Noticias con tolerancia

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

 Intercambio de Erasmus, organizado por Arousa Moza, que fomenta a integración dos estudantes estranxeiros
Intercambio de Erasmus, organizado por Arousa Moza, que fomenta a integración dos estudantes estranxeiros MARTINA MISER

Consideramos que no sistema Prensa-Escuela non só vale saber elixir noticias que acompañen os temas que conectan coa lección de cada día en diversas áreas de aprendizaxe, proporcionándolle actualidade e sentido da vida. É necesario tamén, de cando en vez, adestrarse en buscar solucións para que esas noticias non volvan producirse -se é posible conseguilo- ou, polo menos, en ensaiar liñas de aprendizaxe sobre temas e noticias que nos afectan todos os días.

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

 

1. DÚAS NOTICIAS

Vexamos, por exemplo, dúas noticias, dúas situacións de magnífica tolerancia que eliximos no arquivo de La Voz de Galicia. Que che parece? Podes ler a noticia enteira na dirección que se indica ao final do extracto.

1.1. Conversando enténdense as xeracións. O Instituto da Familia fomentou o encontro entre maiores e novos, a partir de entrevistas que terminaron nun libro de biografías. […] Unha das parellas que participou no proxecto foi a formada por Ana Fraile Somoza, 16 anos, alumna do IES Blanco Amor, e Sagar Sow Sow, tallador senegalés de 69 anos. O primeiro encontro tivo lugar, recorda Ana, o 18 de maio. «A partir do material que me deu o primeiro día configurei un guión para o resto das xornadas: foi todo bastante espontáneo», explica sobre o proceso. «Interesábame o choque cultural, de dous países, dúas relixións e costumes diferentes. Sagar é unha persoa cunha tolerancia, un cariño e un respecto incribles» (La Voz, 24/9/2019).

  • RECURSOS: http://tiny.cc/iq8tfz

 

1.2. Arousa Moza leva a escena a obra «Forum Theatre». O proxecto Tolerance + achégase ao seu remate. Trátase dunha serie de actividades que a asociación Arousa Moza desenvolve dende o día 13, nas que 42 participantes chegados de seis países diferentes (ademais de España, Grecia, Romanía, Polonia, Italia e Letonia) interveñen en accións formativas e de concienciación sobre a importancia da tolerancia. O seu obxectivo é adquirir ferramentas para o entendemento e o respecto mutuo a través da propia convivencia e das xornadas e accións que se foron levando a cabo. Agora que o programa está a piques de concluír, Arousa Moza programa unha peza de teatro. A obra titúlase Forum Theatre e pretende poñer en práctica todo o aprendido e traballado ao longo destes días. A peza concíbese como unha sesión interactiva na que o propio público poderá participar, cunha finalidade primeira: localizar situacións de discriminación ou intolerancia ( La Voz, 20/9/2019).

  • RECURSOS: http://tiny.cc/yr8tfz

2. PAPEIS PARA RESOLVER INTOLERANCIAS

Estúdanse os diversos tipos de reacción que as persoas teñen en grupo cando se trata de resolver un conflito ou, tamén, de tomar unha decisión sobre algo importante que lles interesa a todos. En que par de papeis te sitúas? Cal é o mais eficaz para favorecer a tolerancia?

2.1. Solidario / antagónico

O solidario non consiste precisamente en estar de acordo con todo, senón en aceptar que cada persoa ten as súas ideas e sentimentos e pode manifestalas tal como as ve e as sente, e ao final todos tan amigos. É máis: axuda a que todo o mundo diga o que lle pareza ben, anima a que cada cal se despache a gusto diante dos demais, sen perder por iso a boa relación no grupo.

O antagónico, en cambio, enseguida salta e ponse en contra: séntese moi mal cando outro di algo en contra do que el pensa e sente. En consecuencia, discute, non entende como outros poden sentir e pensar dun modo diferente e isto lévalle a atacar non só as ideas e sentimentos do outro, senón tamén á mesma persoa: «Como podes sentir iso!».

O solidario facilita a resolucións de conflitos (RC) porque acepta as persoas, incluso con ideas ou sentimentos diferentes. O antagónico ponse en contra da xente, porque non admite que teñan sentimentos e ideas diferentes, e entorpece a RC.

2.2. Relaxado / tenso

O relaxado non pretende gañar aos demais e quedar mellor ca eles. Expón as súas ideas ou sentimentos no conflito, e faino dunha forma firme, pero non angustiosa; por iso o aceptan mellor: non se ven atacados, aínda que teñan opinións diferentes. Non xera problemas de relación.

O tenso todo o toma con intensidade e angustia, coma se non tivese tempo para expolo. Por outra banda, os demais imaxínanse que non só defende unha idea, senón que pretende crecer con ela. Ás veces non é así, pero dá a impresión de que, se alguén se lle opón, vai ter problemas de relación.

Un certo relax e tranquilidade facilita que as persoas non se exasperen na RC e que ninguén se sinta interpelado con urxencias. En cambio, a tensión non é boa amiga da relación no grupo e engade unha nota negativa ao conflito, que xa produce tensión en por si.

2.3. Acorde / desacorde

O acorde facilita acordos do grupo, recollendo sobre todo aqueles puntos de coincidencia que fai falta fortalecer enseguida para avanzar con máis firmeza e sen volta atrás na RC. Chegar a un acordo é máis que mostrarse solidario, que facilita que cada un exprese o que pensa e sente; é máis que mostrarse relaxado, que facilitaba que todos tomen a RC con calma. Pero ambos os papeis solidario e relaxado facilitan que a xente chegue a un acordo.

O desacorde parécese a unha nota musical que non encaixa na partitura. Tende a facilitar o desacordo entre a xente, a gañar adeptos: cando todos conveñen en algo, trata de pórse crítico e diferente. Sempre lle busca outras voltas ao posible acordo, e a xente inquiétase, a ver por onde sae.

O mediador de conflitos sabe moi ben que cada logro é un punto firme cara adiante na RC. Pero tamén resulta importante a crítica do que non está de acordo: ás veces, os acordos en falso, que non pasaron pola criba, minan o campo da RC.