O cambio climático cóase nas aulas

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Manifestación en Seúl a favor da loita contra o cambio climático o pasado 21 de setembro
Manifestación en Seúl a favor da loita contra o cambio climático o pasado 21 de setembro HEO RAN

O secretario xeral da ONU, António Guterres, fixera un chamamento a todos os líderes para que acudiran a Nova York o 23 do pasado mes de setembro con plans concretos e realistas. A finalidade era mellorar as súas contribucións a nivel nacional para o 2020, seguindo a directriz de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 45 % nos próximos dez anos e a cero para o 2050. «Veñan con compromisos concretos, non con discursos adornados», pedira Guterres aos líderes mundiais.

23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

1. Cume da Mocidade 2019. Acción Climática

Novos líderes de todo o mundo reuníronse o sábado 21 de setembro para expor solucións climáticas e comprometerse con líderes mundiais neste tema tan decisivo. O Cume da Mocidade sobre o Clima consistiu nun día repleto de actos que reuniu a mozos activistas, innovadores, emprendedores e promotores comprometidos coa loita contra o cambio climático ao ritmo e á escala necesarios para afrontar este enorme desafío. Un cume orientado á acción, de carácter interxeracional e inclusivo, que contou con representación de novos líderes de todas as condicións e orixes:

  • https://cutt.ly/FedrvOE

2. Os dez títulos  indicativos para andar  por casa

O cambio climático esixe que tomemos medidas urxentes, coordinadas e coherentes. Actúa Agora sérvese de ferramentas de intelixencia artificial para promover o cambio de comportamentos. O chatbot Actúa Agora -unha campaña en redes sociais e Internet- suxire accións que podemos incorporar ao noso día a día para reducir a nosa pegada do carbono, como viaxar de xeito máis sostible, aforrar enerxía ou comer menos carne. Ao rexistrar e compartir as túas accións, enviarás a mensaxe de que as persoas como ti apoian a acción climática e están dispostas a participar. A campaña resalta os efectos positivos da acción colectiva neste momento crítico da historia do planeta. Canta máis xente participe maior será o impacto.

Participa! Estes son os dez títulos indicativos: Duchas de 5 minutos / Conducir menos / Comidas sen carne / Produtos locais / Reciclar / Apagar as luces / Desenchufar / Encher e reutilizar / Moda ecolóxica / Levar a túa propia bolsa.

  • https://www.un.org/es/actnow/index.shtml

3. Noticias sobre o cambio climático en La Voz de Galicia

  • https://www.lavozdegalicia.es/temas/cambio-climatico/

A ONU alerta: a Terra diríxese cara a un escenario sen precedentes.

O informe advirte que o aumento do nivel do mar podería alcanzar un metro a finais de século no peor dos casos. O informe presentado polos científicos de Nacións Unidas sobre o estado dos océanos e a criosfera foi tan demoledor como se esperaba. No texto participaron máis de cen autores de 36 países, que revisaron arredor de 7.000 publicacións. Os investigadores do IPCC (Panel de Expertos sobre Cambio Climático da ONU) confirman o quecemento global e os seus efectos. Aseguran, por exemplo, que as ondas de calor mariñas duplicáronse desde 1982. Actualmente hai unha zona de augas moi cálidas no leste do Pacífico que podería ter un enorme impacto económico, como xa ocorreu entre o 2014 e o 2016. O documento engade que, se o aumento da temperatura chega a dous graos, a frecuencia destes sucesos extremos será vinte veces maior (Xavier Fonseca).

Galicia e o cambio climático: fóra vitimismo

Galicia encóntrase hoxe nunha situación moi complexa e nunha encrucillada histórica. Hai uns días presentábase na Universidade de Vigo o recente informe do IPCC (Panel Intergobernamental do Cambio Climático) sobre océanos e criosfera, que alerta de significativas afectacións da costa e dos recursos mariños como consecuencia do cambio climático. Un país tan dependente do mar como o noso ten razóns abondo para preocuparse por este fenómeno, pero as sombrías perspectivas dun cambio climático cada vez máis acelerado que terá implicacións en practicamente todas as nosas actividades e benestar esixen planificar e comezar unha adaptación global e a grande escala. Tamén xustifica unha redución rápida e intensa das nosas emisións causantes dos fenómenos de cambio climático (Xavier Labandeira, 15/10/2019).

Cambio climático: imaxinas Noia convertida en Venecia?

As previsións de futuro non son para nada boas. A acción do home sobre a Terra e as consecuencias disto fan que o coñecido cambio climático deixe de soar a conto para verse como unha realidade. Desde moitos ámbitos está a avisarse e xa nos estamos dando conta. O clima non é o que era e espérase que siga variando. Por iso, a finais deste século, os habitantes de Barbanza poderían ter que soportar vagas de calor de ata un mes de duración e anos con 22 días de choiva menos que na actualidade. Un problema grave, tendo en conta que desde hai un tempo vivimos con alertas periódicas de seca e ameazas de restricións no uso da auga polos baixos niveis dos encoros (14/10/2019). [Sigue a lectura ata o final].

Contra o cambio climático en Cambados

 Unha trintena de persoas déronse cita este sábado pola mañá en Cambados para participar nunha marcha contra o cambio climático convocada polo colectivo A Naiciña. Os convocantes redactaron un manifesto no que abordan o problema desde unha perspectiva global, pero tamén desde a óptica local, pedindo aos concellos políticas respectuosas co medio ambiente. «Ante o estado de crise climática que tantos gobernantes non queren ver queremos apoiar á xuventude que reclama o dereito a herdar un planeta habitable». A marcha transcorreu de Fefiñáns a San Tomé e terminou con actos lúdicos… (12/10/2019). [Segue a lectura ata o final].

Rodas, das primeiras praias que borrará o cambio climático

(14/10/2019)

Cada centímetro de aumento do nivel do mar supón un metro de retroceso da liña de costa, e as cifras aumentan. Dicía Jalil Gibrán: «Sempre estou vagando nesta praia entre a area e a espuma. A marea borrará as pegadas dos meus pés e o vento espallará a espuma. Pero o mar e a praia continuarán por sempre». [Segue a lectura ata o final].

ACTIVIDADES

A1. O de ler ata o final ten unha dobre finalidade: que te decates ben da noticia e que sirva de reflexión sobre o tema. Que opinas?

A2. Que influencia podemos ter todos no tema do clima e que podemos facer? Ocórresenos a todos os da clase algunha idea que poidamos pór en práctica ou é algo que non vai connosco e que xa o arranxarán? Que opinas, que facemos xa hoxe mesmo? Envíanos as túas ideas. Grazas.