A sociedade civil, ao rescate

Os voluntarios das oenegués remedian a ineficacia de Gobernos e Administracións para salvar náufragos

Membros de Médicos sen Fronteiras atenden a emigrantes a bordo do Ocean Viking
Membros de Médicos sen Fronteiras atenden a emigrantes a bordo do Ocean Viking SOS MEDITERR

Na vida social xorden situacións que as Administracións públicas e os Gobernos non son quen de solucionar. Afectan a persoas ou grupos sociais que necesitan apoio. Entón aparece xente con sensibilidade que se organiza para axudar, e así xorden institucións que canalizan a súa solidariedade. Son as organizacións non gobernamentais, coñecidas hoxe como oenegués (ONG). Proceden da sociedade civil que se organiza á marxe das canles estatais, pero asumen uns obxectivos que as aproximan ao público e que non son nin o lucro nin ningunha clase de beneficio propio.

As oenegués son autónomas, sostéñense economicamente polas achegas voluntarias dos colaboradores e executan os seus proxectos mediante cooperantes voluntarios... Polo xeral, estas organizacións son complementarias da Administración, pero hai veces que non ocorre así, porque a política non é capaz de resolver os problemas, e entón as oenegués invaden o campo de actuación dos Gobernos, cos que entran en conflito.

UN PROBLEMA SEN SOLUCIÓN

Nos últimos anos, un conflito permanente agrávase sobre todo cada verán en augas do Mediterráneo. Barcos de oenegués recollen emigrantes que pretenden desembarcar en portos europeos que non os admiten. Cada ano morren neste mar miles de persoas do norte de África e subsaharianos que intentan acceder á Unión Europea. Este ano xa van máis de mil. A Unión Europea pretende controlar o fluxo descontrolado de poboación, que altera gravemente a súa demografía, e o resultado é que cada ano se incrementa a estatística de falecidos. Esta situación estimula as conciencias de distintas oenegués que, baseándose na lei do mar que obriga a recoller aos náufragos en perigo de morte e a desembarcalos no porto máis próximo, recollen aos viaxeiros, moitos deles nenos e mulleres, que intentan unha azarosa travesía en febles embarcacións incapaces de chegar ao seu destino. E así, barcos ateigados de migrantes con problemas de saúde, alimentación e hixiene esperan permisos para atracar que as autoridades se negan a conceder.

Algunhas oenegués comprometéronse dedicando medios humanos e materiais a realizar accións de salvamento a pesar da oposición de distintos Estados. Fretaron barcos e puxéronse a navegar polas zonas máis conflitivas á procura de naufraxios nos que fose necesario rescatar vítimas en perigo. Todos os días os medios de comunicación achegan información sobre as súas actividades, e algunhas son moi coñecidas.

OENEGUÉS COMPROMETIDAS

Open Arms é unha das máis activas. É española, con sede en Badalona, e opera na actualidade cun barco da súa propiedade que leva o mesmo nome. Iniciou as súas actividades no 2015 e efectuou numerosos rescates que lle custaron distintos contenciosos cos países ribeiregos. En marzo do 2018 o seu barco foi incautado polas autoridades italianas despois de atracar no porto de Pozzallo con 216 náufragos a bordo. Un mes máis tarde foi liberado por orde dun xuíz. O pasado 2 deste mes volveu á actividade partindo de Nápoles rumbo ao Mediterráneo central en busca de náufragos.

Tamén é famosa SOS Mediterranée, unha oenegué francesa que, xunto a Médicos sen Fronteiras, protagonizou a finais do 2017 o rescate do buque Aquarius. O barco navegou sen rumbo buscando porto de acollida con 630 emigrantes a bordo, ata que o Goberno español os acolleu en Valencia. Pero despois da súa aventura tivo que devolver o barco, que era alugado. Meses máis tarde foi protagonista do rescate de 356 migrantes nun novo barco, o Ocean Viking, que conseguiu desembarcalos na illa de Malta.

Hai outras moitas organizacións con variadas capacidades operativas. Entre elas pódense citar a Salvamento Marítimo Humanitario, que dispón do barco Aita Mari; as alemás Sea Watch, co seu barco Sea Watch 3, a Jugend Rette, co Iuventa, ou a Sea Eye; ou a maltesa Migrant Offshore Aid Station.

Con todo, por mor da persecución dos Estados ribeiregos, a actividade destas organizacións quedou reducida a mínimos.

actividades

A1. Seguide a pista á información que os medios de comunicación vaian achegando sobre este problema, tanto polo que se refire á chegada de pateras con desembarco de inmigrantes contabilizados polas autoridades como a rescates realizados en mar aberto por barcos de oenegués.

A2. Observade os datos que teñades acumulado nun período de tempo determinado, por exemplo dúas semanas.

A3. Reflexionade sobre estes datos e reflectide en dúas columnas os aspectos positivos e os aspectos negativos que teñades observado. Debatede sobre a cuestión para confeccionar esas columnas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A sociedade civil, ao rescate