Víctor Hugo, o grande escritor romántico que amaba a multitude

LA VOZ DE LA ESCUELA

Víctor Hugo foi un dos artífices do romanticismo literario, pero tamén foi un home público que se dedicou á política
Víctor Hugo foi un dos artífices do romanticismo literario, pero tamén foi un home público que se dedicou á política

Novo curso, e acudimos á nosa cita literaria con La Voz de la Escuela. Será cada mes, como en anos anteriores, e seguiremos traendo a esta dobre páxina a grandes escritores cuxos nomes ocupan un lugar de privilexio na literatura mundial. Autores de diferentes linguas e nacionalidades, e de épocas distintas, iranse sumando a esa xa longa lista doutros que foramos debullando en cursos anteriores.

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Hugo é a figura clave do romanticismo francés, tanto pola súa vida como pola súa obra, que abarcou todos os xéneros literarios. Hai que subliñar que o movemento cultural romántico xurdiu trala crise que afectou a Europa despois da traumática Revolución francesa (1789) e que se desenvolveu ata ben mediado o século XIX. Afectou a todos os aspectos da vida: a política, os costumes, a arte, a literatura, as modas… Pois ben, Víctor Hugo é unha das columnas deste gran movemento cultural. Foi un dos escritores máis populares do seu tempo, aínda hoxe en día figura entre os máis coñecidos de Europa e está considerado como un dos alicerces da literatura francesa.

Víctor Hugo naceu o 26 de febreiro de 1802 na localidade francesa de Besançon. Poeta, dramaturgo e novelista, é considerado un dos grandes da literatura e tamén un político e intelectual moi comprometido e influente no seu país e nas letras do século XIX. O seu gran talento e a súa enorme e variada produción literaria, o seu sentido da xustiza e a súa sensibilidade cara aos humildes e os desherdados fan que teña logrado o que sempre quixo ser: o eco sonoro do seu século. A súa vida e a súa obra están marcadas pola defensa da liberdade e da xustiza social, o que fixo activamente cando participou en política. Unha experiencia política que lle supuxo unha condena ao exilio durante os vinte anos do Segundo Imperio francés (1852-1870). Pero o seu activismo non resultaría baldío: vai permitir que as posteriores xeracións reflexionen sobre a implicación e o compromiso dos escritores na vida política e social.

Víctor Hugo era fillo dun xeneral do imperio napoleónico. Foi o menor dunha familia de tres fillos homes. A consecuencia dos destinos militares do seu pai, a súa infancia estará marcada polos frecuentes cambios de residencia, incluso fóra de Francia. En 1811 trasládanse a Madrid, cando o seu proxenitor acompañou a España ao novo rei Xosé I (o soado Pepe Botella), irmán de Napoleón Bonaparte. Xunto ao seu irmán Eugène ingresa como interno nun seminario de nobres, que é como rebautizaran os ocupantes franceses unha antiga residencia relixiosa dos escolapios.

ESCRITOR PRECOZ

En 1813 Víctor e os seus irmáns instaláronse en París coa súa nai, que se separou do seu marido tras un romance con outro xeneral próximo á familia, xa que era o padriño e preceptor do futuro escritor. En setembro de 1815, Víctor e Eugène son separados da súa nai e internados na pensión Cordier ata 1818. É nesta época cando rompe a compor versos. Autodidacta, mediante tenteos aprende a utilizar a rima e a medida. Os seus escritos son revisados e corrixidos por un mozo mestre da pensión Cordier que fixo amizade cos dous irmáns. A súa vocación é precoz e a súa ambición inmensa; en xullo de 1816, con apenas 14 anos de idade, Víctor anota no seu diario: «Quero ser Chateaubriand ou nada».

A súa carreira literaria empeza con bo pé, pois en 1819 gaña un dos concursos organizados pola Academia de Xogos Florais de Toulouse. Tamén, un Lis de Ouro e un Amaranto de Ouro noutros tantos concursos poéticos, así como outro premio ao ano seguinte.

Animado polos seus éxitos, funda en 1819, cos seus irmáns Abel e Eugène, a revista Le Conservateur Littéraire, que o consolida xa no mundo literario. En 1821 morre a súa nai prematuramente, e, baixo este efecto sentimental, escribe poemas, que publicará ao ano seguinte, baixo o título Odas e poesías diversas.

