Para acabar cos accidentes, educación 

> Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Para que non haxa accidentes cómpre confiar na educación, e non na sorte
Para que non haxa accidentes cómpre confiar na educación, e non na sorte emilio moldes

O número de vítimas da estrada, mortais ou non, é aínda intolerable e haille que poñer freo

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Gran Bretaña (e noutros países) conducen pola esquerda. En Suecia facíano tamén, pero chegou un día que cambiaron, e por certo en contra da vontade dos seus cidadáns, que en referendo rexeitaran tal modificación. E hai cen anos, en Barcelona (e outras partes de España) circulábase pola dereita, mentres que en Madrid os vehículos ían pola esquerda.

Pero hai máis accidentes de tráfico cando se vai pola dereita que cando se circula polo lado contrario? Ao revés, quizais? Pois nin unha cousa nin a outra. Porque o accidente ocorre por múltiples causas, pero non por este motivo. E esas causas son as que cómpre explicar na aula. Porque o fundamental é algo que parece moi sinxelo: simplemente, non hai que ter accidentes. Pero para iso non hai que confiar na sorte, senón na educación viaria dende cedo. A vida -ou a non-vida- pode estar aí, nun mínimo detalle, e ante iso o mellor é previr.

Uns datos dramáticos para centrar o tema: Galicia rematou o 2018 con 144 mortos en accidentes de tráfico, e é un mal consolo engadir que son 33 menos que o ano anterior. En toda España foron 1.806 os falecidos (1.782 no 2017), pero a gran cifra é o número de accidentes: 102.299 con vítimas nos que houbo un total de 138.609 feridos. Onde está habendo máis accidentes? Nas autoestradas, que aumentaron un 5 %. Baixaron un 2 % nas vías secundarias, pero iso non quita que 994 persoas morresen nelas.

Os números dan arrepíos cando, da man da Organización Mundial da Saúde, se bota unha ollada ao planeta enteiro. Ademais de que en África, América Latina e Asia as estatísticas rara vez son fiables, cada ano deixan a vida nas estradas 1.300.000 persoas, e un mínimo de 20 millóns sofren feridas non mortais. Os accidentes de tráfico son a primeira causa de morte entre os 15 e os 29 anos.

É claro que ningún alumno vai conducir hoxe, tan claro como que a práctica maioría vano facer dentro duns anos. A prevención da condución baixo os efectos do alcohol é fundamental dende os primeiros cursos. Stop Accidentes -unha organización cidadá sen ánimo de lucro- está á cabeza desa petición: «O noso compromiso coa seguridade viaria é inquebrantable -afirma un voceiro-, porque inquebrantable é tamén o dereito que cada un ten á vida».

Na web desta organización deixan claras tres liñas para chegar ao obxectivo de «0 accidentes»: a comunicación directa entre as persoas é a maneira máis efectiva (de aí a gran importancia de falar do tema na escola), «Vai, volve e vive» e «Móvete seguro, a túa prudencia é o mellor exemplo».

1 Mirar á esquerda e dereita antes de cruzar unha rúa ou estrada, mesmo se hai semáforo e está en verde.

2 Aínda que un vehículo veña lonxe, se hai dúbidas sempre é mellor non arriscarse e deixalo pasar primeiro.

3 Por moita présa que se teña, é mellor chegar tarde que acabar con feridas nun hospital, así que, se hai que esperar para cruzar, espérase.

4 Sempre, e sen excepción ningunha, en traxectos curtos ou longos, abrochar o cinto de seguridade antes de que arranque o coche.

5 E sempre, tamén sen excepción ningunha, poñer o casco se imos en moto.

 ENTREVISTA | JEANNE PICARD, FUNDADORA DE STOP ACCIDENTES

«A educación viaria é un tema de valores»

Jeanne Picard é fundadora de Stop Accidentes e da correspondente Fundación Iberoamericana. Leva anos dedicándose a intentar acadar ese obxectivo da súa organización: «0 accidentes».

-Por que está aí?

-Porque son nai de vítima. O 1 de xaneiro do 2000 perdín a un fillo. Levo vinte anos de loita para concienciar ás familias e que non pasen nunca por isto.

-Defende que se impartan nocións de seguridade viaria nas escolas?

-Está claro que a educación viaria é na familia, dende que son pequenos ímoslles ensinando como comportarse na casa e fóra dela. Agora ben, a educación viaria é un tema de valores: respecto ás normas e convivencia no tráfico, e todo iso pódese aprender tamén nos colexios.

-Nos accidentes, que responsabilidade teñen o Goberno e o cidadán?

-É unha responsabilidade compartida. É moi doado botarlle a culpa ao outro. Pero un accidente é evitable.

-Vale para algo ter un Día Mundial en Lembranza das Vítimas da Violencia Viaria?

-Son todos os días: a lembranza está aí, non desaparece. Pero é verdade que hai que loitar sempre para facer visible o invisible, e intentámolo con ese día mundial. Cómpre ter conciencia dos riscos, de que morre xente todos os días, é violencia viral e, como na violencia terrorista, as que morren son persoas cheas de vida.

-Dígame un consello para os profesores.

-Que saiban transmitir os valores da educación viaria.

-E para os alumnos?

-Que escoiten, porque grazas a iso algún día poden salvar vidas, entre elas a súa.

CINCO NORMAS QUE HAI QUE CUMPRIR SEMPRE 

A1. A primeira: mirar ben aos lados sempre antes de cruzar unha rúa ou estrada, mesmo se hai semáforo e está en verde para peóns.

A2. A segunda, botar unha ollada á web de Stop Accidentes:

  • https://stopaccidentes.org/.

A3. A terceira, facer clic nesta web e ver imaxes de accidentes de tráfico (non hai persoas feridas nin mortas, pero sempre é bo que o mestre as vexa antes):

  • https://is.gd/ekQY7x.

Dentro deses coches ían persoas, e moitas sufriron feridas.

A4. A cuarta, ler La Voz de Galicia. Isto publicamos non hai moito tempo sobre recomendacións para evitar accidentes:

  • https://is.gd/NLdpXI.

A5. A quinta, ver que países teñen menos accidentes de tráfico:

  • https://is.gd/i1mIQI.

E aquí vese aínda máis claro:

  • https://is.gd/J4lrw4.