A natureza séntache moi ben!

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha crecente corrente de estudos vén detectando desde hai anos a importancia que ten desenvolver actividades en plena natureza para o noso benestar físico, intelectual e emocional
Unha crecente corrente de estudos vén detectando desde hai anos a importancia que ten desenvolver actividades en plena natureza para o noso benestar físico, intelectual e emocional MARCOS MÍGUEZ

Demostrado que o contacto con ela só ten beneficios, varios libros e webs achegan suxestións para todos os gustos e todas as idades

05 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando foi a última vez que deches un bo paseo pola natureza, un deses dos que sempre regresas sentíndote moito mellor? Se vai moito, xa estás a tardar en repetilo. Se hai pouco, e de feito paseas a miúdo polas beiras dos ríos, as praias, os bosques, os parques, as campiñas ou a montaña, dáte parabéns. Porque mentres estás en todos eses lugares, e á vez que gozas e aprendes de canto ves, coidas da túa saúde.

Unha crecente corrente de estudos vén detectando desde hai anos a importancia que ten desenvolver actividades en plena natureza para o noso benestar físico, intelectual e emocional. Son cada vez máis as investigacións que así o demostran, e en particular as que teñen a nenos e mozos como protagonistas.

A revista Scientific American chegou a afirmar que eses estudos mostran «hectáreas de evidencias» de que canto máis tempo pasamos mentres crecemos en contacto coa biodiversidade mellor é o noso desenvolvemento. Estas son algunhas das principais conclusións dese conxunto de traballos:

 

  • Os nenos que xogan habitualmente ao aire libre desenvolven mellor as súas habilidades motoras de coordinación, equilibrio e axilidade, e caen enfermos con menos frecuencia.
  • Ademais, a súa capacidade de autodisciplina e a de concentración puntúan máis alto nos tests.
  • Ao mesmo tempo, os seus xogos resultan menos constrinxidos, máis variados e imaxinativos. Isto redunda nunha maior creatividade, e no desenvolvemento da linguaxe e das habilidades sociais.
  • A natureza brinda moitas máis oportunidades para o desenvolvemento da capacidade de razoar e observar, así como para apreciar as propias sensacións.
  • Tamén, por suposto, para o desenvolvemento da capacidade de asombro ante o mundo real. Isto parece ser especialmente importante durante os primeiros anos para a futura capacidade de motivación persoal.
  • Un paseo por un espazo natural, mesmo se non é máis que de dúas horas, ten efectos terapéuticos asombrosos sobre o ánimo e, xa que logo, na forma de afrontar a adversidade. Isto sucede tanto nos nenos como nos maiores.
  • Os xogos na natureza fomentan nos nenos sentimentos máis positivos acerca de si mesmos e os seus amigos, os seus familiares, etcétera.
  • Ademais, adquiren maior autonomía persoal e capacidade de asumir as súas responsabilidades.
  • Os nenos con síntomas de TDAH teñen máis facilidade para concentrarse despois de pasar un tempo na natureza.
  • Para rematar, pero non menos importante, os nenos que crecen nun contacto feliz e formativo coa natureza desenvolven con respecto a ela unha relación persoal que no futuro os converterá en defensores da biodiversidade e, xa que logo, dun mundo mellor para todos.

 

Así que xa o sabes: non tardes en regresar a un espazo natural. E en levar contigo, neses paseos, á túa familia e amigos!

CANTO TEMPO É NECESARIO PASAR NA NATUREZA ?

Nun estudo no que participaron vinte mil voluntarios, un equipo dirixido por Mathew White, do Centro Europeo para o Medio Ambiente e a Saúde Humana da Universidade de Exeter, descubriu que as persoas que pasan dúas horas á semana en espazos verdes, parques locais ou outras contornas naturais eran moito máis propensas á boa saúde e o benestar psicolóxico que aqueles que non o fan. Esas dúas horas, tanto se son xuntas coma se van espazadas, eran o tempo mínimo imprescindible: o estudo, publicado en xuño pasado na prestixiosa revista «Nature», mostrou que non había beneficios para quen non acadan ese mínimo.