A edición de 1.500 exemplares esgótase en catro meses. O poeta ten só 20 anos. O rei Luís XVIII faise cun exemplar e queda tan impresionado que lle outorga unha pensión anual de mil francos, que lle permiten casar ao ano seguinte coa súa amiga Adèle Foucher, coa que terá cinco fillos. Este matrimonio levou ao seu irmán Eugène, que pretendía tamén a mesma muller, á tolemia, a unha esquizofrenia que tivo como consecuencia a súa reclusión ata a súa morte en 1837. O romanticismo facía estragos tamén nos sentimentos!

INTRODUTOR DO ROMANTICISMO

Cada nova publicación, sexa poesía, novela ou teatro, vai afianzando o seu prestixio. Pon especial fincapé en afianzar o Romanticismo, ese movemento novo que quere enterrar para sempre a vella estética neoclásica. Publica Cromwell (1827), unha obra de teatro que provoca un grande escándalo pola súa oposición frontal ás convencións clásicas, en particular ás unidades aristotélicas de acción, tempo e lugar. Acaba de nacer o teatro romántico.

En 1829 publica un libro de poesía, Orientais, que fará que ese movemento tamén se asente no mundo da lírica. Estrea outro drama romántico, Hernani, en 1830, e ao ano seguinte a novela histórica Nosa Señora de París, despois do cal pode dicirse que o romanticismo asentou na literatura francesa. Esta novela, terceira das súas, foi escrita por encargo, e dentro do que foi o primeiro romanticismo, o de carácter historicista e de exaltación nacionalista que representa Walter Scott, a cuxo modelo o editor lle esixiu expresamente a Víctor Hugo que se ativese.

É agora, xa escritor recoñecido, cando se relaciona co máis destacado da cultura en Francia, como son o crítico e escritor Sainte-Beuve, os poetas Lamartine e Alfred Musset, o novelista Prosper Merimée, o pintor Delacroix e o músico Liszt. Nesta época, a súa muller mantén unha relación amorosa con Sainte-Beuve, polo que o matrimonio acabará rachando.

Pouco tempo despois, en 1833, Víctor Hugo coñece á actriz de teatro Juliette Drouet, que abandona a súa profesión para converterse na súa secretaria e amante. Drouet salvarao do encarceramento durante o golpe de Estado de Napoleón III e acompañarao ao exilio nas illas británicas. Hugo escribirá para ela numerosos poemas de agradecemento e amor, o que non era impedimento para que tivese outras amantes.

HOME PÚBLICO

En 1841 Víctor Hugo ingresou na Academia Francesa, pero en 1843 deixou de escribir teatro debido ao fracaso dunha estrea. Contribuíu a fonda crise que sufriu por estas datas debido á morte da súa filla Léopoldine, afogada no Sena ao naufragar a embarcación na que ía, e dun dos seus irmáns. Talvez para compensar este baleiro teatral entrégase á actividade política: é nomeado par de Francia en 1845 polo rei Luís Filipe de Orleans. Militaba no Partido Conservador, pero as súas ideas sobre a xustiza social e os dereitos das persoas provocaron que rompese con el. Neste sentido causou grande impresión entre a poboación francesa o seu discurso no Parlamento sobre a lei de pensións e asistencia pública, na que denuncia a situación de desesperación de gran parte da poboación e culpa aos políticos de non buscar solucións.

En xullo de 1851 denuncia as ambicións ditatoriais de Luís Napoleón e, tras o golpe de Estado, foxe a Bélxica. Entre os anos 1843 e 1845 non publica nada, pero si concibe a novela Os miserables, que terá unha enorme importancia e gozará de grande éxito entre o público, e compón numerosos poemas que se publicarían máis tarde.

En 1852 instalouse en Jersey (Reino Unido). Alí permaneceu exiliado ata 1870, ao rexeitar unha amnistía que lle ofreceu Napoleón III. Deste exilio de case vinte anos naceron Os castigos, brillante sarta de poesías satíricas, a triloxía O fin de Satán, Deus e A lenda dos séculos, exemplo de poesía filosófica na que traza o camiño da humanidade cara á verdade e o ben desde a época bíblica ata o seu tempo, e Os miserables (1862), que denuncia a situación das clases máis humildes.

