Participa no XVII Concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un dos traballos gañadores da pasada edición do concurso
Un dos traballos gañadores da pasada edición do concurso

O Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, S. A., desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, convoca a décimo sétima edición do concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, a do curso 2019-2020. O certame, aberto a toda a comunidade escolar galega, busca que os alumnos, desde educación infantil ata bacharelato e formación profesional, se familiaricen coa lectura e o manexo do xornal, e desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción baseándose en informacións publicadas na edición impresa ou na dixital de La Voz de Galicia (Mellor Xornalista Infantil) ou mediante traballos orixinais de elaboración propia (Mellor Xornalista Xuvenil). A data tope para participar no certame anual do Programa Prensa-Escuela é o 30 de abril do 2020.

08 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

DEBUXO SOBRE UNHA NOTICIA

1. Educación infantil e 1.º e 2.º de primaria. Os alumnos deberán realizar un debuxo que ilustre unha noticia publicada na edición impresa ou na dixital de La Voz de Galicia, así como copiar ou pegar o titular da noticia na maqueta que se pode baixar desde a web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es). En efecto, poderán escribir á man o titular desa noticia ou recortalo do xornal e pegalo na maqueta e, a continuación, deberán realizar o debuxo correspondente.

Neste primeiro nivel, a colaboración dos profesores é imprescindible para que os máis pequenos realicen a súa tarefa. En primeiro lugar, mostrándolles as imaxes do xornal, axudándolles a elixir a noticia e, no seu caso, a ler e entender a información. Despois, facilitándolles a maqueta na que deben realizar o traballo e invitándoos a que se expresen cos materiais que teñan á man (bolígrafos, lapis, ceras, rotuladores…). E, ao final da tarefa, supervisando os traballos e os datos que se solicitan.

ESCRIBIR SOBRE UNHA NOTICIA

2. Primaria (de 3.º a 6.º) e educación especial. Os alumnos deberán seleccionar unha noticia do xornal e reescribila libremente, ao seu xeito, sen copiala textualmente, e ilustrala cun debuxo. A redacción da noticia realizarase ben á man, tras imprimir a maqueta oficial do concurso dispoñible na web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es), ou ben directamente no computador. O debuxo que ilustrará a información realizarase á man sobre a devandita maqueta.

Os distintos niveis desta categoría permiten esixir máis aos de máis idade e madurez persoal. Por iso, o xurado do concurso valorará que a noticia escollida polos alumnos estea redactada coas súas propias palabras, coma se lla estivesen contando a un amigo. Tamén se terá moi en conta a orixinalidade e calidade do debuxo. Por iso non é boa idea copiar doutros ou de fotos: é mellor que lle dean renda solta á imaxinación.

ENTREVISTA A UNHA PERSOA INTERESANTE

3. Educación secundaria. Os participantes realizarán un traballo orixinal, de forma individual, que deberá consistir nunha entrevista a unha persoa que o alumno considere de interese. Constará, como mínimo, de oito preguntas e irá acompañada dunha fotografía e do perfil do entrevistado. A entrevista escribirase en computador, directamente sobre as maquetas oficiais colgadas na web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es), aténdose rigorosamente ás instrucións que figuran nelas.

Estratexias para facer unha boa entrevista:

1. Infórmate ben sobre a persoa que vas entrevistar. Que sexa un adulto. Pode ser moi coñecida ou non, o importante é que teña algo que dicir e que saiba contalo ben.

2. Pensa nun tema e prepara por escrito preguntas curtas e orixinais.

3. Durante a entrevista anota todo o que che diga o entrevistado, aínda que tamén a graves.

4. Edita o traballo inmediatamente, en quente. Selecciona as respostas máis interesantes e significativas.

5. Pon especial coidado no comezo e no remate. E, en xeral, ten en conta que o xurado se vai fixar nestas tres cousas: o interese que a entrevista poida ter para alumnos da túa idade, a calidade da escritura e a presentación.

ARTIGO DE OPINIÓN

4. Bacharelato e formación profesional.

Os participantes realizarán un traballo orixinal, de forma individual, que deberá consistir na redacción dun artigo xornalístico sobre un tema de libre elección. Para o desenvolvemento do traballo atoparán material de apoio na web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es). Os contidos elaboraranse no computador, directamente sobre as maquetas oficiais colgadas nesa web, aténdose rigorosamente ás instrucións.

O artigo, tal como o define o Libro de estilo de La Voz de Galicia, é un xénero no que o autor expresa as súas apreciacións persoais acerca de todo tipo de asuntos, preferentemente de actualidade, ou relata con trazos literarios impresións e historias.

1. Elixe con coidado o tema, que é libre, pero é importante que te sintas seguro e cómodo con el.

2. Documéntate e infórmate ben para que non se pase por alto ningunha idea ou dato fundamental.

3. Anota todas as ideas que che vaian xurdindo. Aínda non debes preocuparte pola orde nin polo vínculo entre elas.

4. Selecciona a idea central do teu artigo. A partir de aí xa podes trazar a estrutura xeral.

5. Asegúrate de que ordenas a información cunha introdución, un desenvolvemento e unha conclusión.

6. Recorre a estatísticas, datos e anécdotas para darlle máis consistencia.

7. Busca un bo título, atractivo e breve.

8. Unha vez acabado, déixao repousar un día ou dous. Entón, vólveo a ler e corrixe se é necesario.

DE INTERESE PARA TODAS AS MODALIDADES

IDIOMA. Os traballos poderán presentarse en castelán ou galego.

PRAZO E ENVÍO DE TRABALLOS. Deberán ser remitidos, antes do 30 de abril do 2020, á seguinte dirección: Premio Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil. Programa Prensa-Escuela. La Voz de Galicia. Avenida de la Prensa, 84-85. Polígono industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña.

Tamén poderán entregarse persoalmente en calquera das delegacións de La Voz de Galicia. Na maqueta que conteña o traballo cumprimentaranse os datos do autor, os do profesor responsable da supervisión e os do centro de ensino ao que pertencen ambos.

Os participantes menores de 14 anos deberán cumprimentar así mesmo a autorización que se incorpora ás bases e remitila xunto co traballo (se é posible, grampada) por correo postal, debidamente asinada polos seus pais ou titores legais, á dirección indicada anteriormente.

DESERTOS? NON! Ningún premio poderá ser declarado deserto.

PREMIOS

Categoría infantil A

  • Primeiro premio: un iPad Mini.
  • Segundo premio: unha cámara de fotos dixital.
  • Terceiro premio: un reprodutor MP4.

Categoría infantil B

  • Primeiro premio: un iPad Mini.
  • Segundo premio: unha cámara de fotos dixital.
  • Terceiro premio: un reprodutor MP4.

Categoría xuvenil A

  • Primeiro premio: un iPad Mini.
  • Segundo premio: un libro electrónico.
  • Terceiro premio: un altofalante sen fíos.

Categoría xuvenil B

  • Primeiro premio: un iPad Mini.
  • Segundo premio: unha pulseira de actividade.
  • Terceiro premios unha cámara deportiva.

Profesores

  • Os docentes responsables dos traballos gañadores de cada categoría recibirán como galardón unha barra de son con Bluetooth.