«O sentido do abraio»

En 1956 unha revista norteamericana encargou á bióloga Rachel Carson un artigo acerca deste tema: «Axuda ao teu fillo a asombrarse». Carson, unha das voces ecoloxistas máis destacadas do seu tempo, decidiu escribir un texto acerca de como sementar nos máis pequenos o asombro ante a maxia e o misterio da natureza. Ela non tiña fillos, pero si un sobriño de 2 anos de idade chamado Roger. O que fixo foi relatar a experiencia dos seus percorridos xuntos pola costa inmediata ao seu fogar. A autora, de 49 anos, era tamén unha das máis nomeadas biólogas mariñas do seu tempo. Para o pequeno Roger aqueles paseos eran unha experiencia absolutamente nova e fascinante. O texto comeza así:

«Unha tormentosa noite de outono, cando o meu sobriño Roger tiña uns vinte meses, envolvino cunha manta e leveino á praia na escuridade chuviosa. Alí fóra, xusto á beira do que non podiamos ver, onde enormes ondas tronaban, tenuemente percibimos vagas formas brancas que resoaban e gritaban e botábannos puñados de espuma. Rimos xuntos de pura alegría. El, un bebé coñecendo por primeira vez o salvaxe tumulto do océano. Eu, co sal da metade da miña vida de amor ao mar en min. Pero creo que ambos sentimos a mesma resposta, o mesmo calafrío na nosa espiña dorsal ante a inmensidade, o bruar do océano e a noite indómita que nos rodeaba».

Aquel calafrío era o asombro. Se queres saber como continúa este magnífico libro, titulado O sentido do abraio, podes facelo nunha recente tradución ao galego publicada por Catro Ventos Editora:

  •  https://bit.ly/2RAZc6D

 

Necesitas «Vitamina N»!

Vitamina N é o título do novo libro da colección do mesmo título posta en marcha hai un ano pola editorial Kalandraka para fomentar a reconexión coa natureza. Nesta obra, editada en galego e castelán, o seu autor, Richard Louv, explica como moitos nenos e adultos non teñen na actualidade suficiente contacto coa natureza e as consecuencias diso sobre a súa saúde, afectada polo que denomina trastorno por déficit de natureza.

 A continuación, e a fin de combater este déficit, Louv suxire máis de 500 consellos e propostas prácticas de actividades creativas, divertidas e eficaces para interactuar coa natureza: fórmulas para acougar os bebés, construír un glosario de termos naturais, unirse a clubs de natureza, axudar a reparar hábitats danados… Creando así un manual único, completo e práctico para todas as idades. E ademais, moi estimulante para pensar en outras ideas.

Xornalista e escritor, os libros de Richard Louv foron traducidos e publicados nunha vintena de países. É fundador e presidente emérito de Children & Nature Network, un movemento mundial que busca conectar a persoas e comunidades co mundo natural. Recentemente explicaba así a recepción do seu traballo nos últimos quince anos: «Foi practicamente ignorado polo mundo académico no seu día. Entón só puiden atopar 60 estudos relacionados con el. Agora estamos a piques de dispor de 1.000 estudos, e todos eles apuntan nunha dirección: a natureza non só é agradable de ter, senón que é unha ferramenta imprescindible para a saúde».

  •  Máis información sobre este libro en: https://bit.ly/37BVsHz

A lista do National Trust británico

O National Trust do Reino Unido é unha entidade con máis de catro millóns de socios, e a segunda maior propietaria de territorio natural e edificios de interese cultural dese país. Hai poucos anos elaborou unha lista de «50 cousas que todos os nenos deberían facer na natureza antes de cumprir os 11 anos e 3/4». Podes consultala en:

  • https://bit.ly/2RTVfJm

Aquí non nos caben todas, así que preparamos unha breve selección. Seguro que a ti, á túa clase, aos teus profesores e aos teus pais e avós se vos ocorren moitas outras!

  • Observa os paxaros e escoita os seus cantos.
  • Bota a rodar por unha pendente abrandada.
  • Vai pasear por un carreiro no bosque.
  • Sigue os camiños de criaturas salvaxes.
  • Contempla as estrelas e constelacións.
  • Aprende a utilizar un mapa e un compás.
  • Explora un estanque cheo de vida.

A SEGURIDADE É O PRIMEIRO

Antes de poñr en marcha unha excursión á natureza, pensa ben acerca de todo canto teña que ver coa túa seguridade e coa de quen te acompañen.

Por exemplo, moitas actividades non debes realizalas só, ou soamente en compañía dos teus amigos, senón baixo a supervisión dun adulto, xa sexa un profesor, un monitor ou alguén da vosa familia.

Ante calquera posibilidade dun risco grave, mellor elixir outra opción. Para os adultos que vos acompañen existe unha estupenda guía de seguridade en actividades extraescolares que se pode descargar en formato PDF:

  • https://bit.ly/36EQzwe