De volta a París, trala caída de Napoleón III (1870), Víctor Hugo foi aclamado publicamente e elixido deputado e, anos máis tarde, senador de París. Desde o seu escano defendeu a amnistía dos partidarios da comuna. Con todo, desenganado da política, regresou ao Reino Unido dous anos despois.

A medida que o ritmo da súa produción diminuía, o seu prestixio aumentaba. Foi recoñecido e homenaxeado en vida tanto por escritores como por políticos, e gozou dunha gran popularidade e simpatía entre o pobo. Esa popularidade e recoñecemento non decreceron en ningún momento despois da súa morte. De feito, numerosas óperas inspiráronse nas súas obras, centos dos seus poemas foron musicados e fixéronse representacións musicais e adaptacións cinematográficas da maioría das súas novelas.

«Os miserables»: un mundo de ficción que retrata o real

O premio nobel Mario Vargas Llosa dedicou dous anos a estudar esta extraordinaria novela, e o seu traballo sobre ela está presidido pola admiración incondicional que sentiu desde o momento en que comeza a súa lectura: «Os miserables está chea de aventuras, no terreo social, no político, no amoroso, pero o que me asombra é que che permite coñecer a vida como nunca a coñecerías simplemente vivindo, e iso conségueo pola perspectiva que toma fronte a todo o que ocorre. Os personaxes poden ser moitas veces arquetípicos, pero os dilemas que viven e que transmiten seguen formando parte da condición humana, e iso nunca perde actualidade».

A novela é ambiciosa xa desde a súa concepción. Víctor Hugo chega a dicir que o que persegue coñecer é «a vida íntima da alma», e tamén observa que o libro é un «ensaio sobre o infinito». Un dos seus grandes momentos é a descrición da batalla de Waterloo, e outro, a narración da insurrección popular que se desencadeou en París durante o enterro do xeneral Lamarque o 5 de xullo de 1832.

Ao longo das súas páxinas crúzanse historias moi diferentes. A de Jean Valjean, o tipo sinxelo que pasa 19 anos no cárcere por roubar un pan e que se transforma nun home bo a través da dor e o sacrificio. A de Marius, o personaxe que toma moitos elementos da biografía do propio Víctor Hugo. A de Javert, o policía que serve fanaticamente á causa da lei e que se suicida cando descobre que esa lei que defende non sempre está de acordo coa moral. Están as peripecias da bela Fantine e do santo Bienvenu Myriel, está a indefensión de Cosette e a alegría do pícaro Gavroche... Un mundo de ficción que retrata de forma recoñecible o real.

Así dicía o testamento dun heroe nacional francés

Víctor Hugo faleceu en París o 22 de maio de 1885 á idade de 83 anos, cando aínda se atopaba en plenas facultades. As súas opinións, á vez morais e políticas, e a súa obra excepcional convertérono nun personaxe emblemático ao que a Terceira República honrou cun funeral de Estado, celebrado o 1 de xuño e ao que asistiron máis de dous millóns de persoas, e coa inhumación dos seus restos no Panteón de París. O recoñecemento popular foi unánime e non foi posible impor aquela contención e humildade que o propio Víctor Hugo solicitara nas súas últimas vontades, e que quedan claras neste parágrafo do testamento:

«Lego 40.000 francos aos pobres. Desexo ser levado ao cemiterio no carro fúnebre dos pobres […]. Lego todos os meus manuscritos e todo canto se atope escrito ou debuxado por min á Biblioteca Nacional de París, que será un día a Biblioteca dos Estados Unidos de Europa. Deixo unha filla enferma e dous netos: a todos os bendigo […]. Anoto aquí, para que sexa reservada, a renda anual e vitalicia que lego á animosa muller que, cando o golpe de Estado, me salvou a vida con risco da súa, e que despois salvou a caixa que contiña os meus manuscritos. Vou pechar os ollos terreais, pero os espirituais seguirán abertos máis grandes que nunca. Rexeito a oración de todas as Igrexas, pido unha oración a todas as almas».