Polos camiños dos ríos

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

oitos dos máis importantes ríos galegos están hoxe acondicionados para dar agradables paseos a carón deles
oitos dos máis importantes ríos galegos están hoxe acondicionados para dar agradables paseos a carón deles JOSE PARDO

O outono é a época do ano ideal para pasear polas súas beiras e contemplar como cambian as cores da natureza

06 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas ás choivas deste último mes os nosos ríos descenden en grao sumo cantareiros polos vales. Nalgúns saltos e fervenzas parece que mesmo celebran o outono con esa música súa, tan estrondosa e rumorosa á vez. Onde remansan un pouco, coma se descansasen un intre antes de continuar esa romaría transparente, a súa superficie adórnase ademais con infinidade de grilandas amarelas, pardas, ocres, laranxas, marróns... Son follas de salgueiros, bidueiros, carballos, ameneiros, freixos, e de moitas outras árbores, coas que a estación e o vento quixeron sumarse á festa.

É un momento ideal para ir pasear pola beira dun calquera dos miles e miles de ríos e regachos. E para explorar, nas súas beiras, como van perdendo aos poucos a súa cor os fieitos e abriron os cogomelos os seus paraugas nos prados inmediatos. Tamén como os insectos zapateiros corrican pola auga con esas patas tan longas e delgadas que parecen alfinetes articulados. Ou como, polas tardes, os raios do sol atravesan case en horizontal o bosque para tinguir de dourado toda a paisaxe, que á vez se reflicte nas augas que van pasando igual que pasa o tempo.

 

UN PASEO POLAS BEIRAS

Seguro que preto do teu centro educativo hai un río. Mesmo se vives nalgunha das grandes cidades litorais, onde moitos cursos de auga foron sepultados baixo o asfalto, bastará con que te afastes un pouco cara ao interior para atopar unha corrente que contemplar, escoitar e estudar.

Unha idea estupenda é organizar unha excursión escolar e distribuírse por grupos ao longo da beira. Cada un deles pode dedicarse a unha tarefa relacionada coa exploración do río elixido: investigar a súa flora e a súa fauna, retratar en debuxos a súa paisaxe, fotografar os seus recunchos, escribir os poemas ou cancións que inspire ese lugar... Logo, de regreso á clase, comparade os diferentes resultados: en que se parecen?, en que se diferencian?

Por que atraen tanto os ríos? Outra actividade podería ser preguntarse por que motivos, desde sempre, a maioría dos humanos sentiron tan especial atracción pola auga. Unha resposta fácil é que é esencial para a vida, claro que si. Outra, que non en balde o noso corpo está constituído por auga nun 80 % ao nacer, e nun 65 % na idade adulta. Que outras razóns podería haber?

Xa de paso, pódese xogar a imaxinar onde puido ter estado a auga dese río que visitastes antes de que pasase ante vós. Se na clase xa se aprendeu o ciclo da auga, seguro que resulta moi fácil.

Non se debe esquecer pensar nos problemas que ás veces afectan aos ríos, ás súas correntes e á súa biodiversidade, consecuencia de distintas formas de ignorancia: contaminación debida a diferentes causas, exceso de presas nas súas canles, presenza de especies exóticas invasoras... Canto máis se saiba acerca dos ríos e a auga, mellor se pode axudar, de maiores, a solucionar ese tipo de problemas. Grazas por anticipado!

Pontes e poldras

Hai quen sostén que antes de que se levantasen as primeiras pontes xa existían as poldras. En Galicia chamamos así a esas pedras altas, ben suxeitas ao fondo e postas en ringleira que permiten cruzar dunha a outra beira sen mollarse. Tamén se coñecen como espoldras, pasais, pasos, pasadeiras... Hai moitos exemplos delas en Galicia, aínda que ata o momento non foron suficientemente estudadas.