Ondas e ondadas

Unha vaga de máis de 30 metros de altura case fai naufragar en 1942 un dos maiores e máis rápidos transatlánticos daqueles temposen 1995 púidose observar por primeira vez unha onda vagabunda. foi a varias millas ao sur de noruega

Barcos desafiando as ondas na entrada do porto de Viveiro
Barcos desafiando as ondas na entrada do porto de Viveiro

Era o 8 de decembro de 1942. Os Estados Unidos levaban xusto un ano combatendo na Segunda Guerra Mundial, na que entraran tras o ataque xaponés á súa base de Pearl Harbor, en Hawai, no océano Pacífico. Os seus inimigos eran Alemaña por unha banda e Xapón por outra. Os seus aliados, as democracias occidentais e a Unión Soviética.

Aquel día o transatlántico Queen Mary saíu de Nova York con máis de 16.000 soldados a bordo. Tiña por diante 3.000 millas de viaxe ata Escocia. Medía 311 metros de longo e 36 de ancho, e era naquel momento un dos barcos máis rápidos do mundo.

Baixo o ceo solleiro soaban as aclamacións, a música dunha orquestra, as ordes que dirixían as manobras de desatracada. Pouco despois, a medida que abandonaba o porto, e segundo consultaba por enésima vez as súas cartas de navegación, o capitán probablemente supuxo que atoparía algunha tormenta na súa travesía. Á fin e ao cabo, ía cruzar un dos mares máis violentos do planeta, e na peor época do ano. Tampouco podía descartar a presenza de submarinos inimigos, algo que o tiña moi preocupado. Hitler ofrecera unha recompensa moi apetecible a quen afundise o seu barco.

Co que non contaba era con atopar un monstro.

O MONSTRO

Vinte e catro horas despois afrontaba unha dura tempestade. O vento ouveaba coma unha manda de lobos. Os miles de pasaxeiros mantíñanse encerrados nos camarotes, moitos deles tan mareados que apenas podían falar. A tripulación, habituada a este tipo de circunstancias, mantiña o rumbo sen maior preocupación. Unhas ondas máis ou menos altas non ían frear a un dos maiores barcos xamais construídos. O monstro non era ese.

Seguiron varios días de incomodidades. Ata que, a só 700 millas do seu destino e sen previo aviso, o océano pareceu desaparecer baixo a enorme proa, provocando que o xigantesco Queen Mary caese no que parecía un pozo sen fondo. Era coma se unha boca descomunal se abrira no mar para tragalo.

POR BABOR

Entón, mentres o capitán e os seus oficiais aínda estaban a intentar comprender que sucedía, apareceu por babor unha das maiores ondas xamais rexistradas. Apenas houbo tempo para o asombro e o terror. O monstro precipitouse contra o barco con tal fereza que fixo estalar incluso as fiestras da ponte de mando, situadas a máis de 30 metros.

Bota contas: a altura media dunha vivenda é de tres metros. Aquela masa de auga medía dez veces máis.

Foi tal o golpe que, á vez que arrincaba de raíz todos os botes salvavidas dese costado de babor, facía que o barco rodara sobre si mesmo. Polo lado oposto, o de estribor, a cuberta, inclinada como nunca antes, case quedou á altura do mar. Nos camarotes houbo roturas de brazos e pernas. Nos comedores, as cadeiras e as mesas deslizáronse contra unha parede, e os pratos e os vasos quedaron feitos anacos. Moitos soldados creron que o barco fora torpedeado. En canto aos experimentados mariñeiros, pensaron que o transatlántico nunca volvería endereitarse. Non lles faltaban motivos: segundo cálculos posteriores, se se tivera inclinado tres graos máis, tería envorcado e afundido, o que daría lugar ao maior desastre marítimo da historia. Non foi así. Salvoulles un audaz xiro do temón executado con firmeza nese mesmo momento.

O que o Queen Mary atopara no seu camiño foi unha onda xigante, tamén chamada onda vagabunda e onda monstro, un fenómeno natural que non parece estar causado nin por ventos nin por terremotos, como si sucede coas outras ondas, e cuxa orixe aínda é obxecto de controversia.

