redifusión (RSS) que permite opcionalmente subscribirse e usar un programa que o descarga para que o usuario o escoite posteriormente á súa difusión orixinal. O termo inglés «podcast» é un acrónimo formado por iPod e «broadcasting». Foi acuñado o 12 de febreiro do 2004 polo xornalista do diario inglés «The Guardian» Ben Hammersley, nun artigo que facía fincapé no barato das ferramentas para producir un programa de radio en liña e en que constitúe unha plataforma ideal para aumentar a retroalimentación entre emisor e receptor, debido á posibilidade de acceder aos contidos cando se desexe (véxase na Wikipedia o artigo «Podcasting»). Esta é a idea. Vémolo?, comentamos tan boa idea da radio?, facemos algo parecido en clase? Imos aló!

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

1. MELLORES PÓDCAST DE ESPAÑA

Así se presenta, con este título, un importante arquivo sonoro das noticias máis significativas e que poden servir de excelente axuda para o noso estudo das noticias na aula. Temas máis frecuentes: arte, ciencia e medicina, cine e televisión, comedia, cultura e sociedade, deportes, educación, finanzas, Goberno e organizacións, xogos e pasatempos, música, noticias e política, para toda a familia, relixión e espiritualidade, saúde, tecnoloxía.

  • http://www.radio-espana.es/podcasts

2. UN EXEMPLO DE NOTICIA DE UN PÓDCAST

«Por que flotan as nubes…? (16 de outubro do 2019). Hai uns días, paseando polo campo, detívenme a gozar da paisaxe. Ante os meus ollos ofrecíase a terra espida, salpicada nalgúns puntos polo reflexo da auga dun regato e as montañas afastadas. Elevei a vista e, máis arriba, as nubes formaban unha cuberta gris que se afastaba tamén ata xuntarse coa terra, alá no horizonte. Entre ambas, unha extensa rexión de aire transparente separaba a terra e o mar de nubes. Terra, aire e nubes, un sándwich natural ao que estamos afeitos. Pero por que é así?, que razón obriga ás nubes a estar alí ao alto, despregadas como un inmenso paraugas? Unha nube pode conter moita auga. Se é así, por que non cae polo seu propio peso? Canta auga pode conter unha nube? Hoxe respondemos a estas preguntas en “A ciencia nosa de cada día”» (Ángel Rodríguez Lozano).

ACTIVIDADES

A1. O sistema para ter sorte e elixir unha noticia que nos guste e nos poña de acordo é, por suposto, acudir á dirección indicada arriba.

A2. Eliximos, en primeiro lugar, á esquerda da pantalla, a categoría de pódcast que nos interesa. Son moitas: arte, ciencia, medicina, cine, televisión, comedia, cultura e sociedade, deportes e lecer, educación, finanzas, música, tecnoloxía, etcétera.

A3. Escoitamos despois e a ver quen ten boa memoria e pode elixir algún elemento que valla para discutir ou comentar entre todos.

Un pódcast escolar?

Facemos unha lista de noticias que se copian brevemente en palabras clave no encerado.

1. Desde o punto de vista cognitivo, uns grupos coincidirán ou non cos outros en se algunhas son noticias ou non: por exemplo, as páxinas de opinión, as necrolóxicas, os espazos de servizos...

2. É a hora da discusión: que condicións debe ter algo que se publica no periódico para que poidamos chamarlle noticia?

3. Unha vez determinada a lista de condicións, ver se a lista de noticias escollidas polos grupos teñen esas condicións ou non.

4. Entramos despois no terreo afectivo. Moitas veces digo que algo non é noticia porque a min non me interesa nada. Ata que punto o interese persoal do lector converte en noticia o publicado no xornal? Por exemplo, datos sobre a bolsa, un descubrimento arqueolóxico, o tempo, un deporte pouco común, son noticia aínda que non che interesen?

5. Recollede agora diversos adxectivos que describan os vosos sentimentos ante unha noticia: interesante, aburrida, intelixente, insulsa, preocupante, inxusta, divertida, alucinante, etcétera.

6. Escollede as cinco noticias máis destacadas do xornal e que cada un trate de cualificar os seus sentimentos ante esas noticias.

7. Dividímonos en cinco subgrupos en clase e cada grupo estuda e prepara ben unha noticia diferente. Despois de poucos días, gravamos en vídeo o noso pódcast escolar. Cada subgrupo explica aos demais a noticia elixida e presenta a gravación en voz ou con imaxe. Superamos, empatamos ou quedamos a unha altura correcta con este pódcast tan importante que xurdiu na radio?