Entra na aula coa última nova 

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Familiares de Franco introducen o féretro no helicóptero que o trasladou dende o Valle de los Caídos
Familiares de Franco introducen o féretro no helicóptero que o trasladou dende o Valle de los Caídos REUTERS

Todos os días do curso, na remodelada web www.prensaescuela.es publícase a sección A noticia do día. Polo xeral, é a máis relevante, pero nalgúns casos elíxese unha de non tanta transcendencia mediática, pero que dá máis xogo para traballar na aula. Van con ela unha morea de enlaces para ampliar coñecementos do tema e unha proposta de actividades. O profesor atopará aí unha ferramenta para traballar co xornal. Como exemplo, estas son as cinco noticias do día publicadas a semana pasada.

30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

LUNS. Casas indianas en busca de inquilinos 

(María Cuadrado. Viveiro, La Voz) Son unha xoia patrimonial e un agasallo para a vista. Repartidas moitas pola zona norte galega, nalgunhas casas indianas colga o cartel de «Véndese». En Ribadeo, Barreiros, Viveiro, Ourol... hainas maxestosas e restauradas, e outras que precisan dunha intervención e equipamentos para adaptar a vivenda ás necesidades domésticas deste século. A venda dunhas publicítase en balcóns e enreixados, e noutros casos figuran entre as alfaias que inmobiliarias especializadas ou non comercializan a través de Internet. A recente operación da venda da torre dos Moreno de Ribadeo a Paisaxes de Asturias avivou o interese por descubrir os motivos que levan a moitos donos a buscar novos inquilinos para as súas propiedades.

MARTES 46 países ratifican en España un pacto contra a pesca ilegal 

(Redacción, La Voz) Un total de 46 países asinaron a chamada declaración de Torremolinos, pola cal ratifican o seu compromiso coa seguridade dos pescadores e coa loita sen cuartel contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Entre os estados implicados, Liberia, Santo Tomé e Príncipe e Illas Cook. Así quedou de manifesto este luns na cidade malagueña que dá nome á declaración -de índole política, non vinculante xuridicamente- e na cal se desenvolve a conferencia ministerial sobre seguridade dos buques pesqueiros e a pesca ilegal organizada pola Organización Marítima Internacional (OMI).

 

MÉRCORES Muller líder en cambio climático busca fondos para ir á Antártida 

(R. Romar. Redacción, La Voz) Alba Aguión é unha científica de vocación con alma de aventureira, espírito de divulgadora e coa disposición suficiente como para converterse nunha líder. Esta bióloga coruñesa, que realiza o doutorado investigando o percebe no grupo Future Oceans Lab, da Universidade de Vigo, soubo conciliar todas estas facetas na súa aínda curta, pero frutífera carreira. Analizou no Ártico, en Svalbard, o comportamento das bacterias en climas extremos cando estudaba na Universidade de York (Inglaterra), experiencia que logo trasladou a estudantes en charlas de divulgación; gañou o concurso nacional de monólogos científicos FameLab e foi finalista en Europa cun monólogo sobre a organización dun formigueiro, e agora, coincidindo coa súa estancia na Universidade de Santa Bárbara (California), acábase de converter na primeira científica galega en ser elixida para participar no programa Homeward Bound. Só seleccionaron a 75 científicas de todo o mundo nun proxecto que ten como obxectivo formar a mulleres para que poidan liderar e influír na toma de decisións que afectan ao planeta.

 

XOVES Corea do Sur soña con ter un «camiño de paz» como o de Santiago 

(Redacción, La Voz) A presenza de peregrinos chegados de Corea a facer o Camiño de Santiago é cada vez maior. Dos 327.378 que no 2018 chegaron ao Obradoiro, 5.665 tiñan nacionalidade coreana. Ademais de dende outros lugares de España, só desde Italia, Alemaña, Estados Unidos, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda chegaron máis camiñantes. Esa fascinación polo Camiño parece compartila o presidente surcoreano, Moon Jae-in, que onte dixo ante os reis de España que o seu país «soña» con acadar un día a paz co seu veciño do norte e establecer na zona desmilitarizada un camiño ao que acudan cidadáns de todo o mundo como sucede no Camiño de Santiago español.

VENRES España sepulta ao franquismo no Pardo

(Fran Balado Madrid, La Voz) Os restos de Franco descansan en Mingorrubio xunto aos da súa muller, Carmen Polo. Case 44 anos dende que foi enterrado no Valle de los Caídos con honras de xefe de Estado, o Goberno procedeu onte á exhumación e á súa posterior reinhumación neste pequeno cemiterio da zona norte de Madrid, a pouca distancia da vivenda oficial do ditador, con sobriedade oficial e frialdade familiar.

Uns exemplos de actividades

Luns: Por que se chamarán casas de indianos? Os seus donos eran indios?

Martes: Que quere dicir que hai pesca ilegal? Son ilegais os peixes, os barcos, os pescadores ou que?

Mércores: Alba Aguión estuda os percebes: comíchelos algunha vez? Gústanche? Sabes que ata hai menos de cen anos se tiraban porque dicían que eran incomestibles? E que na Costa da Morte só os comían, cocidos e con algunha pataca, as persoas moi pobres?

Xoves: O presidente de Corea do Sur (hai outra Corea, a do Norte, pero é unha moi cruel ditadura) quere un «camiño de paz». Que che parece a idea? Vale para algo ter un camiño así?

Venres: Ata onte, eramos o único país democrático que tiña un mausoleo (que é isto?) onde honrar a un ditador.

O xornal En Inglés

(Experiencia. Olga María González, «Teacher» en el CEIP A Guía-Meira)

Son da idea de que aínda que non podemos, nin debemos, deixar de adaptarnos aos avances da nosa sociedade e traelos á aula: é un grave erro non ter en conta recursos enriquecedores que por fortuna temos ao noso alcance.

Este é o caso da prensa.

No meu caso, levo tres cursos participando no programa Prensa-Escuela, o que me dá a posibilidade de ter a prensa na aula de Inglés. Aínda que cada curso traballo neste programa cunha clase en concreto (este ano, quinto de primaria), intento realizar actividades con varios grupos na miña materia no CEIP A Guía, de Meira-Moaña.

As actividades que máis adoitan enriquecer a clase ao longo do curso son, entre outras, as seguintes: a redacción de noticias en inglés a partir de titulares, sintetizar unha noticia en lingua inglesa, procura de información sobre as distintas temáticas que traballamos nesta materia ao longo do curso (por exemplo, estes días, Halloween), análise das distintas seccións que compoñen o xornal, debates e reflexión sobre noticias que consideramos interesantes ou que lles chamaron a atención, creación de murais para distintas conmemoracións como a Semana da Prensa, elaborar entrevistas, procura de prensa noutros idiomas e comparación…

Tamén consultamos a prensa dixital e proxectámola na lousa, pero a miña experiencia dime que esta consulta só se fai en clase, porque non lles gusta ler a través do computador. Gústalles máis, como eles mesmos din, «poder pasar as páxinas, subliñar, realizar traballos manuais, recortar…».

Non podo deixar de mencionar que cando teñen como actividade escolar lectura libre, tras o recreo, gran parte do alumnado elixe a prensa. Recoñezo que me alegra moitísimo.