En 1995 púidose observar por primeira vez cientificamente unha delas. Foi desde unha plataforma petrolífera situada varias millas ao sur de Noruega. Ás tres da tarde do 1 de xaneiro dese ano, os seus sistemas de control rexistraron unha enormidade líquida de 26 metros de altura. Os danos que provocou na estrutura metálica foron moi grandes. Á vez, os datos obtidos resultaron do maior interese para os investigadores. Ata ese momento, toda a información dispoñible acerca deste tipo de eventos era a través de testemuños. É máis: había quen dubidaba que unha onda puidese alcanzar semellante magnitude.

Para entón, o Queen Mary levaba máis de dúas décadas atracado como hotel flotante, barco museo e atracción turística en California.

A conservación do mar

A quen non lle gusta, de cando en vez, sentarse a contemplar como as ondas chegan ata a praia? Ou, nestes días de inverno, a observar como rompen con forza contra as rochas, levantando grandes masas de escuma?

Se vives preto do mar, seguro que tes moitas oportunidades de gozar de momentos así. Se, en cambio, es de terra dentro, fai o posible para acudir de cando en vez a miralo. Non esquezas gardar todas as precaucións se o que vas ver é un temporal!

Cando esteas ante o océano, ademais de admirarte desde un punto de vista estético ou de apuntar cantas preguntas e curiosidades esperte no teu espírito científico, non esquezas canto debemos a ese medio natural, que ocupa o 70 % da superficie do planeta.

Un exemplo: sabes cantas familias galegas dependen directa ou indirectamente dos recursos pesqueiros e marisqueiros? É talvez a túa unha delas? Investígao.

Chamamos servizos ecosistémicos aos beneficios que a poboación humana obtén de calquera medio natural. No caso dos océanos, son innumerables: son o soporte dunha biodiversidade extraordinaria, abastecen de alimentos a unha gran parte da poboación mundial, regulan a temperatura planetaria, serven como vías de transporte, teñen unha grande importancia cultural e científica...

Ao mesmo tempo, sofren infinidade de presións derivadas de moitas cousas que ata agora a humanidade fixo fatal: contaminación, plastificación, acidificación... Esa é a mala, moi mala noticia. A boa é que sabemos que está a suceder, e que cada vez hai máis persoas de todas as idades dispostas a pórlle fin a todo iso. Anímaste a ser unha delas?

A conservación do mar depende de todos. Non podemos deter as ondas xigantes, que sempre existiron e existirán. Pero si, por exemplo, e entre todos, as do exceso de contaminación de plástico, que nunca antes existiron. Para que as ondas do futuro, do teu futuro, crezan sas e prósperas, e non en forma de monstros contaminados, todos debemos achegar o noso sopro de vento. Por pequeno que sexa. Recorda que un pequeno rizo na superficie é suficiente para empezar.

Unha onda enorme en Galicia

En xaneiro do 2014 rexistrouse en Galicia unha onda de 27,81 metros de altura na boia de Vilán-Sisargas. Dous anos antes, durante o xuízo sobre o desastre causado pola marea negra resultante do naufraxio do petroleiro Prestige no 2002, o xefe de máquinas deste barco atribuíu a unha onda xigante os primeiros problemas do seu buque. «O golpe foi algo extraordinario. Asuquei todos os mares e nunca vin unha onda tan grande», declarou.

Unha onda enorme en Galicia

En xaneiro do 2014 rexistrouse en Galicia unha onda de 27,81 metros de altura na boia de Vilán-Sisargas. Dous anos antes, durante o xuízo sobre o desastre causado pola marea negra resultante do naufraxio do petroleiro Prestige no 2002, o xefe de máquinas deste barco atribuíu a unha onda xigante os primeiros problemas do seu buque. «O golpe foi algo extraordinario. Asuquei todos os mares e nunca vin unha onda tan grande», declarou.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Ondas e ondadas