«Fixemos unha forma diferente de rap e estamos contentos»

Marta, Cristina e Hugo falan da súa experiencia creativa no concurso de Viaqua

Marta, Hugo e Cristina durante os ensaios da composición baseada no poema «En las orillas del Sar», de Rosalía de Castro
Marta, Hugo e Cristina durante os ensaios da composición baseada no poema «En las orillas del Sar», de Rosalía de Castro

«Presentounos Sandra e pareceunos unha boa idea». Dío Marta Sanmartín (voz), agora en terceiro da ESO, como os seus compañeiros Cristina Paderne (percusión) e Hugo Sanmartín (voz). No grupo faltan á cita Rodrigo Pumares, que anda por outros lares neses intres, e mais Isabela Vélez (que tocou o ukelele).

Marta refírese a Sandra Tenreiro, unha muller nova, alta e moi activa. Ela foi a alma máter que animou ao grupo a presentarse o ano pasado ao concurso de rap convocado por La Voz de Galicia e Viaqua. E fixérono co poema de Rosalía de Castro «En las orillas del Sar», que foi o máis votado nas redes sociais.

«Nunca cantaramos rap nin fixeramos unha peza desas», continúan os alumnos, agora relaxados e sen nervios, rodeados de guitarras nunha aula de música que á súa vez forma parte dun edificio enorme a algo baldeiro que xa viviu tempos mellores, porque isto é Guitiriz, a Galicia do interior, e demograficamente non é unha potencia. De feito, no centro, de nome Poeta Díaz Castro, impartíase un ciclo de soldadura e alí está todo o material, vendo silandeiro como pasa o tempo.

Pero ánimo non falta, e iso nótase dende o primeiro momento. Bo ambiente e alumnos dinámicos no recreo («e tamén nas clases», engade unha profesora). Ánimo ten tamén Cristina: «Sandra preguntounos se queriamos participar nese concurso, e claro que nos pareceu unha boa idea». Marta non deixa escapar a ocasión: «Si, foi unha boa idea porque así coñecemos moitos poemas de Rosalía. Ela trouxo moitos textos da biblioteca e eliximos ese porque era o que mellor nos cadraba con esa base e coa música que queriamos compoñer».

E unha vez collida carreiriña, xa non houbo quen os parase. Hugo matiza que para elixir o poema tardaron dúas clases e logo, entre facer a base con instrumentos e practicar, catro semanas de ilusionante traballo. Marta inclínase pola reflexión: «Xeralmente asociamos o rap con algo máis violento, por así dicilo, pero fixemos unha forma diferente de rap e estamos contentos, e iso que era a nosa primeira vez».

Cando presentaron a súa obra ao concurso explicaron que atoparon no poema «a similitude coa descrición dun conto ambientado en Galicia, a maxia da paisaxe e dos bosques húmidos galegos nos que xorden regatos de auga que baixan das montañas». Gustoulles a comparativa que se fai do río como un neno que corre e xoga e valoran a importancia do río «como recurso de vida, para todos os seres vivos».

GUSTOS MUSICAIS DISPARES

Curioso remate á conversa: falando de música, Cristina dá unha lección de carácter galego e defínese sen facelo. Di que lle gustan «moitas cancións de hoxe en día, pero tamén outras máis antigas». Marta é máis concreta e sorprendente: «Sobre todo, o reguetón e cousas desas». E Hugo pon o moderado punto final: «Non me gusta un estilo único, senón varios, pero eu prefiro o pop, e se teño que dar nomes, escoito moito a Taburete e a Blas Cantó».

A súa creación, en fin, pódese ver e escoitar buscando en YouTube: v2RQ5808U0Y

Convocada unha nova edición do concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap

La Voz de Galicia e Viaqua volven convocar o concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap. Obxectivo: concienciar ao alumnado da importancia do coidado da auga a través da literatura galega. O concurso está dirixido a alumnos de educación primaria e secundaria, educación especial e escolas de música. O que se busca é, segundo os organizadores, «que os escolares nos dean a súa visión a modo de rap sobre pasaxes estelares ou momentos cume das grandes obras da literatura galega nas que estea presente a auga».

Este ano hai unha novidade: o concurso constará de dúas fases. Na primeira, provincial, o alumnado terá de prazo ata o 8 de febreiro para presentar os seus traballos; o xurado elixirá cinco de cada provincia. Na segunda, os finalistas deberán presentar un novo vídeo entre o 20 de febreiro e o 30 de abril, e de entre todas as obras recibidas sairán os ganadores, dous en cada categoría.

As bases completas están na web www.prensaescuela.es. Arriba, xusto no centro, está o botón Concursos. Despregándoo aparece este. Así que... a traballar e sorte!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Fixemos unha forma diferente de rap e estamos contentos»