Para que serve un xornal na aula?

Así traballan os alumnos coas noticias do día en moitas partes do planeta

«Un xornal na aula transmite aos alumnos algo que un vídeo ou unha película non transmiten», opina a profesora Cristina Almeida
«Un xornal na aula transmite aos alumnos algo que un vídeo ou unha película non transmiten», opina a profesora Cristina Almeida

Os xornais fanse para que os lea a xente ao día seguinte. Pero onde? En Galicia é moi habitual botarlle unha ollada -rápida ou devagar- tomando o café pola mañá. É un fiel compañeiro habitual. Noutros tempos tamén servían para múltiples funcións cando xa eran vellos. Ou sexa, ao día seguinte. Dende envolver o peixe na praza ata metelo baixo o xersei cando se ía en moto ou en bicicleta. Pero o que non pasaba hai medio século era que entrara nas aulas. Era un produto menor que se consideraba algo non serio, non respectable. Hoxe todo iso cambiou da man dos países nórdicos, que foron os que deron exemplo, e son milleiros os colexios e institutos que traballan con el. O que segue é unha mostra do que pensan profesionais de diversas partes do mundo.

ANNA AHLAVA

Profesora de Español en Helsinqui

«Aos meus alumnos, aínda que a maioría son principiantes, o xornal permítelles utilizar os poucos coñecementos de español que teñen para informarse de algo actual e real. Pódolles suscitar as preguntas que, cando e onde, e moitas veces son quen de contestar só lendo e entendendo os titulares. Os que teñen máis nivel poden atopar tamén resposta ás preguntas por que e como».

LARA ESCUDERO-BATZAN

Profesora en Durham (Gran Bretaña)

«A fonte primeira de información para os mozos é obviamente Internet, que á súa vez é a principal fonte de desinformación. Nun mundo de noticias falsas, a lectura do xornal na aula axuda a combater estes fenómenos pola credibilidade que ofrece. É ademais un paso decisivo no desenvolvemento da análise crítica e na vontade de poñerse no lugar doutro, ambas necesarias para comprender as dinámicas desta sociedade tan cambiante. Ao exposto, engadiría a calidade literaria de moitos artigos, auténticas xoias literarias que, xunto á variedade e actualidade dos temas tratados, poden captar o interese dos máis novos en maior medida que outros xéneros literarios tradicionais».

TUULA WRIGHT

Profesora de adultos en Finlandia

«Na miña opinión, un xornal na aula vale, primeiro, para aprender novo vocabulario. En segundo lugar, para estar ao tanto das cousas do país. En terceiro, para forzar a comprensión do texto. E para rematar, para ter novas ideas para usar nas clases e nas conversas».

LOURDES PINTOS

Xornalista de educación (Paraguai)

«A importancia da análise dos xornais nas institucións educativas radica principalmente no propósito de fomentar a lectura nos nenos e adolescentes. Máis aínda tendo en conta que estamos nunha época na que a dixitalización avanza a pasos axigantados e aos poucos vaise perdendo o costume de agarrar un libro ou, neste caso, agarrar un xornal e dedicar unha parte do día a analizar as distintas situacións e os contextos que estes materiais bibliográficos nos presentan. Unha boa lectura no formato papel axudará ao estudante a elaborar unha correcta análise de calquera dos temas presentados. Ademais, facilitará a creación de ideas e opinións propias ante calquera situación que se lle presente no seu día a día».

DOLORES OTERO

Directora xeral do colexio SEK Guadalajara (Xalisco-México)

«A contorna dixital na que estamos inmersos fixo cambiar moito a utilización do xornal nas aulas, pero considero que fomentar o seu uso -agora en formato dixital- segue achegando aos alumnos unha grande axuda para situarse no mundo no que viven e desenvolver a comprensión dos retos do futuro, ademais de axudar a mellorar a comprensión e a redacción de contidos. México é un país cuns índices de lectura baixísimos, por iso dende este colexio consideramos que o xornal é unha ferramenta eficaz para incentivar o debate entre os alumnos e fomentar o pensamento crítico».

CRISTINA ALMEIDA

Profesora en Portugal. Máster en Educación

«Na miña opinión, un xornal na aula transmite aos alumnos algo que un vídeo ou unha película non transmiten: a riqueza da lectura, o explorar das páxinas, o compartir ideas sobre temas moi variados entre os estudantes. Useino nas miñas clases en Francés e en Español... A reacción foi xenial en ambos os casos! Tiña a intención de facelo durante dez ou quince minutos, pero os propios alumnos quixeron explorar por moito máis tempo, recoñecendo palabras e frases, preguntando e querendo saber máis. En realidade, creo que é unha forma moi doada de motivar a súa imaxinación e o desexo de aprender máis».

O corredor do colexio convértese nun bosque grazas ao xornal

Son metros e metros dun enorme mural aínda sen rematar e que vai cubrindo todo o enorme corredor do edificio de infantil do colexio de educación infantil e primaria de Sigüeiro, no concello coruñés de Oroso. «Como o tema a traballar este curso é o bosque, iso é o que reproducimos», di unha das profesoras. E os troncos son páxinas e máis páxinas de La Voz de Galicia (o centro participa no programa Prensa-Escuela, deste xornal), recortadas, pegadas unha sobre outra, verbas ao dereito, futbolistas cabeza abaixo, políticos sen cabeza, títulos de calquera maneira...

«O papel é moi manexable e sempre está presente nos nosos traballos manuais», insisten. E, en efecto, nas aulas dos pícaros de 5 anos vese o resultado desde traballo cun papel que ten unha segunda vida. Por qué o xornal acaba convertido en tronco ten tamén unha explicación que saben todos os alumnos: «Da madeira sae o papel, e se non hai árbores, non hai papel».

E fano todo os 42 nenos de 5 anos dun centro que chegou a estar sobresaturado, se ben respirou cando hai poucos anos abriu outro na mesma localidade: «Pero os profesores axudamos, claro». O cal compréndese non só porque é lóxico, senón porque a altura do mural -ata o teito!- implica andar pola escaleira para arriba e para abaixo.

A idea é, dende logo, ter todo o corredor cuberto de principio a fin, e cada semana vaise avanzando máis e máis: «E dentro de moi pouco os nenos acudirán ás súas aulas percorrendo un bosque, e grazas tamén ao xornal». Tamén recoñecen que a idea non é súa, senón que a viron nunha aplicación. E gustoulles: «Facer as árbores así é sinxelo e educativo».

O curioso do caso é que a decisión de centrarse nos bosques non é de agora. Con certa cara de contar unha curiosidade, os profesores explican que dende a biblioteca sempre se fai unha proposta para o proxecto anual, e o profesorado vota entre tres temas. No 2017-18 perdeu a dos bosques, pero estivo a piques de empatar. Decisión salomónica: a que gañou por pouco, para o curso que se estaba vivindo, e a que perdeu por pouco, para este. E así todos quedaron contentos.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Para que serve un xornal na aula?