Algunhas palabras sobre a diversidade

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Campionato de España de Ciclocross celebrado en Pontevedra en xaneiro, carreira pola inclusión. Incluír é dar ás persoas con diversidade funcional as mesmas oportunidades que ao resto
Campionato de España de Ciclocross celebrado en Pontevedra en xaneiro, carreira pola inclusión. Incluír é dar ás persoas con diversidade funcional as mesmas oportunidades que ao resto ÓSCAR VíFER

Conceptos básicos para conseguir un mundo máis inclusivo

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos», recolle a Declaración Universal de Dereitos Humanos da Unesco de 1948. A día de hoxe, na práctica, as barreiras de todo tipo (educativas, asistenciais, sociais, laborais…) seguen a ser un obstáculo insalvable para que as persoas con algún tipo de limitación alcancen a plena inclusión na sociedade do século XXI.

Empecemos pola linguaxe. As palabras que utilizamos para dirixirnos a unha persoa ou describir unha situación poden levar asociados ideas e valores cunha connotación positiva ou negativa que se acaba transformando en actitudes de respecto e empatía… ou todo o contrario. Por iso, como educadores e referentes para a infancia e a adolescencia, tanto pais como profesores debemos ter coidado cos termos que utilizamos para falar da diversidade. No caso, por exemplo, de referirnos a aqueles que presentan algún tipo de limitación física, psicolóxica ou intelectual, sempre debemos antepor a palabra presenta; persoa con trastorno do espectro autista, persoa con parálise cerebral ou persoa con síndrome de Down son preferibles a autista, paralítico cerebral ou síndrome de Down. Outros conceptos que convén ter claros son os seguintes:

  • Persoa con discapacidade define de xeito xenérico a quen presenta algunha deficiencia ou restrición física, intelectual ou sensorial. Aínda que prioriza o respecto á persoa, pon o foco nos aspectos limitantes e salienta a ausencia de capacidade.
  • Persoa con diversidade funcional é un termo non negativo que fai referencia ao resultado da interacción entre a persoa (coas súas capacidades e limitacións) e a contorna (coas súas oportunidades e barreiras). É dicir, as persoas poden presentar máis ou menos diversidade funcional dependendo das esixencias, barreiras ou dificultades que impón a contorna.
  • Tipos de diversidade funcional:
    • Físicas: afectan ás extremidades ou ao aparello locomotor (paraplexías, hemiplexías, tetraplexías, distrofia muscular…).
    • Sensoriais: as máis frecuentes son as visuais e as auditivas. Pero tamén engloba os trastornos do equilibrio e a perda de olfacto, de gusto ou de sensibilidade.
    • Mentais: alteracións dos procesos psicolóxicos básicos que dificultan a adaptación da persoa á súa contorna (trastorno afectivo bipolar, esquizofrenia…).
    • Intelectuais e do desenvolvemento: limitacións significativas no funcionamento intelectual e nas habilidades adaptativas sociais e prácticas.
    • Orgánicas: os órganos internos están danados, como no caso da fibrose quística, as cardiopatías, transplantes…
    • Circunstanciais ou transitorias: son circunstancias que afectan o individuo nun momento determinado (enfermidades, accidentes…).
  • Barreiras: obstáculos ou dificultades que imposibilitan que as actividades e espazos sexan accesibles. As máis frecuentes: arquitectónicas, económicas, de transporte ou por ausencia de persoal de apoio, de actividades de lecer inclusivas, de programas adaptados, de recursos e servizos ou de persoal formado.
  • Igualdade de oportunidades: as persoas con diversidade funcional deben gozar das mesmas oportunidades que o resto da cidadanía, o que se consegue coa suma da eliminación das barreiras da contorna e a disposición de apoios para cubrir necesidades.
  • Segregación: significa apartar, separar a alguén. Durante moitos anos o colectivo de persoas con diversidade funcional era agrupado e diferenciado co obxectivo de dar unha resposta específica ás súas necesidades.
  • Integración: é un gran paso, porque aposta pola incorporación das persoas con diversidade funcional en espazos normalizados. Pero son elas as que se ven obrigadas a adaptarse aos modelos xa existentes, sen teren unha resposta ás súas necesidades.
  • Inclusión: enfoque que responde positivamente ás diferenzas individuais das persoas que entende que a diversidade non é un problema, senón unha oportunidade para o enriquecemento da sociedade. Conséguese a través da participación activa no contexto familiar, escolar, formativo, laboral e, en xeral, na sociedade. 

Ideas erróneas

Estes son algúns mitos ou ideas equivocadas en relación coas persoas con diversidade funcional que se recollen na guía Como dirixirse adecuadamente ás persoas con discapacidade, elaborada por Cermi (Madrid, 2017):

  • Non son persoas normais. Non hai dúas persoas idénticas. Todos somos normais teñamos ou non diversidade funcional.
  • Hai moitas actividades nas que non poden participar. É unha cuestión de enfoque e de imaxinación, sempre se pode buscar o xeito de que a persoa participe. Por exemplo, se estamos a facer traballos manuais e a persoa en cuestión non ten desenvolvida a motricidade fina, podería participar encargándose do material.
  • É diferente a min, terá outros intereses. Debemos partir das similitudes ou intereses á hora de relacionarnos. Se a unha nena de 6 anos lle gusta xogar coa pelota, a unha nena da mesma idade con diversidade funcional o máis seguro é que tamén lle guste.
  • Xa está integrado na aula, séntase ao meu lado. Non só se trata de que ocupen o mesmo espazo, senón tamén de que interactúen e participen de forma activa (na aula, no patio, nas excursións, nas actividades extraescolares…). 

Escuela de familias 

  • TEMA DO MES: Fillos con diversidade funcional.
  • A FRASE: «Non se trata só de que os mozos con diversidade funcional estean dentro das escolas, senón de que o que ocorre dentro delas non estea organizado pola normalidade, porque iso impide que poidan participar, aprender e progresar dentro delas. É dicir, a inclusión non é só estar aí, senón poder atopar dentro unha comunidade coa que aprender e participar» (Ignacio Calderón).
  • ALGUNHAS CLAVES: A inclusión significa loitar por unha sociedade equitativa e respectuosa fronte ás diferenzas, sen etiquetar nin excluír a ninguén.
  • COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Transmitir desde casa actitudes pouco respectuosas ou pouco empáticas con respecto a compañeiros de colexio con necesidades educativas de calquera tipo.
  • PARA SABER MÁIS: «Diversidade sen barreiras», Consejo de la Juventud de Euskadi, 2017: https://bit.ly/39cS06U