«Bocados»: a Domus, cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

A Casa do Home da Coruña ofrece unha exposición coas metas relativas á nutrición que propón a Organización das Nacións Unidas

A exposición consta de catorce módulos interactivos para achegarnos de forma lúdica, informativa e educativa á nutrición humana
A exposición consta de catorce módulos interactivos para achegarnos de forma lúdica, informativa e educativa á nutrición humana

Todas as persoas teñen dereito a unha alimentación adecuada. Por este motivo, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Organización das Nacións Unidas (ONU) comprométennos para que actuemos para contribuír a lograr cambios globais e integrados

Asinados o 25 de setembro do 2015 polos líderes mundiais, estes obxectivos teñen como meta última erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos. Cada un dos ODS ten metas específicas que deben acadarse antes do 2030. Os máis destacados de Bocados, a nova exposición da Casa do Home, a Domus da Coruña, deben permitir pór fin á fame e á malnutrición antes dese ano. Abordan temas que van desde a vida urbana e a educación ata o acceso á auga, a saúde ou a igualdade entre sexos. Os ODS son 17 metas que están relacionadas, de forma directa ou indirecta, coa nutrición.

Bocados pódese visitar na Domus de luns a domingo segundo o horario que podes consultar no seguinte enderezo:

  • https://bit.ly/2BsdApf

Alí tes unha ligazón que te leva á páxina onde podedes concertar visitas escolares:

  • http://www.coruna.gal/mc2/es/visitas-escolares

A roda do futuro

Unha boa nutrición constitúe a base para garantir o benestar e o potencial humano. Non é só un produto do desenvolvemento, senón tamén a semente que posibilitará un futuro mellor. O reto é pensar en global e actuar en local para a transformación cara a unha nutrición, e un mundo, máis sostible.

Ao gran!

O desenvolvemento sostible non nos priva dunha alimentación adecuada. A Organización Mundial da Saúde recomenda que o 55 % da enerxía que inxerimos dos alimentos proveña dos hidratos de carbono. É o principal compoñente dos cereais, que conteñen ademais, en menor cantidade, proteínas, graxas, vitaminas e minerais. Por todo iso, son unha das bases fundamentais de calquera dieta equilibrada. O arroz, o trigo e o millo representan preto da metade dos cereais consumidos no mundo.

Os cereais son un dos alicerces da alimentación nos países pobres e en vías de desenvolvemento, non só para o consumo humano, senón tamén como alimento do gando. O cambio climático e outros factores ambientais poñen en perigo a produción de cereais e a doutros cultivos. Por iso, un dos ODS contempla a necesidade de promover prácticas agrícolas sostibles que permitan obter alimentos para unha poboación mundial en crecemento.

Auga que has de beber

É imprescindible, pois todas as reaccións químicas do noso organismo necesitan auga. Por iso é tan importante manter unha adecuada hidratación mediante o consumo de auga, infusións ou caldos. A cantidade recomendada é de 6 a 8 vasos de auga ao día, bebéndoa a intervalos regulares aínda que non teñamos sede. Os deportistas e as mulleres embarazadas ou en período de lactación deben aumentar o consumo diario de auga.

Ademais de para beber, necesitamos auga para outras actividades humanas. Como exemplo, utilizamos arredor do 70 % da auga doce do planeta para a agricultura. Por iso temos que ir cara a un uso sostible da auga necesaria para a produción de alimentos. Pero non só importa a cantidade utilizada. O procesado dos alimentos contribúe á contaminación dos acuíferos, polo que a súa mellora ten un papel importante que desempeñar na conservación e calidade da auga.

«Mens sana, in corpore sano»

Un bo equilibrio emocional é básico para un proceso alimentario adecuado. Se estamos baixos de ánimo, non compramos o mesmo, non cociñamos igual e non comemos do mesmo xeito. Se, pola contra, sufrimos ansiedade, é probable que consumamos grandes cantidades de comida de golpe. As emocións, o benestar e o estrés inflúen de xeito determinante na nosa nutrición. E ao revés tamén ocorre, pois cando non comemos de forma correcta, a funcionalidade do noso cerebro reséntese.

Os trastornos da conduta alimentaria, como a anorexia e a bulimia, afectan principalmente a mulleres, aínda que os casos en homes están a aumentar. Caracterízanse por unha preocupación excesiva pola comida e por un cambio nos hábitos de alimentación co obxectivo de perder peso. O desencadeamento principal do trastorno é a influencia cultural do modelo actual de beleza, de extrema delgadeza. Cando as persoas comezan coa enfermidade experimentan illamento social e distorsións da percepción da propia imaxe.

Escola de cociña

Ferver, asar, á prancha, refogar, ao vapor, fritir ou no microondas. Son algunhas das técnicas culinarias coas que preparamos os alimentos, respectando os tempos e as temperaturas para lograr pratos apetitosos. Cada preparación ten o seu segredo, xa sexa para lograr un sabor característico ou para alcanzar unha consistencia adecuada. E tamén para conservar o valor nutritivo de cada alimento, xa que a calor da cocción e outros factores destrúen certas vitaminas e minerais. Polo tanto, ao aprender as claves de cada técnica, conseguiremos gozar de pratos ricos e sans.

Existe unha forte conexión entre a educación e os alimentos: a mala nutrición afecta á aprendizaxe e ao rendemento na escola. Nalgúns países puxéronse en marcha programas para atraer á infancia ao sistema escolar, proporcionando comidas gratis nos colexios: como resultado, aumentou a asistencia e diminuíu o traballo infantil. O sistema educativo tamén é o lugar perfecto para informar sobre como adoptar dietas saudables e sostibles, e ensinar ás persoas a cociñar e comer de forma apetitosa.

Marchando!

O exercicio físico diario é indispensable para un estilo de vida saudable. Trátase, sinxelamente, dunha cuestión de equilibrio entre a achega e o gasto enerxético. Se axustamos a inxestión de alimentos ao noso nivel de actividade habitual, poderemos manter o peso corporal en niveis desexables. Ademais, se queremos evitar o sedentarismo na idade adulta, habemos de estimular a actividade física desde a infancia.

Búscase asegurar a saúde e o benestar de todas as persoas en cada etapa da vida. Na actualidade, as enfermidades non transmisibles son a principal causa de morte prematura no mundo. A obesidade, o sobrepeso e a malnutrición están entre as causas identificadas. Con todo, podemos adoptar estilos de vida máis saudables a calquera idade. E facelo pode cambiar as cousas, xa que se ofrece ás persoas a posibilidade dunha vida máis longa ou de mellor calidade.

A pirámide na esfera

Cada alimento contribúe á nosa nutrición dun xeito especial e cada nutriente ten funcións específicas no noso corpo. Para gozar de boa saúde, o noso organismo necesita de todos eles en cantidades adecuadas. A pirámide da alimentación saudable axúdanos a escoller os alimentos que necesitamos comer todos os días, algúns días á semana ou de xeito máis ocasional para manter un bo estado de saúde. Ademais, introduce na súa base aspectos novos como a actividade diaria, a hidratación, as técnicas culinarias e o equilibrio emocional.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Bocados»: a Domus, cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible