As aves máis viaxeiras

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Carrán ártico
Carrán ártico

Hai medio milenio, navegantes españois e portugueses comezaron a chegar a recunchos do planeta ata entón descoñecidos en Europa. Non é difícil imaxinalos, tras interminables días de navegación, escrutando cada pouco o horizonte mariño en busca de sinais que indicasen a proximidade de terra. Por exemplo, aves. Un pequeno paxaro ben podía ser anuncio de que a costa non estaba lonxe. Aínda que hai aves moi viaxeiras.

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

1. NO ATLÁNTICO E NO PACÍFICO

Algunhas das especies que aqueles mariños atoparon no outro extremo do mundo resultaríanlles moi familiares. Seguro que parte da tripulación da Victoria, a primeira nave en dar a volta ao mundo, recoñeceu en metade do Pacífico, por exemplo, as pardelas escuras. Escuras e algo menores que unha gaivota, estas aves fan longas migracións tanto por ese océano como polo Atlántico.

A ciencia aínda tardaría séculos en descubrir que as que crían en Nova Zelandia acoden cada outono ata a altura das illas Aleutianas, entre Norteamérica e Rusia. É un percorrido de máis de 74.000 quilómetros. As do Atlántico aniñan en lugares como as illas Malvinas para despois voar ata case o Canadá. Logo veñen fronte a Europa, pasan en setembro e outubro ante Galicia e regresan de volta ao hemisferio sur. En total, 14.000 quilómetros de ida e volta.

2. CARA ÁS NOSAS ANTÍPODAS

Hai quen sostén que unha das naves da segunda expedición que entrou no Pacífico rumbo ás illas Molucas tras Magallanes, a que comandada por García Jofre de Loaísa partiu da Coruña en 1525, tería conseguido chegar a Nova Zelandia tras separarse das demais. De ser así, talvez os seus tripulantes reparasen alí na presenza dunhas aves familiares: os carráns árticos.

Hoxe, grazas ao seguimento por satélite, os ornitólogos poden rastrexar as viaxes planetarias destas andoriñas de mar. As que crían nalgúns lugares do norte de Europa, por exemplo, acoden entrado xa o verán ao norte dos Azores, onde atopan abundante alimento. A continuación, comezan a voar cara ao sur, con frecuencia fronte a Galicia, para continuar ata o cabo de Boa Esperanza, o extremo sur de África.

Non se deteñen alí. A seguinte etapa lévaas, a través do océano Índico, ata a altura de Nova Zelandia. É dicir, ás nosas antípodas. Logo seguen máis cara ao sur, ata alcanzar as costas da Antártida. Só entón voan xa cara ao oeste para regresar cara a Europa a tempo para a primavera.

3. PAXAROS TERRESTRES SOBRE O MAR

Pero tanto as pardelas como os carráns son aves de mar aberto. En canto ás aves terrestres, farán algo parecido? Por incrible que pareza, algunhas si se atreven a atravesar parte das inmensidades oceánicas sen deterse, porque, de caer ás ondas, non poderían levantar o voo.

Unha delas é o pedreiro cincento. Pouco maior que un pardal, é unha especie bastante común no litoral galego entre finais de verán e outono. Cando a atopas buscando insectos por entre a vexetación de bordo dun cantil ou entre dunas, inconfundible co seu anteface escuro e o seu peito cor ladrillo, cústache crer que poida ter chegado tras un voo directo desde Groenlandia ou o Canadá. O seu destino final é África.

4. COMO SE ORIENTAN?

Nunha das anotacións máis soadas da súa primeira viaxe, Cristovo Colón apunta no seu caderno que toda unha noite el e os seus oíron pasar paxaros. Dous días despois descubrían América para os europeos. Sen sabelo, acababan de atravesar unha das autoestradas aladas máis importantes do mundo, que une o norte e o sur de América.

As migracións das aves nunca deixaron de fascinar á humanidade, tanto a científicos como a artistas. Un dos seus primeiros estudosos foi Aristóteles. Pero o grego pensaba que as andoriñas se agochan baixo o barro a pasar o inverno. Hoxe sabemos moito máis: que esta e miles doutras especies fan viaxes longuísimas servíndose da observación das estrelas, as correntes magnéticas da cortiza terrestre, a posición do sol, mesmo o olfacto... Pero é tamén moito o que nos queda por saber.

ACTIVIDADES

1. Investiga e traza nun mapamundi as viaxes destas especies de aves:

  • Andoriña común
  • Pardela escura
  • Carrán ártico
  • Pedreiro cincento

 

2. Un carrán ártico vive ata os 30 anos e voa cada ano unha media de 90.000 quilómetros. É dicir, que ao longo da súa vida percorre sobre o mar o equivalente a ir e vir á Lúa tres veces. Busca estas outras marcas:

  • A viaxeira máis rápida é a becacina real: a que velocidade voa?
  • A ave europea capaz de permanecer máis tempo voando é o cirrio común: canto tempo chega a pasar sen pousar?
  • E as aves que non voan, como os pingüíns? Pois resulta que tamén viaxan! Un deles, o pingüín de Adelia, chega a percorrer nadando... cantos quilómetros?